De Chantada á Pontenova: dous médicos para 8.000 pacientes, un para 2.000 habitantes

Centro de saúde de Chantada CC-BY-NC-ND CIG

Dous médicos para atender máis de 8.000 pacientes. É a situación que denuncian usuarios do centro de saúde de Chantada e da que alerta tamén CIG-Saúde, que pide solucións a unha problemática que afecta varias comarcas de Galicia, sobre todo no verán. De feito, na mesma provincia pero a máis de 120 quilómetros, na Pontenova, as demandas erguéronse tamén ao contar o ambulatorio da localidade cun só médico para atender unha poboación de máis de 2.000 habitantes, unha eiva que o BNG levou xa ao Parlamento co rexistro de varias preguntas por parte do deputado mariñao Daniel Castro. 

CIG-Saúde denuncia que dous médicos atenden máis de 8.000 pacientes en Chantada; na Pontenova, o BNG advirte de un para unha poboación de máis de 2.000 persoas

No caso de Chantada, CIG-Saúde advirte dunha "situación caótica" de varios meses que provocou a saturación no Punto de Atención Continuada (PAC) da localidade, ao que acoden moitos máis pacientes do habitual ante a imposibilidade de conseguir cita no centro de saúde. Ademais, denuncia o sindicato, o servizo de Atención Primaria tampouco contou con pediatra nos últimos días. 

Centro de saúde nunha vila galega CC-BY-NC-ND CIG

A falta de persoal provoca que o Sergas teña que recorrer a solucións de urxencia, como cando esta semana un dos dous únicos médicos no centro de saúde chantadino tivo que coller a baixa. A área sanitaroa de Lugo, A Mariña e Monforte dispuxo doutro profesional de familia pero "só para atender urxencias e coas axendas de todos os facultativos anuladas"

No caso da Pontenova, como no de Chantada, os problemas adóitanse agudizar no verán "xusto cando aumenta a poboación". Na proposición non de lei que tamén presentou o BNG no Parlamento, a formación nacionalista insta a Xunta a "cubrir de xeito inmediato calquera dos períodos vacacionais e/ou calquera baixa laboral que afecte o persoal sanitario do centro de saúde, dado que este é un dos problemas que acontece repetidamente". 

Xente na sala de espera dun centro de saúde en Galicia CC-BY-SA Xunta

“O feito de non cubrir os períodos vacacionais dos profesionais da sanidade ten consecuencias que se ven tamén na Pontenova. Por desgraza, neste mes de agosto volvemos ver esperas de máis dunha semana para ter unha cita médica, para obter os resultados dunhas análises ou para conseguir receitas médicas”, explica Xorxe Gómez, concelleiro do BNG na localidade, nun problema que tamén denuncian en Chantada. 

"O PP fai saltar polos aires o dereito á atención sanitaria, á proximidade e á accesibilidade", denuncia Daniel Castro, deputado do BNG

Daniel Castro, deputado do BNG, asegura que a súa formación "seguirá a poñer o foco na deterioración da sanidade pública, provocada pola redución sistemática de medios materiais e humanos". "

Así se pode comprobar na Pontenova, que desgrazadamente non é un caso illado, senón que acontece en toda a comarca e en todo o país” . "O PP fai saltar polos aires o dereito á atención sanitaria, á proximidade, á accesibilidade pondo en risco a poboación e os profesionais coa falta de médicos, pediatras ou enfermeiros; e isto acontece polo continuado recorte nos orzamentos en materia de sanidade”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.