En Mesía, contaban non hai moito cun equipo médico -unha persoa doutora e outra enfermeira- en cada un dos dous centros de saúde do municipio: o de Visantoña e o de Xanceda. Ademais, unha matrona mais unha pediatra acudían aos dous ambulatorios. En 2020, a veciñanza máis cativa quedou sen profesional de pediatría, tendo que desprazarse as familias ata o veciño concello de Ordes no caso de ter consulta. Un ano despois, en 2021, quedaron tamén sen comadroa.
No caso de ter revisión de idade das crianzas, as familias vense obrigadas a acudir primeiro a Ordes, a pediatría, e logo regresar a Mesía para que as vexa a enfermeira. A situación "que xa era deficitaria", como denuncia a veciñanza, virou nos últimos meses en "insostible". Desde o pasado mes de marzo non hai médico en Visantoña, xubilado en maio e que tan só foi cuberto uns días ata que en verán o centro de saúde quedou cunha única enfermeira.
Mesía foi perdendo en poucos anos persoal sanitario nos seus dous centros de saúde: desde 2020 quedou sen pediatra, logo sen matrona e agora só conta cun médico de familia
A doutora que consulta en Xanceda é quen fai horas extras pola tarde para poder cubrir a ausencia dunha praza de médico de familia que non foi substituída e que conta con arredor de 900 persoas usuarias de cupo en Visantoña. Noutras ocasións, é un profesional desprazado ao remate da súa xornada desde o Punto de Atención Continuada (PAC) de Ordes o que acode a este centro de saúde agora sen prestación médica.
Xa que logo, nos dous centros de saúde de Mesía traballa actualmente unha única titular de Medicina de Familia e non hai, xa desde hai anos, nin pediatra nin matrona ningunha. Nun municipio duns 2.500 habitantes e con 200 menores de 14 anos, adscritos á consulta pediátrica. A situación non é nova e recorda á ocorrida o ano pasado noutros concellos rurais e avellentados, non só en vilas turísticas, como Abadín.
"Cóbrese a presenza pero estase moi lonxe de garantir unha continuidade nos coidados e un seguimento das persoas usuarias e das súas patoloxías", denuncia CIG-Saúde respecto dos últimos "recortes". Precisamente, o sindicato nacionalista foi o convocante dunha mobilización o pasado xoves diante do centro de saúde de Xanceda. Alí, as varias ducias de veciños presentes, a través dun comunicado, no que denuncian a "mala e deficiente asistencia sanitaria" derivada da falta de persoal.
Veciñanza mobilizouse este pasado xoves contra unha situación "que era deficitaria e agora é insostible"
"A Atención Primaria en Galicia, e sobre todo no rural, vén sufrindo anos de recortes e tamén dunha serie de políticas destinadas a mantela nun segundo plano, sabendo como saben, pero dálles igual, que unha boa atención primaria é algo fundamental e imprescindible para o bo funcionamento da sanidade e para unha boa xestión dos recursos", advirte a veciñanza nun comunicado
"A situación xa era deficitaria, sen matrona e sen pediatra, e xa non era pouco, pero agora está a converterse en insostíbel, xa que decidiron non cubrir o médico de Visantoña nestes meses de verán, situación que non sabemos ata cando se vai a manter", denunciaron nunha protesta que vén resumir a situación de moitas outras zonas de Galicia, especialmente en concellos pouco poboados e, sobre todo, en época estival.
O Concello -gobernado en maioría absoluta polo PSdeG- apoiou a mobilización e impulsou unha recollida de sinaturas reclamando ao Sergas que cubrise os postos de matrona, pediatra e médicos nos dous centros. Desde o BNG, varios dos seus deputados no Parlamento galego presentaron varias preguntas e proposicións para solucionar a situación.
"Non lles fixeron caso ningún, o mesmo que a todas as mocións que levamos presentadas e aprobadas desde o Concello. Supoñemos que farán o mesmo coas sinaturas, ás que aínda non contestaron desde a Xunta", explica Beatriz Louro, concelleira do Bloque en Mesía e que advirte, como fai o comunicado, de que é moita xa a veciñanza que decide "tirar pola sanidade privada" ante a deficiencia asistencial no municipio.
CIG-Saúde, pola súa banda, cre que o que ocorre en Mesía "evidencia o estado da sanidade no rural do noso país". "Non é un caso illado, xa que sobran exemplos para pór, pois xa se converteu en norma o que debería ser unha excepción: a falta de carteira de servizos que se lle ten que ofertar á cidadanía e a reposición de profesionais a fin de garantir unha sanidade de calidade e acorde aos tempos que vivimos", denuncian.
Para o sindicato nacionalista, a escusa de que non hai profesionais nas listas de contratación da que tira a Consellería de Sanidade "é unha falacia".