Galicia, á cabeza do Estado en número de pacientes que atende cada día o persoal de Atención Primaria

Consulta de Atención Primaria durante a pandemia CC-BY-SA Sergas Ourense

Un dos aspectos máis sinalados nos últimos anos en relación á situación da sanidade pública galega e, en concreto, da Atención Primaria é a enorme "presión asistencial" que debe aturar o persoal sanitario, é dicir, o número de pacientes que os profesionais de Medicina de Familia, pero tamén de Pediatría e de Enfermaría, teñen que atender cada día. Son habituais as denuncias concretas sobre a saturación que sofre un centro de saúde ou un profesional determinado, con axendas de 50, 60 ou 70 pacientes nun día concreto.

Os datos amosan que case todas as áreas sanitarias galegas se sitúan entre as zonas do Estado cunha maior presión asistencial, nunha situación que comparten coa maior parte de Andalucía e, nalgúns casos, con áreas de saúde da Comunidade Valenciana ou Cantabria

Porén, agora a Fundación Civio vén de poñer cifras á situación xeral que se vive nas áreas sanitarias galegas, grazas á publicación dunha completa investigación que parte da información actualizada do número diario de pacientes atendidos nos centros de sáude de todo o Estado. Os datos foron obtidos nos últimos meses a través da Lei de Transparencia, que obriga ás administracións a facer públicas informacións de interese xeral sobre os seus ámbitos de xestión.

Neste caso, requiriuse ás distintas comunidades autónomas o número medio de pacientes vistos a diario por cada profesional de medicina de familia, pediatría e enfermería en cada centro de saúde, co obxectivo de "coñecer cal é a saturación da atención primaria da forma máis detallada e próxima". Todas as comunidades agás Asturias achegaron os datos medios das súas áreas sanitarias e, ademais, Aragón, Baleares, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Madrid, Estremadura, Murcia, Navarra, A Rioxa, Ceuta, Melilla e Canarias (agás Tenerife) proporcionron información específica de cada un dos seus centros de sáude.

Galicia, ao igual que Andalucía, Castela-A Mancha, C. Valenciana e País Vasco, só entregou unha información parcial e non proporcionou os datos específicos de cada centro de saúde, como se lle requiría. Xa o pasado ano a Xunta fora unha das administracións -xunto con Cataluña, Asturias e Cantabria- que se negou a achegar as cifras xerais sobre a súa presión asistencial. Non é a primeira vez que a Xunta e, en concreto, o Sergas limita o acceso á información sobre a xestión sanitaria.

Galicia, ao igual que Andalucía, Castela-A Mancha, C. Valenciana e País Vasco, só entregou unha información parcial e non proporcionou os datos específicos de cada centro de saúde, como se lle requiría

A investigación de Civio, organización xornalística sen ánimo de lucro que persegue a "transparencia de verdade nos asuntos públicos" e "dotar a toda a sociedade da información que necesita para esixir responsabilidade e eficacia ás administracións", permite coñecer a presión asistencial que sofre cada área sanitaria galega e comparala coa situación que se vive no resto do Estado. Faino, ademais, ofrecendo datos sobre o número de pacientes que atenden cada día nos centros de saúde os profesionais de Medicina de Familia, pero tamén os de Pediatría e Enfermaría.

Os datos amosan que case todas as áreas sanitarias galegas se sitúan entre as zonas do Estado cunha maior presión asistencial, nunha situación que comparten coa maior parte de Andalucía e, nalgúns casos, con áreas de saúde da Comunidade Valenciana ou Cantabria. Este elevado número de doentes atendidos diariamente por cada profesional sanitario contrasta con cupos de pacientes que si se sitúan na media.

Os e as médicas de familia galegas atenden cada día, de media, entre 35 e 40 pacientes, mentres que os e as pediatras de Atención Primaria ven entre 25 e 32 nenos e nenas e as enfermeiras e enfermeiros dos centros de saúde teñen axendas diarias de entre 19 e 29 doentes

Os e as médicas de familia galegas atenden cada día, de media, entre 35 e 40 pacientes, mentres que os e as pediatras de Atención Primaria ven entre 25 e 32 nenos e nenas e as enfermeiras e enfermeiros dos centros de saúde teñen axendas diarias de entre 19 e 29 doentes. 

Pontevedra-Salnés e Vigo son as que presentan unha maior saturación en Medicina de Familia, mentres que en Pediatría son as áreas sanitarias de Lugo, Santiago, Vigo e Ourense as máis saturadas. En Enfermaría é A Coruña a área con máis doentes por profesional. A área ferrolá é a que presenta indicadores máis baixos nos tres apartados. 

As áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo atópanse entre as dez máis saturadas do Estado no que atinxe ao número de pacientes que atenden a diario as e os médicos de familia

Como se sitúa Galicia en relación aos restantes territorios do Estado? Están máis saturados os centros de saúde galegos (e as súas e os seus profesionais) que os doutras comunidades? Á vista dos datos achegados por cada administración e publicados por Civio, a resposta é afirmativa.

Por exemplo, no que atinxe ao número de pacientes que atenden a diario as e os médicos de familia, as áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo atópanse entre as dez máis saturadas do Estado (a falta de coñecer os datos de Asturias), nunha lista que encabeza a área de Elx-Crevillent, en Alacante. Pero, ademais, as outras cinco áreas sanitarias galegas tamén aparecen entre as 50 primeiras, dun total de 155 con información, con Lugo no posto 18, Santiago no 22 e Ferrol no 26.

Máis preocupante é a situación en Pediatría, ámbito no que 4 das 7 áreas sanitarias galegas aparecen entre as dez máis saturadas de todo o Estado

Máis preocupante é a situación en Pediatría, ámbito no que 4 das 7 áreas sanitarias galegas aparecen entre as dez máis saturadas de todo o Estado. Lugo, con case 32 nenos e nenas diarios por pediatra, é a terceira, mentres que Santiago, Vigo e Ourense roldan as 30 crianzas atendidas a diario. Tan só a área de Reinosa e a Jaen Sur rexistran unha presión asistencial superior á da área sanitaria lucense. Pontevedra, A Coruña e Ferrol presentan datos mellores, pero tamén se sitúan entre as 50 primeiras, dun total de 152. 

Na presión asistencial nos servizos de Pediatría en Atención Primaria chama a atención o empeoramento rexistrado nos últimos anos en Galicia

Na presión asistencial nos servizos de Pediatría en Atención Primaria chama a atención o empeoramento rexistrado nos últimos anos en Galicia. Segundo os datos da Xunta, o número de pacientes atendidos diariamente pasou en Lugo de 26,7 en 2021 a 31,7 nos dez primeiros meses de 2022. E a evolución foi semellante das demais áreas, pasando en Santiago, Vigo e Ourense de niveis próximos a 26 pacientes atendidos en 2021 a case 30. E na Coruña e Ferrol, de 22 a 25.

En Medicina de Familia houbo menos variacións na presión asistencial media nos últimos anos, aínda que esta si aumentou de forma importante en Lugo, con subas menores na Coruña, Ourense e Santiago e estabilidade en Pontevedra, Vigo e Ferrol. En Enfermaría si se produciu un aumento significativo na maior parte das áreas, especialmente na Coruña, Vigo, Santiago e Ourense.

En Enfermaría, A Coruña, Ourense e Santiago son as tres áreas máis saturadas de todo o Estado

Finalmente, en Enfermaría, de novo aparecen catro áreas sanitarias galegas entre as dez máis saturadas do Estado, pero nesta ocasión tres delas (A Coruña, Ourense e Santiago) encabezan a lista, con Vigo en sétima posición. Pontevedra (33ª) e Ferrol (40ª) tamén presentan valores elevados, mentres que Lugo si aparece en

Na Medicina de Familia os cupos dos e das profesionais galegas non son máis elevados que a media, todo o contrario. Os cupos dos e das médicas de familia das áreas sanitarias galegas móvense entre os 1.057 de Ourense e os 1.394 de Pontevedra, situándose entre a metade e o final da lista, moi lonxe dos cupos máximos por riba dos 1.600 pacientes que presentan áreas doutros territorios.

En cambio, en Pediatría, Lugo e A Coruña si aparecen entre as áreas de todo o Estado cos cupos máis numerosos, o mesmo que Vigo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.