Milleiros de persoas encheron este domingo a Praza do Obradoiro convocadas formalmente pola plataforma SOS Sanidade Pública pero impulsadas en realidade polas deficiencias crecentes que presenta o sistema sanitario público tanto na Atención Primaria coma na hospitalaria. Eivas, principalmente, de recursos humanos e financiamento que están a provocar un incremento das esperas para os pacientes e unha deterioración nas condicións laborais do persoal sanitario.
"A situación de destrucción da Atención Primaria galega está alcanzando un punto de inflexión que vai ser irreversible en breve se non se toman medidas inmediatas", denuncia a plataforma SOS Sanidade Pública
Foron 25.000 segundo a Policía Local e 50.000 segundo a organización. Unha marcha masiva, en calquera caso, composta por manifestantes chegados de todo o país, de comarcas que levan meses saíndo á rúa en demanda de solucións para os problemas que presentan os seus centros de saúde, puntos de atención continuada e hospitais: Marín, Costa da Morte, O Baixo Miño, Vigo, A Coruña, A Mariña, O Morrazo... Pouco despois do mediodía a marcha partiu dunha Alameda ateigada nun día solleiro, con berros dirixidos ao presidente da Xunta ("Rueda, baldreu, o Sergas non é teu" ou "Que poñan a Rueda nas listas de espera") ou en defensa do sistema público ("Pública somos, pública seremos, pola privada nunca pasaremos").
En Compostela confluíron manifestantes chegados de comarcas que levan meses saíndo á rúa en demanda de solucións para os problemas dos seus centros de saúde, puntos de atención continuada e hospitais: Marín, Costa da Morte, O Baixo Miño, Vigo, A Coruña, A Mariña, O Morrazo...
A marcha percorreu despois as rúas compostelás ata chegar a unha Praza do Obradoiro na que Isabel Risco exerceu de mestra de cerimonias agardando a que a longa fileira de manifestantes saíse finalmente da Alameda e acadase o seu destino final. “Non se di por dicir, aínda hai xente saíndo da Alameda, aínda hai xente saíndo de Pontevedra, aínda hai xente saído de Ribadeo… O Obradoiro fíxose para que defendamos o noso orgullo como pobo”, destacou Risco pouco antes de que María Lado e Lucía Aldao (Aldaolado) lesen o manifesto da convocatoria. No estrado chamaba a atención un pneumático, unha roda de reposto na que se podía ler a palabra "presidente", nun xogo de palabras co apelido de Alfonso Rueda e coa súa condición de substituto de Núñez Feijóo.
Foron 25.000 segundo a Policía Local e 50.000 segundo a organización
"A situación de destrucción da Atención Primaria galega está alcanzando un punto de inflexión que vai ser irreversible en breve se non se toman medidas inmediatas", denuncia a plataforma SOS Sanidade Pública, que leva anos denunciando a "falta de recursos" humanos e materiais no sistema sanitario galego, alertando da "falta de persoal, de orzamentos e de organización, así como as limitacións no acceso da poboación aos centros de saúde, aos servizos de pediatría e aos PAC". Nesta ocasión a plataforma buscaba facer fincapé na situación da Atención Primaria, denunciando "a deterioración da principal porta de acceso á sanidade pública, así como do conxunto do sistema sanitario, como se pode comprobar co colapso das urxencias e o aumento das listaxes de espera".
SOS Sanidade Pública critica que a Xunta destine á Atención Primaria o 14% do gasto sanitario total, moi por debaixo do 25% recomendado pola OMS, e reclama poñer en marcha "un plan extraordinario e urxente necesario para solucionar a falta de persoal sanitario"
SOS Sanidade Pública critica que a Xunta destine á Atención Primaria unicamente o 14% do gasto sanitario total, moi por debaixo do 25% recomendado pola OMS, e reclama poñer en marcha "un plan extraordinario e urxente necesario para solucionar a falta de persoal sanitario que soporta unha situación de desmantelamento e masificación insostenible debido a política sanitaria suicida levada a cabo pola Xunta desde 2008".
A plataforma alerta cun "colapso continuado dos servicios de urxencias hospitalarias debido ao atraso inxustificado nas citas de primeira consulta de Atención Primaria, tanto en ambulatorios coma nos centros de saúde". E advirte de que "a degradación da sanidade pública ten a consecuencia deliberada e intencionada de beneficiar aos intereses de empresas e fondos de inversión privados"
A plataforma denuncia que "o persoal sanitario, superado pola precariedade, os baixos salarios, a presión asistencial excesiva e as consultas masificadas, estase vendo obrigado a marchar da Atención Primaria"
A mobilización culminou ademais o traballo desenvolvido nos últimos meses polas organizacións da plataforma SOS Sanidade Pública na procura de que o Parlamento debata e aprobe unha iniciativa lexislativa popular (ILP) en defensa da Atención Primaria. A plataforma denuncia que "o persoal sanitario, superado pola precariedade, os baixos salarios, a presión asistencial excesiva e as consultas masificadas, estase vendo obrigado a marchar da Atención Primaria" e reclama aumentar o orzamento sanitario para Atención Primaria do actual 14% a un 25%, "que se contrate persoal sanitario para cubrir as plazas eliminadas e que abran de novo os servicios pechados".
"Hoxe estamos aquí miles de persoas ás que nos move un único motivo, que é dicirlle 'basta xa' a un PP que se converteu nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas. Coa saúde deste país non se xoga", dixo Pontón
Na cabeceira da manifestación marchaban os principais líderes das formacións políticas da oposición e dos sindicatos. Antes do inicio, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, subliñou que “hoxe é unha xornada emocionante e histórica neste país, na que miles de persoas cargadas de razóns veñen defender a sanidade pública e a dicirlle ao Partido Popular que non van permitir que sigan xogando coa súa saúde".
"Hoxe estamos aquí miles de persoas ás que nos move un único motivo, que é dicirlle 'basta xa' a un PP que se converteu nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas, 'basta xa' a uns recortes na sanidade pública, 'basta xa' ás listas de espera en Atención Primaria, 'basta xa' á precariedade do persoal que nos coida e que tamén temos que coidar. Coa saúde deste país non se xoga", rematou Pontón.
“Despois de moito tempo tentando que o PP e o presidente da Xunta escoitase as propostas que lle fixeron dende o mundo sanitario, hoxe ímosllo explicar doutra maneira", afirmou Formoso
De igual xeito, Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG-PSOE, sinalou que “despois de moito tempo tentando que o PP e o presidente da Xunta escoitase as propostas que lle fixeron dende o mundo sanitario, despois do seu silencio rotundo, despois de ir poñendo parche tras parche no sistema sanitario galego, despois de asumir un deterioro que está prexudicando a sociedade galega, hoxe ímosllo explicar doutra maneira".
"Hoxe a sociedade civil galega vaille explicar na capital do país o que pensa desa aposta pola devaluación e a privatización daquilo que máis queren as galegas e os galegos, que é o seu sistema de saúde público, o piar principal do sistema de benestar, o piar principal da vida", destacou Formoso, que encabezou a delegación socialista cunha ampla presenza de representantes públicos e orgánicos do PSdeG de toda Galicia, cos alcaldes e alcaldesas de localidades como Vigo, Santiago, Lugo, Vilagarcía, Ames, O Grove, Viveiro, Caldas de Reis ou Meis, entre outros.