Non é a primeira vez que a plataforma SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación unitaria que aglutine as diferentes protestas locais ou censure a política sanitaria en xeral do Goberno galego do PP. Así sucedeu, por exemplo, en 2018 para rexeitar a reforma coa que o Goberno de Feijóo introduciu mudanzas como a supresión de varias áreas sanitarias; en 2019, para reclamar a fin das políticas de "recortes e deterioración"; ou en 2020, nunha gran marcha aguilloada pola loita contra o peche da sala de partos do hospital de Verín. Tamén en 2021, na primeira gran protesta pola sanidade pública galega dende o inicio da pandemia, centrada na defensa da Atención Primaria.
Estas protestas foron moi concorridas. Tanto ou máis, a histórica manifestación de setembro de 2015 en Vigo, cando ducias de miles de persoas -200.000, asegurara a organización- se botaran á rúa para denunciar a xestión que o Goberno galego realizou coa apertura do hospital Álvaro Cunqueiro e o modelo de concesión público-privada co que decidiu construílo e botar a andar os seus servizos non estritamente sanitarios. Igualmente, son diversas as comarcas e localidades que acolleron accións de protesta con notable asistencia.
O discurso público máis habitual da Xunta e do PP ante protestas coma estas veu sendo esgrimir diferentes accións da súa política sanitaria para asegurar que as acusacións de recortes presentes ou pasados se basean en mentiras. E, en todo caso, minimizar a súa importancia.
Xunta e PP condensan as súas acusacións contra SOS Sanidade reprochando que a protesta que reclama un cambio na política sanitaria ao responsable político do Servizo Galego de Saúde está "politizada". "Hai moita politización", lamenta o presidente
En vésperas da convocatoria deste domingo, os populares galegos optaron por subir a intensidade da confrontación pola vía do descrédito dos convocantes, aos que reducen a un pequeno grupo de "directivos" sanitarios do antigo Goberno de PSdeG e BNG (2005-2009). Goberno e partido deron en difundir o alcume SOS Bipartito para mofarse dunha protesta que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou ademais como ás "ordes de Ana Pontón", portavoz nacional do BNG. Ademais, abondan, as reivindicacións deberían dirixirse ao Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos, ao que culpan das carencias de persoal médico. Nesa liña vai unha campaña lanzada polo PPdeG en redes sociais o pasado venres baixo o lema #SánchezTieneLaCura.
En calquera caso, os conservadores condensaron todas estas acusacións nunha. A manifestación de SOS Sanidade Pública, que reclama un cambio na política sanitaria do Goberno galego, responsable político do Servizo Galego de Saúde, está "politizada", din. Así, por exemplo, o pasado martes o presidente, Alfonso Rueda, dicía respectar que haxa "xente que se manifestará lexitimamente", se ben é posible "constatar", mesmo cunha visión "imparcial", que "hai moitísima intención de politizalo todo". "Hai moita politización", lamentouse.
Nun sentido semellante, o pasado xoves tras a reunión semanal do seu Goberno insistía en que nos "convocantes" da manifestación de SOS Sanidade Pública "hai unha intencionalidade política". E ademais, abondaba, esta "vai máis alá de mellorar a sanidade pública", afirmaba para sinalar ligazóns entre o colectivo e as forzas políticas da actual oposición. Nun sentido semellante, o pasado venres o conselleiro Comesaña reprochaba que SOS Sanidade se manifesta de "maneira organizada" e "amparada en partidos políticos" mentres a Xunta "se manifesta todos os días a prol da Atención Primaria".
Durante a presidencia de Feijóo tamén foi habitual que o Goberno do PP rexeitase "politizar" asuntos como a igualdade de xénero, a defensa do galego ou mesmo o reparto dos fondos europeos
Tanto o BNG coma o PSdeG son membros de SOS Sanidade Pública e tanto Pontón como o secretario xeral socialista, Valentín González Formoso, animaron abertamente a manifestarse este domingo. Tamén outras formacións alleas ao Parlamento, caso de Podemos ou partidos locais.
A utilización da politización en sentido despectivo ou susceptible de sospeita non é nova no Goberno galego dos populares. É habitual baixo a actual presidencia como o era na de Núñez Feijóo. Non en van, o ex-presidente e actual líder do PP apelou en incontables ocasións a "non facer política" con asuntos como a igualdade de xénero ou a non "politizar" cuestións como o combate contra a violencia machista, os "problemas das mulleres", a defensa do galego ou mesmo a administración e reparto dos fondos europeos.
Estas acusacións teñen o seu reverso nos argumentarios nos que Feijóo en particular e o PP galego en xeral se presentaron como persoas e entidades alleas á política. Así, por exemplo, o ex-titular da Xunta deu en afirmar en vésperas das eleccións galegas de 2020 que non concorría a aqueles comicios por "un partido", mentres que os seus rivais si o facían. O seu era natural continuidade e xestión e do resto, política, elemento a rexeitar.
Con este pano de fondo transcorrerá unha manifestación de SOS Sanidade Pública que, no momento de escribir estas liñas, os colectivos que a organizan prevén multitudinaria. Será tan política como todas as anteriores e tan política como as súas reivindicacións. Tan política, igualmente, como a organizada hai algo máis de de década e media polos populares galegos tamén baixo a palabra SOS, pero seguida da expresión "contra o lume", para cargar contra o Goberno de coalición da esquerda pola súa xestión da vaga de incendios do ano 2006.