Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, S.A. é unha empresa constituída por tres compañías do sector da construción (Acciona, co 43% das accións, Puentes y Calzadas -23%- e Veolia -16%-) e un cuarto socio co 16,67% da propiedade, Concessia, dedicada ao "investimento en infraestruturas e concesións públicas", que á súa vez está controlada maioritariamente por seis bancos: Bankia, BBVA, Sabadell, CaixaBank, KutxaBank e Ibercaja Banco. Esta sociedade foi a socia da Xunta na controvertida operación público-privada para construír e poñer en marcha o novo complexo hospitalario vigués e agora a parte controlada polos bancos, a de Concessia, pasa a mans dun fondo de investimento internacional con aínda menos vinculación, se cabe, con Galicia e a súa sanidade.
A través dunha asesoría con sede en Dublín o fondo de investimento RiverRock mercou o 16% da Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo a Concessia, unha compañía participada por bancos como Bankia, BBVA, Sabadell ou CaixaBank
A construción do Álvaro Cunqueiro pola vía do pagamento aprazado e a xestión dos servizos non sanitarios -como mantemento, lavandaría ou limpeza entre outros- deste e doutros centros sanitarios vigueses implican que a concesionaria e a súa filial Operadora Novo Hospital de Vigo reciban cada ano ata, cando menos, a década dos anos 30, un canon anual do Sergas que rolda os 60 millóns de euros. Un substancioso negocio que estivo na cerna desta operación pola que Concessia vende a súa parte a RiverRock European Capital Partners, unha empresa de fondos de investimento con sede central en Londres, e oficinas en París, Milán, Xenebra e Madrid.
Nesta operación, da que tamén dá conta este mércores Faro de Vigo, Concessia estivo asesorada por Rubicon Capital Advirsors, unha compañía con sede en Dublín especializada nos investimentos en infraestruturas que a finais do pasado xuño anunciou oficialmente o "éxito" da venda da participación do hospital de Vigo a RiverRock. Concretamente, a compra realízase a través de RiverRock Brownfield Infrastructure Fund 1, un dos fondos que controla a compañía e que está domiciliado en Luxemburgo.
A operación rolda os 20 millóns de euros
Segundo informou o medio especializado Inframation, o valor desta participación rolda os 20 millóns de euros. Na operación, subliña, as compañías tiveron en conta que se trata dunha concesión para que as empresas privadas actúen "nun dos maiores hospitais públicos de España", baseada en pagamentos que aumentan coa inflación -o devandito canon- ata setembro de 2035.
Para xustificar o seu éxito na operación, Rubicon Capital Advisors subliña que a concesionaria foi responsable do "deseño, construción e financiamento" do hospital e que conta cun "contrato de longa duración" co Sergas
Para xustificar o seu éxito asesorando a RiverRock, Rubicon Capital Advisors explica nun comunicado que a concesionaria do hospital de Vigo foi a responsable "do deseño, construción e financiamento do Hospital Álvaro Cunqueiro" e da prestación de servizos do Nicolás Peña e do Meixoeiro mediante un "contrato de longa duración co Goberno Rexional de Galicia". Este centros, subliñan, atenden unhas 600.000 persoas na contorna viguesa e o Cunqueiro, concretamente, é "un dos maiores e máis tecnoloxicamente avanzados hospitais en Europa".
No mesmo comunicado unha das altas executivas de Rubicon, Carmen López, asegura que a esta asesoría financeira internacional se atopa "encantada" ao "pechar esta transacción". Non en van, os negocios público-privados en xeral e "conectar investidores institucionais con activos na rexión é unha prioridade para nós". Deste xeito, case o 20% da propiedade da concesionaria do hospital de Vigo é agora propiedade de RiverRock. Este fondo de investimento pecha a operación en Galicia apenas un ano despois de lle mercar á construtora ACS a través da súa filial Iridium o 80% da súa participación na concesión de once comisarías dos Mossos d'Esquadra por 21 millóns de euros.