Hospital de Vigo: risco público e beneficio privado?

Mosquera, durante a visita ás obras © Xunta

O pasado venres a Xunta anunciaba que "o financiamento do novo hospital de Vigo acada unha nova fase". Construído polo modelo de colaboración público-privada, segundo o cal unha empresa constrúe o complexo cos seus propios recursos e despois o Sergas o emprega co pagamento dun canon anual, o complexo hospitalario vigués estaba nun momento máis que incerto polas dificultades das compañías privadas que o levan adiante para acadar financiamento nos bancos. Pero "todas as entidades coas que se está a estruturas o proceso deron a súa aprobación preliminar". Haberá cartos para operación que chegarán dende "varias entidades comerciais", pero tamén dende o Banco Europeo de Investimentos (BEI) e a través de Axis, entidade pertencente ao Instituto de Crédito Oficial (ICO).

A propia conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, anunciaba a operación no que o Goberno galego mostrou como "unha visita rutineira" ás obras do complexo. Vinte e catro horas máis tarde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, que segue de cerca o proceso dende o seu inicio, amosaba as súas reticencias. A través do seu voceiro, Manuel Martín, o colectivo parte da base de que "as declaracións da conselleira carecen de toda credibilidade, dadas as falsidades que sistematicamente verten os responsables do PP, que dende hai meses anuncian a solución do financiamento e negan que as obras estean paralizadas por falta de fondos". Polo tanto, ironiza, Mosquera está a anunciar que "solucionaron un problema que non existía".

Ante a imposibilidade de captar financiamento privado entran na operación cartos do BEI e do ICO

Pero, á marxe desta cuestión, Martín censura que Sanidade, tras "ocultar de maneira continuada información" sobre o proceso, comunique que "o financiamento xa nonesrá a risco e ventura da concesionaria, como estipulaba o contrato", senón que "a Administración achegará directamente o 40% do investimento para construír o hospital", xa que recorre "a créditos do BEI e do ICO". Isto, explica, "supón que a obra computará como débeda pública, negando así un dos argumentos da Xunta para facelo recorrendo a financiamento privado". Pero a entrada dos fondos públicos na obra non impedirá que "haxa que pagar o canon de 70 millóns anuais ás empresas privadas, multiplicando o custo do novo centro".

Todo isto, sinala a asocaición, sucede despois de que xa se producisen "serios recortes" no proxecto hospitalario, en ámbitos como "camas, superficie, dotación de serivicos e equipamento", que "limitan a súa capacidade como hospital estratéixco para a área sur de Galicia". Esta retallada, aseguran, aplícase "coa finalidade de reducirlles custos ás empresa concesionarias e manter o hospital privado Povisa como hospital de área". "Habería que lembrar que os hospitais de Madrid" construídos por este mesmo método "foron vendidos posteriormente a empresas de capital risco do Reino Unido, o que suporía a súa privatización total". Así as cousas, e dado que "se vulnerou flagrantemente o contrato entre a Xunta e a concesionaria", coidan que cómpre "anular" a operación e "renovar a obra con financiamento público, o que abaratará custos totais e evitará a privatización"

Mosquera, durante a visita ás obras © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.