A finais de 2017, en plenas protestas contra a reforma sanitaria, o Servizo Galego de Saúde iniciou os trámites para mercar catro rótulos coa lenda "hospital público" para outros tantos hospitais da área da Coruña. O contrato, que contaba cun orzamento de 150.040 euros, foi adxudicado sen rebaixa ningunha sobre o importe da licitación a unha carpintaría metálica con sede en Arteixo entre críticas da oposición, que vía "obsceno" o que consideraba unha clara mostra de facer fronte ás críticas á xestión sanitaria da Xunta pola vía da propaganda.
Os máis de 500.000 euros que Sanidade vai gastar nos novos rótulos de "hospital público" súmanse aos 150.000 que xa destinou á mesma finalidade a finais de 2017
Apenas ano e medio despois daquel primeiro contrato as protestas na sanidade non amainaron. Ao contrario. E, neste contexto, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuíña vén de activar outro contrato para mercar máis rótulos de "hospital público". Desta volta o gasto previsto practicamente quintuplica o anterior ata superar o medio millón de euros para instalar dez destes letreiros noutros tantos hospitais das áreas sanitarias de Vigo, Santiago, Ourense e Pontevedra.
Segundo os pregos de condicións do contrato, elaborados nos primeiros días de xaneiro e cuxos trámites están en marcha dende este 13 de marzo, con estes letreiros a Xunta pretende "mellorar a visiblidade e a localización dos centros hospitalarios públicos da comunidade autónoma" e, ademais, establecer "medidas de aforro e eficiencia enerxética nos rótulos luminosos". Para facelo pon sobre a mesa 501.600,45 euros (IVE incluído) do orzamento de maquinaria e mobiliario do programa de Atención Especializada do Sergas.
Os hospitais
Un dos hospitais que nos vindeiros meses recibirán estes rótulos será o Álvaro Cunqueiro de Vigo, o de construción máis recente e centro de numerosas protestas polo sistema público-privado empregado para a súa construción e posta en marcha -agás a atención estritamente clínica, a práctica totalidade dos servizos do complexo son prestados por empresas privadas- e as carencias derivadas desta decisión.
O novo letreiro do Álvaro Cunqueiro, centro de múltiples protestas polo sistema público-privado co que foi construído, elevarase uns cinco metros e debe ser visible "dende a rotonda de acceso ao hospital"
Sanidade indica ás empresas interesadas no contrato que "o rótulo luminoso" do Cunqueiro debe situarse "na cuberta do edificio, nun lugar visible dende a rotonda de acceso ao hospital no vial Clara Campoamor", na "parte recta" da fachada e cunha elevación de dous metros e medio, "o que suporá unha altura total do conxunto rótulo-estrutura" duns cinco metros. O outro letreiro de Vigo irá para a fachada sur do edificio principal do Meixoeiro e debe ser visible "principalmente dende a cidade", pero tamén "dende a autovía A-55, saíndo de Vigo cara ao Porriño".
Outra das áreas sanitarias con maior incidencia das protestas de persoal e pacientes nos últimos anos, a de Santiago, recibirá rótulos de "hospital público" en tres dos seus centros. No principal da área, o Clínico compostelán, situarase na terraza do quinto andar, e será desmontado o actual rótulo -que indica "hospital"-. Ten que ser claramente observado dende o periférico, a estrada Santiago-Noia e a avenida Mestra Victoria Míguez. Cunha altura un chisco menor tamén serán instalados no hospital de Conxo e no da Barbanza, en Ribeira.
Os hospitais Clinico e de Conxo, en Santiago, o da Barbanza en Ribeira es de Ourense, Verín, Valdeorras, Pontevedra e O Salnés recibirán tamén estes novos rótulos coa lenda "hospital público", cuxo gasto total xa supera os 600.000 euros
Os hospitais de Ourense, Verín e Valdeorras e mais os de Pontevedra e O Salnés completan a encarga duns contratos divididos en catro lotes -un por área sanitaria- que a Consellería de Sanidade quere tramitar con rapidez. Así, as empresas interesadas teñen ata o 28 de marzo para presentaren as súas ofertas.
Unha vez adxudicada, a compañía ou compañías encargadas terán 1 mes para redactar os proxectos técnicos dos novos letreiros luminosos dos hospitais, 15 días para que estes proxectos sexan aprobados, un máximo de tres meses para tramitar as licenzas ou comunicacións previas da obra e 1 mes máis para fabricar os rótulos. A montaxe non debe durar máis de quince días en cada hospital, segundo indican as condicións do contrato. No caso de que, como cos anteriores letreiros, o contratista non rebaixe o prezo de licitación, o gasto de Sanidade en letreiros de "hospital público" para centros que levan anos funcionando superará en apenas ano e medio os devanditos 600.000 euros.