Unha folga xeral en toda a Atención Primaria de Galicia entre o 9 e o 11 de abril. Esa será a nova protesta que afrontará a sanidade galega, sumida desde hai meses en mobilizacións, folgas e conflitos pola “deterioración” sanitaria e polo rexeitamento masivo dos colectivos profesionais ao novo modelo proposto para ese ámbito asistencial polo Sergas.
Foi este pasado martes cando o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, advertiu mesmo de que habería axiña un acordo para esa nova proposta que sería destacado polos medios. Díxoo un día despois de que a Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP), que di representar un milleiro de profesionais e varios colectivos, acordase a proposta desa folga xeral para os días 9, 10 e 11 de abril. Sería o primeiro paro xeral neste ámbito asistencial en Galicia.
A Coordinadora Galega de Atención Primaria asegura que a folga xeral dos días 9, 10 e 11 de abril "vai adiante" aínda que espera que os sindicatos se unan á convocatoria
“A folga está en marcha e vai adiante”, explica Xosé María Dios, un dos voceiros da CGAP, que advirte de estaren xa “desbordados” polo apoio a esta medida expresada por moitos profesionais sanitarios. Será agora cando representantes da Coordinadora se reunan cos principais sindicatos para avaliar a posibilidade de que se unan á convocatoria e mesmo a leven a cabo oficialmente, ademais de con colexios médicos e sociedades científicas.
Desde un dos sindicatos de clase, Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade, advirte de que “valorarán” a folga e decidirán se a apoian, algo que farán se “non se cingue só ao persoal médico, senón ao problema global, tamén orzamentario”.
Desde a Coordinadora destácase que o paro xeral levarase a cabo, con máis ou menos apoio, pero están convencidos de que a convocatoria será unitaria e global polas demandas básicas que unen a todos os colectivos e persoal. Na última xuntanza, destacan, o apoio foi unánime por parte das 40 persoas que representaban diferentes grupos profesionais da Atención Primaria.
Na reunión houbo representantes de diferentes asembleas de áreas sanitarias de Galicia, da Asociación Galega de Médicos de PAC (Agampac), da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), de colectivos de enfermería, da plataforma SOS Sanidade Pública, da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (Agdsp), de Precarias pola Atención Primaria, de persoal dos PAC ou dos xefes de servizo dimitidos de Vigo.
A Coordinadora mantén cinco puntos "irrenunciables" nos que piden o aumento de orzamento e persoal, contratos estables e dignos, negociación do conflito dos PAC e a creación dunha xerencia de Primaria
Todos eles decidiron, en nome da Coordinadora, manter “como irrenunciables” as cinco demandas expresadas xa anteriormente: o aumento de orzamento significativo, até o 25% do total, para a Atención Primaria; incremento de persoal e convocatoria inmediata de todas as prazas necesarias; contratos estables e dignos para os profesionais precarios para unha prestación asistencial de calidade, negociación do conflito dos PAC; e eliminación das EOXI e creación da Xerencia de Atención Primaria con orzamento específico.
“Queremos que se cumpran estes cinco puntos e que se elabore, de verdade, outro plan de mellora para a Atención Primaria no que a Administración busque o consenso e se reúna cos colectivos implicados e non só cos seus”, explica Dios.
Ademais, a CGAP decidiu manter as concentracións que se estána levar a cabo ante os centros de saúde de Galicia ao mediodía e ás seis da tarde, e formulou a posibilidade de recoller sinaturas para solicitar a dimisión de xefes de servizo doutras áreas, á marxe de Vigo. Todo coa folga como horizonte, un paro xeral que ten tamén xa un lema pensado: “Máis tempo para @s nos@s pacientes”.