O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, recoñeceu que os fondos para equipar centros de saúde en Galicia "non existiron" nos últimos anos "debido á crise", logo de que a pasada semana anunciara que ía triplicar unha partida que a Xunta recortou até case o mínimo durante anos.
Nos últimos anos, "estes plans de necesidades, debido á crise, non existiron, nin para a Atención Primaria nin para a hospitalaria", dixo o conselleiro durante a comparecencia parlamentaria a petición propia e da oposición para explicar a proposta do Sergas para un novo modelo de Atención Primaria, contestado pola maioría de colectivos profesionais sanitarios implicados.
"Estes plans de necesidades, debido á crise, non existiron, nin para a Atención Primaria nin para a hospitalaria", recoñeceu Almuíña no Parlamento
Almuiña aclarou que "por primeira vez" comprometeuse un orzamento exlcusivo no capítulo VI para adquirir equipamento, mobiliario e dotación informática e facer pequenas reformas nos ambulatorio, cun plan de necesidades que estará dotado con 17,3 millóns de euros para dous anos (2019 e 2020). E destacou que a "priorización" desas necesidades será marcada "polos xefes de servizo", que especificarán que mobiliario hai que renovar ou "suxerirán" reformas e dotación informática.
Ademais, aclarou que destes máis de 17 millóns, máis de 8 serán dedicados ao equipamento, case 3 a reformas nos centros de saúde, mentres que uns 6 millóns serán destinados á dotación de equipos informáticos. O que non explicou o conselleiro é por que, poucos meses despois de presentar os Orzamentos, o Goberno prevé agora incrementar en tal cantidade unha partida que suma só 800.000 euros nas contas para este exercicio. Tampouco como ou cando vai levar a cabo esta importante modificación orzamentaria.
O plan de necesidades sufriu un recorte de case o 100% entre 2011 e 2017 e un lixeiro aumento só elevou a partida ata os 800.000 euros neste 2019
Este anuncio do Sergas chegou logo de que a Xunta recortase durante anos os fondos destinados a este plan de necesidades, ata deixalos en mínimos de 100.000 euros tanto nos Orzamentos de 2016 como nos de 2017. En total, e desde que Feijóo chegou á presidencia, o Goberno galego dedicou un total de 7,21 millóns de euros a esta partida entre 2010 e 2019, case 800.000 euros menos dos que o bipartito dedicou en catro anos, entre 2006 e 2009. Uns 720.000 euros de media cada exercicio por parte do Executivo popular fronte aos case 2 millóns do Executivo de coalición de PSdeG e BNG.
Por outra banda, Almuíña avogou este martes por “aguantar os plantóns que faga falta para chegar a acordos”, en referencia á negativa a seguir negociando o novo modelo de Atención Primaria por parte de varios colectivos profesionais ou dos xefes de servizo da área de Vigo que dimitiron o pasado mes de decembro. O conselleiro, no entanto, dixo estar disposto a aturar os rexeitamentos porque di crer “no proxecto” que, como lle lembrou a oposición, “non o quere ninguén”.
“Detectamos ese desacordo e desaxuste no modelo de Primaria”, asumiu o conselleiro, que recoñeceu “graves dificultades” tamén para cubrir as ausencias tanto neste primeiro nivel asistencial como en Pediatría. Con todo, advertiu de que estas “tensións” son “derivadas” tanto da “ausencia absoluta de persoal substituto”, como dunha “viraxe demográfica cara á polipatoloxía derivada do envellecemento da poboación”.
Almuíña defende o novo modelo de Atención Primaria e a oposición lémbralle que foi rexeitado por case todos os colectivos profesionais sanitarios: "Non o acepta ninguén"
Ademais, e respecto dese novo modelo da Atención Primaria, que é masivamente rexeitado, Almuíña asegura de que “o están aceptando a gran parte dos profesionais e dos colectivos”. “E poderán velo nos próximos días nos medios”, chegou a advertir, ademais de anunciar tamén un acordo no conflito co persoal dos PAC, que continúa de folga. “Falto moi pouco”, dixo, atras pedir tamén que os grupos parlamentarios fagan as súas propostas para un borrador que segue aberto a achegas.
A oposición, pola contra, censurou esa proposta do Sergas. A deputada de En Marea, Eva Solla, cualificouna de “papelucho”, mentres que a parlamentaria do BNG, Montse Prado, lembroulle ao conselleiro que “ninguén lle está a comprar o novo plan”. Pola súa banda, o socialista Julio Torrado advertiu dun “consenso”: “Que o seu modelo non o acepta ninguén”. Ademais, lembrou que a “advertencia” sobre a situación da sanidade “leva anos, a berros, na rúa e nos centros de saúde”. “Sabemos desde hai tempo que vai haber un boom de xubilación; levan dez anos gobernando e agora atópanse con que hai xubilacións”, recriminoulle a Almuíña.