Un novo plantón dos xefes de servizo da área de Vigo. Os responsables, que presentaran a súa dimisión no mes de decembro pasado pola “deterioración” do sistema sanitario, levantáronse este mércores da reunión na que a Consellería quixo volver debater sobre o contestado novo modelo de Atención Primaria proposto pola Xunta, así como detallar o incremento de fondos no plan para equipar centros de saúde, que o Sergas promete triplicar tras anos de recortes e ínfimas partidas.
Non é a primeira vez que os xefes de servizo deixan a mesa. Tamén o fixeron na última xuntanza, na que advertiron ao conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, que a dirección da xerencia de xestión integrada de Vigo non era un interlocutor válido para eles. Ao estar presente tanto directivos como o propio xerente, Félix Rubial, o persoal médico volveu marchar.
Os xefes de servizo da área de Vigo volveron abandonar a reunión ao non aceptar os directivos da xerencia como interlocutores
“Xa lle dixeramos á Xunta, tamén na xuntanza anterior, que non considerabamos a xerencia un interlocutor válido; explicámosllo ao conselleiro outra vez e marchamos”, explica a Praza.gal Manuel Domínguez Sardiña, un dos xefes de servizo da área viguesa.
Almuíña, pola súa banda, considera “fundamental” que a xerencia estea presente porque “é quen fai a xestión integral da asistencia e quen ten que poñer en marcha as diferentes accións solicitadas”. “O conselleiro sabe o que falamos con el; é a Consellería a que ten que nomear uns novos interlocutores”, responde Domínguez Sardiña.
Non hai data para unha nova xuntanza tras unha marcha que se une á ausencia dos representantes dos colexios profesionais e sociedades científicas, que non acudiron á reunión con médicos e xefes de servizo que traballaron no borrador para a Atención Primaria, rexeitado tamén por sindicatos, colectivos de enfermaría ou traballadores sociais.
Nas reunións, a Consellería pretendía detallar tamén o aumento no orzamento do plan de necesidades que destinará, en dous anos, 17,3 millóns a “infraestruturas, equipamento e arquitectura informática”, segundo aclarou Vázquez Almuíña, que insiste na conveniencia dunha medida que dedicára entre un 20 e un 30% do total á área de Vigo. Todo tras un descenso nos fondos de até case o 100% entre 2011 e 2017 e logo de que o bipartito investise máis nesta partida en catro anos que o Executivo do PP nos últimos dez.
“Nin chegamos a falar do plan”, explica Domínguez Sardiña, que cre que o anunciado “é benvido porque a Atención Primaria precisa diñeiro”. Pero aclara: “Disque vai ser o triplo dos últimos anos, pero claro, é que en anos anteriores a partida foi practicamente nula”. “A Xunta vende todo isto moi ben, pero haberá que matizar se estes fondos son investimentos novos, se é para adaptar nova tecnoloxía e equipamento ou para o mantemento do que xa temos nos centros de saúde”, insiste quen lembra que a renovación informática é moi necesaria e leva anos sendo reclamada. "E iso xa suporían moitos cartos", di.
"A Xunta véndeo moi ben e os cartos son benvidos, pero a partida para equipar centros de saúde foi practicamente nula nos últimos anos"
O doutor, responsable do centro de saúde de Sárdoma e ex-presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), critica tamén o borrador da nova de Atención Primaria por ser “unha serie de medidas que intentan actuar sobre algúns problemas actuais pero que non son fáciles de levar á práctica co modelo vixente”. “É como cando tes un coche e faslle moitas reparacións... Chega un momento no que hai que cambiar de vehículo e aquí hai que cambiar o modelo e iso non se fai, o único que se fai é poñer parches, remendos”, engade.
Así, lembra que aínda que gozar de máis fondos “sempre é positivo e sempre axuda”, nada cambiará se non se vai “ao fondo”. Respecto das posibilidades dun acordo, Domínguez Sardiña cre que “a Consellería de Sanidade debería ter un baño de realidade porque as cousas así non van ben”. “Debe convocar grupos con sociedades, colexios, colectivos de enfermería... Pero para mudar o modelo e non para seguir poñendo parches”, insiste.