O presidente di non admitir “leccións de como protexer as nosas fillas, as nosas mulleres e as nosas nais da violencia machista” e Pontón retrúcalle que “as mulleres deste país non teñen dono e falan por si mesmas”
Ás portas dun novo día contra a violencia machista, o 25 de novembro, e xusto dous anos despois de cuestionar se o BNG está “no bando dos maltratadores ou das mulleres”, este mércores o presidente Feijóo volveu ser interpelado sobre igualdade e violencia de xénero na sesión de control do Parlamento tanto polos nacionalistas como polo grupo Común da Esquerda. Nas súas respostas Feijóo dixo lamentar “en nome de todas as mulleres de Galicia” que a oposición “politice” a violencia machista e rexeitou recibir “leccións de como protexer as nosas fillas, as nosas mulleres e as nosas nais da violencia machista”.
“Se en vez de 43 mulleres asasinadas falásemos de 43 deputados, non se escatimarían medios”, dixo a portavoz do BNG, Ana Pontón, na súa pregunta a Feijóo, na que criticou os pactos do PP con Vox, unha formación que nega a existencia da violencia de xénero. A nacionalista afeou que a Xunta apoie medidas como a segregación educativa por sexo en colexios privados aos que subvenciona ou axude a colectivos antiabortistas como Red Madre, políticas que fixo ver que dificultan a igualdade entre homes e mulleres. A resposta de Feijóo foi falar “en nome de todas as mulleres de Galicia” para rexeitar esas formulacións “dunha minoría”.
Feijóo acusou a Pontón de “utilizar as mulleres que están sufrindo violencia de xénero para facer política da peor”
“Leccións de como protexer as nosas fillas, as nosas mulleres e as nosas nais da violencia machista, ningunha”, chegou a dicir o presidente, ao que Ponton retrucou lembrándolle que “as mulleres non temos dono, esa é unha parte do problema de por que hai violencia de xénero”. “As mulleres deste país falan por si mesmas”, sentenciou a nacionalista. Malia a iso, na quenda de peche Feijóo insistiu en atacar a Pontón preguntándose “se se toma vostede en serio ás mulleres vítimas de violencia de xénero” e acusándoa de “utilizar as mulleres que están sufrindo violencia de xénero para facer política da peor”.
“Politizando este conflito foi como se conseguiron os avances, a pesar da dereita que sempre estivo a remolque”, lembrou Antón Sánchez
Sobre igualdade e fenda salarial de xénero tamén lle preguntou a continuación o portavoz do grupo Común da Esquerda, que lembrou que “politizando este conflito foi como se conseguiron os avances, a pesar da dereita que sempre estivo a remolque”. Feijóo negou a maior e asegurou, en contra do sostido por Antón Sánchez, que Galicia é a comunidade con menor diferenza laboral entre homes e mulleres, e dedicou máis tempo das súas dúas intervencións a criticar a suposta radicalidade das confluencias de esquerda e o risco que ten un pacto de Goberno co PSOE que a responder á pregunta que se lle formulou.
Feijóo acusa o PSOE de "soberbia" e ofrécese a Caballero para "explicarlle como funciona" o Parlamento de Galicia
Na sesión deste mércores a pregunta do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, xirou arredor dos servizos públicos en Galicia, que dixo que están en perigo polos pactos do PP con Vox. Na súa resposta Feijóo contrapuxo o seu xeito de gobernar “honradamente” en Galicia co dos socialistas en Andalucía “xa sabemos como”, en referencia á condena pola fraude dos ERE. E ao tempo que acusou o PSOE de “soberbia”, menosprezou o traballo parlamentario de Caballero: “Pregúnteme e intento explicarlle como funciona a Cámara”, díxolle Feijóo ao socialista. “Non hai un só galego que pense que vostede está á altura dos galegos”, sentenciou.