As condenas a ex-líderes do PSOE andaluz polos ERE axitan o escenario estatal ás portas da investidura

Griñán e Chaves, nun acto de partido en 2010 © PSOE

"Estamos todos por certo chocados com a notícia da detenção de José Sócrates. Os sentimentos de solidariedade e amizade pessoais não devem confundir a ação política do PS, que é essencial preservar, envolvendo o partido na apreciação de um processo que, como é próprio de um estado de Direito, só à justiça cabe conduzir com plena independência". 

En novembro de 2014 o actual primeiro ministro de Portugal, António Costa, estaba a piques de ser elixido novo líder do Partido Socialista e remitiu por SMS esta mensaxe á militancia da formación. En vésperas do congreso que ía facer oficial o nomeamento, o ex-primeiro ministro e anterior líder do partido, José Sócrates, viña de ser detido. Sobre el pesaban graves acusacións, entre elas as de ter máis de 20 millóns de euros en Suíza procedentes de comisións ilegais. Costa abandonaba politicamente ao seu amigo Sócrates.

O ex-presidente andaluz José Antonio Griñán é condenado a seis anos de prisión e o seu antecesor, Manuel Chaves, a nove de inhabilitación

Unha operación semellante é á que está abocada a actual dirección do PSOE e que comezou a despregar este mesmo martes o seu secretario de organización e ministro de Fomento en funcións, José Luis Ábalos, poucas horas despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía dese a coñecer a sentenza do caso dos ERE, con dezanove ex-altos cargos do PSOE andaluz condenados entre os que destacan José Antonio Griñán, ex-presidente da Junta a quen lle impoñen 6 anos de cadea, e o seu antecesor e tamén ex-ministro Manuel Chaves, inhabilitado por nove anos.

Griñán, presidindo o seu derradeiro Consello de Goberno da Junta de Andalucía, en 2013 © Junta de Andalucía

Calcúlase que as axudas sociolaborais manexadas sen control na Junta de Andalucía ascenderon a 680 millóns de euros

Como informa Javier Ramajo para eldiario.es Andalucía, o alto tribunal andaluz ditamina que no período investigado (2001-2019) existiu no seo daqueles gobernos "unha absoluta falta de control da concesión de subvencións sociolaborais a empresas en crise", xa que a Consellería de Emprego dos gobernos de Chaves e Griñán "omitiu" a "fiscalización previa" destes subsidios. Calcúlase que as axudas manexadas sen control ascenderon a 680 millóns de euros

Por este motivo o tribunal considera a Griñán culpable de prevaricación e malversación de fondos públicos e a Chaves, de prevaricación. Entre as persoas condenadas destacan -pódense consultar todas os nomes e condenas neste espazo- destacan tamén nomes como os de Magdalena Álvarez, ex-ministra de Fomento, pola súa condición de conselleira de Facenda naqueles gobernos. A sentenza, condenatoria para un total de 19 persoas, é recorrible ante o Tribunal Supremo.

O PP clama por "responsabilidades políticas" ollando cara a Pedro Sánchez e a dirección do PSOE imita, en certo xeito, a aquel António Costa de 2014

Non por agardado -a data e hora da publicación da sentenza foi anunciada con antelación e era máis que esperada- o impacto da sentenza foi menos relevante no contexto político estatal, marcado pola dixestión do resultado das eleccións xerais do pasado 10 de novembro e as negociacións do propio PSOE á procura de apoios á investidura de Pedro Sánchez para poder así botar a andar o Goberno de coalición con Unidas Podemos. 

Poucos minutos despois da publicación da sentenza, o PP clamou por "responsabilidades políticas" especificamente cara a Pedro Sánchez. Pero a dirección socialista imitou, en certo xeito, a aquel António Costa de 2014 que se afastaba da detención dun Sócrates que lastrou con dureza a súa posterior campaña electoral de 2015.

"Cando sucederon estes feitos, ao máximo que chegara Pedro Sánchez foi a ser concelleiro da oposición no Concello de Madrid", subliña Ábalos, quen sinala que "ningún dos acusados ocupa ningún cargo, todos abandonaron"

Alén da agardada expresión de "respecto" polas decisións xudiciais, Ábalos advertiu ante a prensa de que os feitos axuizados e a sentenza mesma "non afectan nin ao actual goberno nin á actual dirección do PSOE", que ademais "xa depurou responsabilidades políticas", toda vez que "ningún dos acusados ocupa ningún cargo público, todos abandonaron" con Sánchez como secretario xeral. Cómpre ter en conta, agregou, que "cando sucederon estes feitos, ao máximo que chegara Pedro Sánchez foi a ser concelleiro da oposición no Concello de Madrid".

Así e todo, matiza Ábalos, esta "dura" sentenza "non pode deixarnos indiferentes", se ben tampouco é posible comparala coa trama Gürtel, cuxa sentenza estivo na orixe da moción de censura coa que o PSOE desbancou a Mariano Rajoy do goberno de España. "A diferenza do PP, que foi condenado" nese caso, "o PSOE de Andalucía nin sequera foi investigado" nin se "atribúe enriquecemento ilícito" aos seus cargos. en calquera caso, conclúe, "o problema da corrupción debe ser extirpado da vida política" e sen "banalizalo".

A dirección do PSOE realiza esta valoración nun contexto no que non cre que esta sentenza afecte ás negociacións para a formación de Goberno. Como pano de fondo, o énfase de Ábalos no adxectivo "actual" ao se referir tanto ao Goberno de Sánchez como á cúpula socialista, que dá por amortizado o "impacto" do caso para a imaxe do partido e as súas expectativas electorais. Ao tempo, semella claro que as expectativas de gran coalición PP-PSOE que cargos conservadores como Alberto Núñez Feijóo alimentaron apelando precisamente a vellos cargos socialistas están agora aínda un chisco máis lonxe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.