A antiabortista Red Madre ocupará un dos locais da nova sede da Xunta en Pontevedra

O remodelado edificio da Xunta na pontevedresa rúa de Benito Corbal, no día da súa inauguración CC-BY-SA Xunta

Na primavera do ano 2009 o PP estreou a súa recuperada maioría absoluta no Parlamento de Galicia activando a tramitación da iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada polo Foro Español de la Familia a través da súa plataforma antiabortista Red Madre. A norma, nominalmente encamiñada a "establecer e regular unha rede de apoio á muller embarazada", deu cobertura legal á Red Madre, abriulle a porta do financiamento público, outorgoulle funcións como o asesoramento a mulleres embarazadas sen recursos económicos e abeirou outras controvertidas mediadas coma un "protocolo de renuncia de bebés no hospital".

O colectivo, abeirado por lei en Galicia dende 2009, foi o segundo con máis puntuación no baremo fixado pola Xunta para optar aos locais na súa remodelada sede pontevedresa, por diante de organizacións como Meniños, a Asociación contra o Cancro ou Cruz Vermella

Case unha década despois do impulso da lei da Red Madre este colectivo segue operando a través de catro asociacións, unha por provincia galega, e continúa optando e logrando diversas axudas públicas. A máis recente é a consecución dun local na remodelada sede da Xunta en Pontevedra, na rúa Benito Corbal. O Goberno galego reservou nos andares terceiro e cuarto deste edificio locais para o tecido asociativo de Pontevedra e comarca. E un deles será para a Red Madre, o cal vén de causar un profundo malestar no Concello pontevedrés, así como en colectivos feministas da contorna.

Para asignar estes locais de uso "social, cultural ou sanitario", que finalmente ocuparán un total de 28 colectivos, a Xunta lanzou o pasado xaneiro unha orde na que fixaba os criterios baixo os cales as diferentes entidades poderían optar a eles. Entre os criterios de avaliación, na que as asociacións podían obter ata un máximo de 100 puntos, a Xunta valorou aspectos como a "relevancia social" do proxecto, o uso do galego, o número de persoas beneficiarias da súa actividade ou a antigüidade do colectivo, entre outras.

Feijóo, ante un posto da Red Madre na Coruña, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

A Red Madre presentou a súa solicitude e obtivo os 14 puntos que recibiron automaticamente todos os colectivos que pediron un local 'tipo A' -de entre 20 e 27 metros cadrados-. Tamén logrou 14 puntos -o máximo- pola adecuación "definida e concreta" do uso previsto do local, 24 puntos dos 24 posibles pola "relevancia social do proxecto", 9 de 9 por prever beneficiar a máis de 100 persoas ao ano e outros 3 puntos -o máximo- por ter máis de 3 anos de "antigüidade na implantación" en Pontevedra. 

A estas puntuacións engadíronse 6 puntos por prever entre 4 e 8 horas de atención ás persoas beneficiarias, 5 puntos pola presentación da documentación en galego. Os cinco finais foron  por ser unha entidade declarada de utilidade pública. En total, 80 dos 100 posibles.

Malia lograren cero puntos en tres dos apartados valorados -actuacións que "incentiven a igualdade de mulleres e homes", "consecución de premios dentro do eido local" e presentación de solicitude conxunta con outras asociacións-, as altas puntuacións nos devanditos apartados permitíronlle á Red Madre ser a segunda entidade con maior puntuación. Só quedou por riba a Asociación para a loita contra enfermidades do ril (ALCER), segundo o resultado da avaliación publicado no Diario Oficial de Galicia. Por tras da organización antiabortista quedaron outras entidades como a Fundación Meniños,  Asociación Española contra o Cancro ou Cruz Vermella.

Paloma Castro, concelleira de Igualdade de Pontevedra, ve "vergoñento" que "organizacións integristas que atentan contra os dereitos e a liberdade das mulleres" logren un espazo nun edificio público

O resultado deste reparto non foi ben acollido no goberno local de Pontevedra. A nova concelleira de Igualdade e Benestar da cidade, a socialista Paloma Castro, anunciou a súa intención de "poñer en marcha unha ofensiva municipal" para tentar "impedir" esta cesión, que se pode prolongar ata catro anos. A xuízo de Castro resulta "vergoñento" que "organizacións integristas e partidarias que atentan contra os dereitos e a liberdade das mulleres" logren un espazo público. Menos áinda cando ficaron fóra do reparto outras "con moita máis pegada na cidade", como Greenpeace, a Asociación Astronómica Sirio ou o Club Baloncesto Estudiantes, exemplifica.

Acto de entrega de chaves dos locais do edificio de Benito Corbal CC-BY-SA Xunta

Estas críticas da concelleira chegaban na véspera de que este luns o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, entregase as chaves dos locais ás 28 asociacións que os lograron. "Todas as entidades que resultaron beneficiarias resultaron elixidas a través dun proceso convocado en réxime de concorrencia competitiva e segundo os criterios establecidos de xeito público nas bases da convocatoria", destacou a Vicepresidencia do Goberno galego. 

A concesión do local a Red Madre foi rexeitado no propio acto de entrega de chaves por parte de activistas feministas, como recolle Pontevedra Viva, mentres que Rueda reiterou a existencia dun baremo público para a asignación dos locais e agregou que "o feminismo parece que é dun só partido". En días pasados o BNG defendeu no Parlamento que este edificio levase o nome de Virxinia Pereira, pero o PP rexeitouno. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.