O PP queda só no seu apoio á 'distinción' de Red Madre en Vigo

'Stand' de Red Madre © Red Madre

A entidade antiabortista Red Madre non será Viguesa Distinguida, como propoñía o Partido Popular. O voto contrario de PSOE e Marea no pleno municipal celebrado na mañá deste martes fai que esta organización se convirte na primeira á que lle é rexeitado este nomeamento. No pleno si se acordou conceder esta distinción a Cáritas Diocesana, a Xunta de Persoal da área sanitaria, a asociación APAMP (Asociación de Familiares de persoas con Parálise Cerebral), á Asociación Down Vigo, á pintora Menchu Lamas, ao Comesaña Sporting Club e aos asteleiros Cardama. En todos os casos as propostas aprobáronse por unanimidade, agás no dos asteleiros Cardama (abstención da Marea) e no de Cáritas (votación na que o PP se ausentou en protesta pola votación negativa que viña de sufrir Red Madre).

O voceiro socialista, Carlos López Font, pedíralle ao PP que retirase a candidatura de Red Madre pola “controversia social” que espertara, rachando co “espírito” deste galardón, caracterizado polo seu consenso social e afastado de "debates ideolóxicos". López Font engadiu que Red Madre non ten "arraigo social" na cidade. Tralo voto negativo, decidiu presentar a proposta de Cáritas, que si foi aprobada, a pesar de que o PP decidiu abandonar o pleno e non apoiar a entidade. Pola súa banda, a voceira popular, Elena Muñoz, destacou que a organización antiabortista atendeu "a case mil mulleres" en Vigo nos últimos nove anos. Máis dura foi a concelleira da Marea, Margarida López Barreiro, que denunciou que Red Madre está "en contra das mulleres que deciden abortar" e que recorre a prácticas "de acoso”.

A Marea denuncia que "mentres as mulleres maltratadas, as mulleres que teñen persoas dependentes no fogar ao seu coidado, que teñen que manter a unha familia elas soas con empregos precarios e mal remunerados non teñen acceso ás axudas", en cambio estas subvencións si van destinadas a "organizacións afíns" ao Partido Popular "coma neste caso Red Madre".

O pasado mes de agosto o novo Goberno municipal de Compostela retiroulle á Red Madre e á asociación Centinelas (outro grupo antiabortista) as subvencións (tres mil euros a cada unha) que o anterior executivo local -en mans do PP- acordara entregarlles. A edil de Políticas Sociais, Concha Fernández, sinalou que a actividade destas dúas organizacións traspasa unha "liña vermella política" do novo goberno. En Compostela Red Madre ocupa, ademais, un piso de propiedade municipal, que lle voi concedido en 2012 e cuxa concesión remata en novembro deste ano 2016. En varias ocasións foi criticado non só o aliñamento ideolóxico do Goberno galego cos postulados de Red Madre, senón tamén o apoio económico que esta e outras organizacións deste tipo reciben da administración: 175 mil euros en 2012.

 

'Stand' de Red Madre © Red Madre

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.