O Concello de Santiago retira as axudas a grupos antiabortistas que ía entregar o PP

Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais de Santiago © Concello de Santiago

O Concello de Santiago disponse a deixar de financiar grupos antiabortistas. Unha das primeiras tarefas que o novo goberno local da capital galega tivo que afrontar foi o "desbloqueo" dos convenios con entidades do ámbito social incluídos no ano 2015 e cuxa tramitación, segundo a edil de Políticas Sociais, Concha Fernández, o gabinete de Compostela Aberta atopou "paralizada". Todos eles tramitaranse con normalidade agás dous, o que segundo o ditaminado polo goberno do PP ían outorgar financiamento a dous dos autodenominados grupos provida: a Red Madre, promovida polo Foro Español de la Familia, e a asociación Centinelas.

A decisión de non entregarlles cartos a estas dúas organizacións, que ían recibir 3.000 euros cada unha, responde, segundo explica a concelleira, a que a actividade de Red Madre e Centinelas traspasa unha "liña vermella política" do novo goberno. "Temos unha posición clara a prol do dereito a decidir das mulleres" e, polo tanto, o Concello non promoverá organizacións que a combaten. Por este mesmo motivo o equipo de Martiño Noriega valora xa "cal é a mellor forma" de proceder para que a Red Madre deixe de empregar como sede un piso de propiedade municipal. Como informou este diario, esa vivenda foi cedida no outono de 2012, con Paula Prado como concelleira, e é presentada polo grupo antiabortista como 'Centro Red Madre Santiago'. A concellaría estudará se é posible retirar o uso antes do fin de período de cesión que, en calquera caso, subliñan, remata en novembro de 2016 e "obviamente, non será renovado".

O anterior goberno prevía financiar dúas entidades antiabortistas a unha das cales lle cedera tamén un piso de propiedade municipal

Á marxe destes dous convenios, que fican sen efecto, o Concello santiagués completará a tramitación dos restantes 26 que se contemplaban con cargo aos orzamentos de 2015. Nove deles xa foron asinados e os demais serano en vindeiras datas. Mantéñense, indica Concha Fernández, "porque temos respecto polo traballo das entidades" e porque o seu labor "cumpre unha función social". En total suman un montante de algo máis de 490.000 euros e as entidades con maior achega son Cáritas (140.000 euros para dous programas), o Proxecto Home, a Cociña Económica e o albergue de Xoán XXIII para persoas sen fogar.

O goberno local subliña que tivo que "desbloquear" a tramitación dos convenios por estar "paralizada" e saldou as cotas pendentes co Fondo Galego de Cooperación

O anterior goberno, lamenta a edil, "tivo na súa man" a posibilidade de axilizar os trámites, pero "non foron quen de facer a xestión". Paralelamente, destaca, o Concello deulle luz verde a outra achega do ámbito social que "levaba tres anos" sen ser abonada, a do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que recibirá 8.477 euros de Santiago "polas cotas atrasadas".

Unha vez "desbloqueados" os convenios pendentes e suprimidas as achegas aos grupos antiabortistas a Concellería de Políticas Sociais disporase a reorientar este tipo de axudas para o vindeiro ano. A súa intención para por "racionalizar" o seu número e procurar que os proxectos financiados sexan "unha ferramenta" para que "o Concello e as entidades do social planifiquen, coordinen e complementen" as súas accións. Trátase, sinala, de que a política social non se centre "só en actuacións de emerxencia", senón tamén na "promoción de accións que teñan como criterio fundamental garantir a vida independente e digna das persoas" ata que os participantes en programas de asistencia social "poidan valerse por si mesmas".

Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais de Santiago © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.