Vinte semanas por nacemento: claves dos novos permisos na fin da lexislatura

Unha muller cun bebé, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Multiplicado por dez en pouco máis de dez anos e cuadriplicado dende 2018. É a evolución que experimentou en apenas unha década o coñecido popularmente como permiso de paternidade, isto é, o permiso retribuído por nacemento e coidado de crianzas do membro da parella diferente da nai -durante lustros, legalmente só un home e actualmente, home ou muller-. 

De dúas semanas hai apenas unha década ás 20 para ambas persoas proxenitoras aprobadas este 24 de novembro polo Goberno de España. Como en anteriores ampliacións, son períodos intransferibles xa que, evidencia a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, "coidar é cousa de dous".

A cinco días das eleccións xerais e, daquela, inevitablemente ligado ao ambiente electoral, o Consello de Ministros deu o seu visto e prace a unha ampliación de permisos por nacemento, adopción, garda ou acollida que implica, con independencia do 29N, seguir atendendo os propios compromisos adquiridos polo propio Goberno de PSOE e Sumar no inicio da lexislatura, entre ambas forzas e con outras coma o BNG. E tamén volver atender contas pendentes neste eido coa Unión Europea.

O Consello de Ministros aproba en vésperas das eleccións aumentar unha semana máis os permisos de maternidade e paternidade ata un total de 20 e de 32 a 34 en familias monoparentais, en liña co comprometido dende o inicio do mandato e co marcado pola UE

A ministra Díaz dá por "trasposta de maneira completa" a Directiva da UE ao respecto coa nova ampliación dos permisos de maternidade e paternidade ata 20 semanas intransferibles, unha máis que as aprobadas en 2025, cando o aumento fora catro sobre as dezaseis vixentes ata daquela. As cotizacións á Seguridade Social seguen sendo do 100% en todo o permiso. Esta nova extensión é especialmente significativa para os pais polo elocuente incremento nestes anos. Pero tamén para as nais por tratarse do segundo aumento en pouco máis dun ano despois de que os seus permisos permanecesen conxelados en 16 semanas de 1989 a 2025.

Como sucedeu co anterior incremento, as semanas a partir da décimo sétima será posible empregalas acumuladas ao resto do permiso ou acollerse a elas "de forma interrompida ata que o menor faga oito anos". "Polo tanto -especifica Traballo- amplíase de dúas a tres semanas" esa posibilidade. No caso das familias monoparentais, o total do permiso pasa de 32 a 34 semanas e as que é posible utilizar ata o oitavo ano da crianza, de 4 a 6.

Yolanda Díaz explica os novos permisos de maternidade e paternidade tras o Consello de Ministros

Extensión do permiso por falecemento

O mesmo Consello de Ministros aprobou tamén a ampliación dos permisos por falecemento, de agora en diante "de duelo por falecemento". Os dous días vixentes ata agora pasan a "dez días laborables nas catro semanas posteriores ao deceso" aos que se poderán acoller cónxuxes, parellas de feito ou familiares de primeiro grao da persoa falecida. 

As dúas xornadas vixentes ata agora polo pasamento de familiares de primeiro grao pasan agora a dez días laborables. Todas as medidas deben ser convalidadas no Congreso

Para familiares de segundo grao de consanguinidade o permiso pasa de dous a tres días, que serán cinco "no caso de implicar desprazamento". O mesmo paquete de medidas inclúe a posibilidade de "solicitar adaptacións da duración e distribución da xornada laboral" para acompañar familiares de ata segundo grao en coidados paliativos e un día de permiso para acompañar a persoa designada por alguén que exerza o seu dereito á eutanasia.

Todas estas mudanzas son aprobadas baixo a figura do Real Decreto-Lei, polo que precisarán do visto e prace da Deputación Permanente do Congreso para seguiren en vigor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.