Dende hai catro anos os permisos por nacemento para mulleres e homes en España teñen a mesma duración e son intransferibles. Porén, a gran maioría dos varóns optan por coller o seu permiso coincidindo coas nais, o que os reduce a axudantes das nais e acurta a duración do coidado retribuído para a parella
Dende hai catro anos os permisos por nacemento para mulleres e homes en España teñen a mesma duración (16 semanas, que están a piques de ser ampliadas a 20 semanas) e son intransferibles, ademais de estar remunerados ao 100%. Trátase dunha medida pioneira, que non existe no resto do Europa, que busca incrementar a corresponsabilidade dos varóns na crianza dos seus fillos e fillas e, en consecuencia, reducir a fenda de xénero que os coidados provocan na vida laboral.
É innegable que a medida tivo un impacto importante, de xeito que os pais pasaron de ter uns 15 días para o coidado dos seus fillos e fillas a contar con catro meses, e que iso incrementou as súas responsabilidades no ámbito do fogar. Porén, aínda que o permiso é igual para pais e nais, os datos amosan que continúa a haber un enorme desequilibrio entre o peso dos coidados que uns e outras asumen.
Un dato clave é o que se refire á porcentaxe de homes que, unha vez rematadas as primeiras seis semanas de permiso (das que nais e pais gozan conxuntamente) optan por coller as restantes dez semanas en solitario, sen coincidir coas nais. Ese é o obxectivo do permiso igualitario, pensado para estender ata 26 semanas sucesivas (seis conxuntas, dez dun proxenitor e máis dez do outro proxenitor) o tempo coidado remunerado dos traballadores e traballadoras.
Galicia está por detrás da media española e moi lonxe dos datos de Aragón e Castela e León, que roldan o 30%, e de Madrid, País Vasco e Navarra, por riba do 25%
Porén, en Galicia, apenas o 19% dos pais optaron por esta vía, que implica responsabilizarse en solitario do coidados dos seus bebés. Polo tanto, o 81% colleu este permiso coincidindo con permisos ou baixas das nais, o que os relega a un rol de proxenitor axudante, unha porcentaxe mesmo superior á media do Estado, onde o 21,5% dos pais colleron o permiso por separado). Así o revela un informe publicado esta semana polo Instituto de Estudios Fiscales, que analiza os distintos factores sociais e laborais que inflúen na decisión adoptada polas familias.
Galicia está por detrás da media española e moi lonxe dos datos de Aragón e Castela e León, que roldan o 30%, e de Madrid, País Vasco e Navarra, por riba do 25%. Tan só supera as cifras de Estremadura, Murcia, Andalucía e Canarias.
O informe dá conta da evolución positiva que nos últimos anos experimentaron os permisos de nacemento retribuídos para os pais
Iso si, a situación é inmensamente máis favorable que no resto de Europa, onde os pais gozan de permisos de paternidade de menor duración, o que fai que o coidado de fillos e fillas no primeiro ano sexa asumido en maior medida polas nais. Tan só Islandia, Noruega, Suecia e Finlandia achéganse aos datos españois.
Ademais, hai que subliñar que a porcentaxe de varóns que optan por coller o permiso sen coincidir coas nais amosa unha clara tendencia de ascenso en España: do 15,7% de 2020, ao 18,5% de 2021, o 19,9% de 2022, ata chegar ao 21,5% de 2023.
A porcentaxe de varóns que optan por coller o permiso sen coincidir coas nais amosa unha clara tendencia de ascenso
O informe dá conta da evolución positiva que nos últimos anos experimentaron os permisos de nacemento retribuídos para os pais. Dunha media de 15 días en 2016, pasouse a algo máis dun mes en 2018 a roldar os 110 días a partir de 2021, só un chisco por debaixo do número de días de permiso dos que gozaron as nais de media. No último ano con datos, o 2023, o 98,9% das nais aproveitaron todas as semanas de permiso ás que tiñan dereito, mentres que no caso dos pais a porcentaxe foi algo inferior (91,9%), aínda que a cifra está a medrar dende o ano 2019.
O documento amosa tamén outra diferenza entre o uso que nais e pais dan ao permiso: a gran maioría das nais (o 93%) colle as 16 semanas de forma seguida ao nacemento, mentres que máis da metade dos pais (mesmo os que asumen a responsabilidade nalgún momento de forma principal e non como axudantes) opta por partilas e varios períodos, cando menos dous.
Canto maiores son os ingresos do traballador é máis probable que colla o permiso por separado. De igual xeito, nos pais que traballan nos sectores de Información e comunicación, actividades financeiras e na administración pública, as porcentaxes son maiores, o mesmo que na industria
O documento explora tamén as características socioeconómicas e laborais dos homes que optan por coller o permiso por nacemento sen facelo coincidir co das nais. Canto maiores son os ingresos do traballador é máis probable que colla o permiso por separado, de xeito que nas persoas con ingresos baixos a porcentaxe rolda o 10%, mentres que nos salarios máis elevados supera o 30%.
De igual xeito, nos pais que traballan nos sectores de Información e comunicación, actividades financeiras e na administración pública, as porcentaxes son maiores, o mesmo que na industria. Pola contra, no sector primario e na construción é onde se rexistran os indicadores máis reducidos. Os datos tamén melloran nas persoas con contratos indefinidos, o que pode indicar que aquelas persoas con dereitos laborais máis protexidos optan con máis seguridade por esta opción.