O TSXG anula o despedimento dun transportista ourensán ao entender que a empresa o botou por ser pai

A sentenza sinala que o despedimento "produciuse polo feito do parto da súa muller e de todas as consecuencias que se poderían derivar do mesmo (permisos, baixas, etc.)” CC-BY-SA Pexels

Son moitas as mulleres que sofren importantes atrancos no mundo laboral no momento en que son nais. Dende despedimentos por esta causa, obstáculos para o seu ascenso ou asignación de maiores responsabilidades e inferiores salarios, pois boa parte da fenda salarial por sexo vén determinada pola maternidade. En ocasións, todos estes prexuízos chegan mesmo para as mulleres sen fillos e fillas, simplemente pola posibilidade de quedar embarazadas, que moitos empresarios interpretan como unha pexa para a súa actividade laboral.

O traballador, condutor-repartidor, que xa informara do estado de xestación da súa muller, comunicou o parto o 22 de abril do pasado ano. Ese mesmo día foi despedido

Ata agora, as mulleres debían responsabilizarse da maior parte dos coidados da crianza e, dende logo, o seu grao de esforzo segue sendo maioritario, tanto durante o embarazo coma nos meses seguintes, especialmente mentres dura o período de lactancia. Porén, os homes cada vez dedican máis tempo a estes labores e, de feito, este ano 2021 é o primeiro no que os permisos de nacemento son iguais (16 semanas) para cada un dos proxenitores, un elemento que pode actuar como un "acelerador de cambio cultural", no que á división do traballo de crianza se refire.

Pode que isto supoña, por exemplo, que tamén algúns homes comecen a ser penalizados nas súas empresas polo feito de ser pais ou pola posibilidade de selo. Isto é o que sucedeu o pasado ano nunha empresa de transportes de Ourense, na que un traballador foi despedido polo feito de ser pai. Así o sinala unha sentenza do TSXG, que condena á compañía á inmediata readmisión do empregado nas mesmas condicións laborais que tiña. Nun primeiro momento, o despedimento si foi considerado improcedente por parte de FOGASA, pero a empresa recorreu a decisión ante un xulgado do social, que lle deu a razón, declarando válido o despedimento. Daquela, foi o traballador quen recorreu, obtendo agora o recoñecemento da nulidade do seu despedimento.

Rúa da Concordia, no centro de Ourense © Concello de Ourense

A empresa indicou que o despedimento se debía a "unha eventual diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado". Porén, "non se probou ningún incumprimento ou causa que puidese amparar a decisión fóra daquela vinculación co parto"

O empregado, con categoría profesional de conductor-repartidor, comunicara xa á empresa o estado de xestación da súa muller (o 13 de abril) e o 22 de abril de 2020 informouna do parto, que viña de producirse. A compañía despediuno ese mesmo día e comunicoullo mediante un burofax enviado o día 24 de abril, que recibiu días despois. Segundo a sentenza ditada polo TSXG, "isto é un indicio, ou unha forte sospeita, de que puidese existir unha conexión entre o parto (e a súa condición de pai) e a decisión empresarial, ao concorrer unha inmediatez temporal entre un e outra; sen que teña nada que ver co exercicio dun permiso de paternidade, senón coa condición de proxenitor e de todas as consecuencias legais, que, diso, puidese deducir a empregadora que ían ocorrer”.

A empresa indicou que o despedimento se debía a "unha eventual diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado". Porén, segundo destaca a sentenza, "non se probou ningún incumprimento ou causa que puidese amparar a decisión fóra daquela vinculación co parto". O ditame conclúe que "hai un indicio verosímil de que o despedimento puidese responder a un móbil discriminatorio (a condición de pai)" e engade que "a empresa, ao investirse a carga da proba, non afastou esta sospeita fundada con probas da existencia dunha causa obxectiva, allea e non espuria da súa decisión", concluíndo polo tanto o carácter nulo do despedimento.

A sentenza enmarca esta situación na denominada "discriminación reflexa", salientando que ao traballador “se lle tratou de maneira menos favorable (despídese) por motivo dun dos trazos ou características protexidos (o parto ou nacemento dun fillo), que, a pesar de non concorrer en si mesmo (nin estivo embarazado nin deu a luz) o motivo do trato menos favorable, se fundamentou nesa característica, pois –precisamente- o seu despedimento se produciu polo feito do parto da súa muller e de todas as consecuencias que se poderían derivar do mesmo (permisos, baixas, etc.)”. 

A sentenza sinala que o seu despedimento "produciuse polo feito do parto da súa muller e de todas as consecuencias que se poderían derivar do mesmo (permisos, baixas, etc.)”

Polo tanto, a empresa "vulnerou o dereito do recorrente á igualdade e a non sufrir discriminación por razón de sexo (embarazo), dado que lle sería proxectable –indirectamente- a protección outorgada polo artigo 55.5 do Estatuto dos Traballadores”, conclúe a sentenza.

O TSXG condena á compañía á inmediata readmisión do empregado nas mesmas condicións laborais que tiña. Así mesmo, deberá abonarlle os salarios deixados de percibir desde entón e ata a súa efectiva reincorporación ao posto de traballo (algo máis de 35 euros diarios), así como unha indemnización por dano moral de 6.251 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.