"Todo o mundo foi educado nunha sociedade machista e patriarcal cunha concepción da muller como a abnegada, a que sofre. Ninguén se preguntou nunca quen coida as crianzas, quen as lava ou as alimenta, porque ese traballo era das mulleres"
A pasada semana o grupo compostelán de Maternidades Feministas presentou o seu Observatorio das violencias machistas cotiás que afectan á maternidade, un estudo sobre as distintos obstáculos e agresións que sofren embarazadas e nais que a partir dunha enquisa na que participaron 300 mulleres recolleu exemplos de "violencias" institucionais, económicas, psicolóxicas ou culturais, ademais da propia violencia obstétrica presente en embarazo e parto ademais de realizar unha proposta de actuacións e cambios normativos que presentarán ás distintas administracións.
O primeiro obxectivo do Observatorio está xa conseguido: colocar no debate públicos todas estas cuestións, incitando en primeiro lugar á súa reflexión e debate por parte das propias mulleres afectadas e, igualmente, ás institución e ao conxunto da sociedade. O propio informe de conclusións publicado por Maternidades Feministas subliña a "invisibilidade" de moitos estes problemas, que ou ben pasan desapercibidos, ao non concedérselle a importancia suficiente ou asumirse como "nomais", ou ben non son denunciados. Ademais, cando esta denuncia si existe, poucas veces estas reclamacións reciben unha resposta axeitada.
A indefensión de mulleres embarazas e nais que resulta paradoxal nunha sociedade que, por outra banda, eleva no discurso público a cuestión da actual baixa natalidade como un dos problemas máis destacados e dos retos de futuro para as vindeiras décadas. "O problema é que vivimos nunha sociedade adultocéntrica. Iso viuse claramente durante o confinamento da primavera, o que obrigou a que moitas fixésemos unha campaña para que se permitise que as crianzas saísen a pasear", destaca Mónica Rodríguez Vázquez, coordinadora do informe.
"Como a sociedade ten que funcionar sobre esa estrutura dos coidados, ninguén se pode permitir considerar que aí existe violencia, pero existe"
Mónica Rodríguez destaca a "invisibilidade" das violencias sufridas en xeral polas mulleres, tamén no que afecta ao embarazo e a crianza. "Todo o mundo foi educado nunha sociedade machista e patriarcal cunha concepción da muller como a abnegada, a que sofre. Ademais ninguén se preguntou nunca quen coidaba ás crianzas, quen as lavaba ou as alimentaba, porque ese traballo era das mulleres, por iso non importan estes problemas. Todo ese traballo non remunerado, que equivale a un 53% do PIB non está valorado socialmente nin cuantificado oficialmente, pero é un traballo no que se sustenta toda a sociedade", di. "Como a sociedade ten que funcionar sobre esa estrutura dos coidados, ninguén se pode permitir considerar que aí existe violencia, pero existe", subliña.
"No Observatorio detectamos que unha das estratexias das mulleres nais para fuxir destas violencia é non ter máis fillos. Se te despiden por ter un fillo, ao final vas optar por non ter un segundo"
Os problemas e dificultades de todo tipo que sofren as mulleres que acaban de ser nais, comezando polas económicas, son un determinante clave que axuda a explicar as baixas taxas de natalidade existentes en Galicia e no conxunto do Estado Español. "No Observatorio detectamos que unha das estratexias das mulleres nais para fuxir destas violencia é non ter máis fillos. Se te despiden por ter un fillo, ao final vas optar por non ter un segundo. Con este sistema económico e con este empresariado, como vas ter máis fillos?", subliña Mónica Rodríguez.
"Un informe recente do Banco de España sinala que os ingresos das mulleres descenden un 11% despois de ter un fillo e un 30% se teñen máis. Foi creándose a idea de que xa viviamos nun país igualitario e paritario, pero a realidade é que non cambiaron tantas cousas", di. "Por que houbo mobilizacións tan masivas o 8M? A sentenza da Manada foi unha chispa importante, pero a clave foi sobre todo a constatación de que a fenda de xénero, o teito de cristal e o chan pegañento seguían a ser reais", engade.
Violencia obstétrica
"A clave de moitas das violencias psicolóxicas e tamén da violencia obstétrica é o cuestionamento da nosa capacidade intelectual"
Un dos aspectos clave no informe é a denuncia da chamada "violencia xineco-obstétrica", definida como "calquera conduta, por acción ou omisión, que, realizada polo persoal sanitario, afecte ao corpo e aos procesos reprodutivos das mulleres, con consecuencias físicas e psicolóxicas". Maternidades Feministas incide, sobre todo, na falta de información proporcionada ás mulleres embarazadas, a negación da súa capacidade para decidir sobre as condicións nas que queren levar a cabo o parto e o trato "infantilizador" e carente de empatía que en moitas ocasións reciben por parte do persoal sanitario, ao que lle esixen unha formación en materia de xénero.
"A clave de moitas das violencias psicolóxicas e tamén da violencia obstétrica é o cuestionamento da nosa capacidade intelectual", di Mónica Rodríguez, que engade que "no momento en que unha muller é nai, tanto ten que sexa doutora en Física, que vai pasar a ser posta en dúbida, e todo o que faga vai ser cuestionado, comezando polo seu físico ('a ver se recuperas a figura como esa modelo') ata a forma en que coida o seu fillo ou filla". Noutras palabras, todo o que faga vai estar mal visto por unha parte da sociedade, tanto se opta pola lactancia materna coma se non, tanto se volve ao traballo inmediatamente coma se non.
"Esa violencia obstétrica é tamén unha violencia institucional, porque a administración non dedica suficientes recursos aos partos: faltan matronas, enfermeiras, xinecólogas..."
En relación coa violencia obstétrica, Mónica Rodríguez denuncia que "os partos están organizados así por unha cuestión de comodidade para o médico ou xinecólogo, que ademais adoita ser un home, e non pensando no benestar ou no beneficio para a muller que está a parir". "Esa violencia obstétrica é tamén unha violencia institucional, porque a administración non dedica suficientes recursos aos partos: faltan matronas, enfermeiras, xinecólogas... E falta, ademais, moita formación de xénero e formación nunha mínima empatía para o persoal sanitario, que acaba por tratarte como unha nena pequena", di.
As cidades non están feitas para as crianzas
"Falamos de violencias infraestruturais, porque as propias infraestruturas che impiden facer unha vida normal e practicamente che obrigan a ter un coche"
O informe afonda, entre outras cuestións, na denominada "violencia infraestrutural" (provocada polas infraestruturas). As cidades non están construídas para as mulleres embarazadas, nin para os nenos e nenas nin para, por exemplo, pasear cun carriño. Os peóns e peoas, canto máis febles son (e aquí entrarían tamén as persoas con problemas de mobilidade, discapacitadas ou de maior idade) atópanse en clara desvantaxe fronte aos coches e os seus condutores. De igual xeito, as eivas do transporte público prexudican especialmente a estes colectivos.
"Cando quedas con outras nais acabas falando destes temas e ves que aí hai moito sufrimento e moita soidade na maternidade. E só esa soidade, ese apartarnos da vida exterior, xa implica unha violencia"
"Se as cidades foron algunha vez humanas, dende logo xa non o son", destaca Mónica Rodríguez. "Falamos de violencias infraestruturais, porque as propias infraestruturas che impiden facer unha vida normal e practicamente che obrigan a ter un coche. E se non o tes estás vendida porque no transporte público é moi difícil o acceso e a baixada" di, engadindo que "ao final acabas ti mesma evitando ir a sitios ou evitando facer certas cousas para evitar conflitos e problemas, e iso leva a unha exclusión da vida social".
"Cando quedas con outras nais acabas falando destes temas e ves que aí hai moito sufrimento e moita soidade na maternidade. E só esa soidade, ese apartarnos da vida exterior, xa implica unha violencia", explica. De aí a importancia de botar a andar esta enquisa, que permitiu que todas as participantes reflexionasen sobre as súas situacións persoais.
Uns debates que deben ser abertos
"A realización do informe foi para nós mesmas unha ferramenta sanadora e empoderante, porque nos permitiu falar de moitos temas, poñelos en común e permitiunos ver que había moitas violencias das que non eramos conscientes ao comezo", destaca. "A idea é seguir co Observatorio porque nos parece importante chegar a moitas máis mulleres, que todas elas fagan esta introspección e estas reflexións", engade, subliñando que "abrimos unha caixa de algo que parece que moitas mulleres estaban a agardar e que non chegaba nunca a ser falado".
"A realización do informe foi para nós mesmas unha ferramenta sanadora e empoderante, porque nos permitiu falar de moitos temas, poñelos en común e permitiunos ver que había moitas violencias das que non eramos conscientes ao comezo"
Subliña, así mesmo, que estes debates deben darse no marco do feminismo, onde a maternidade "foi sempre un tema moi polémico", o que en ocasión levou a que ficase relegado. "Moitas comezamos sendo antimaternais e cando chegamos á maternidade acabamos chegando a unha crianza do apego que parecía case contraditoria cos nosos principios feministas, pero que non o é. Unha vez que es nai velo doutra maneira", di Mónica Rodríguez". "Como nais estabamos fóra do activismo, comezando polo feito de que os propios horarios de asembleas ou concentracións nos facían imposible asistir. Porén, ao final, a nosa actividade permitiu que moitas mulleres volvesen militar no feminismo, aínda que fose cunha crianza colgada da teta", destaca.
"A nosa actividade permitiu que moitas mulleres volvesen militar no feminismo, aínda que fose cunha crianza colgada da teta"
Mónica Rodríguez reclama que ademais do debate, "son importantes todo tipo de cambios, dende modificacións lexislativas para facer máis doada a vida de nais e crianzas, ata pequenas mudanzas a nivel de cada concello, que afectan a cuestións concretas do día a día de moitas mulleres". Tamén sinala a necesidade de que todas estas cuestións sexan máis denunciadas polas mulleres que as sofren, aínda que lembra que (como recolle o informe), "a maior parte das mulleres non atopan canles axeitadas para denunciar e, cando o fan, estas denuncias non teñen resultado ou resposta".