A pasada semana morreu un bebé en Vigo despois dun parto na casa que non contou con atención médica, incumprindo así todas as recomendacións das sociedades médicas, que aconsellan que estes procesos se realicen sempre baixo a supervisión dun especialista.
A inmensa maioría dos partos en Galicia realízanse no hospital (18.352 de 18.445), cun total de 39 partos en vivendas, 29 deles asistidos por persoal sanitario
De igual xeito, con frecuencia prodúcense denuncias pola denominada "violencia obstétrica", definida sobre todo pola aplicación de procedementos agresivos, como a episiotomía, que poderían ser evitados, segundo os seus críticos e por unha caste de "infantilización" da muller neses momentos e unha negación da súa capacidade de decisión. Neste senso, a actriz Iria Pinheiro ten denunciado que "hai moita intolerancia e unha negación absoluta da violencia obstétrica por parte de moita xente que ten asumido que un parto debe ser violento".
Analizando a estatística sobre os nacementos que tiveron lugar en Galicia no pasado ano, atopamos que unha gran maioría dos partos (un 83%) foron considerados "normais" e sen complicacións, fronte a un 17% de partos distócicos, anormaltemente lentos ou dificultosos, e nos que é imprescindible a intervención médica para evitar riscos para a vida da nai ou do bebé.
As cesáreas aplícanse no 26% dos partos, unha porcentaxe que crece en paralelo coa idade da nai
De igual xeito, a inmensa maioría dos partos en Galicia realízanse no hospital (18.352 de 18.445), cun total de 39 partos que tiveron lugar en vivendas, 29 deles asistidos por persoal sanitario e só 10 que se produciron sen esta supervisión profesional. O número total anual de partos na casa leva case dúas décadas por debaixo dos 100.
En canto ás cesáreas, esta intervención aplícase en algo máis de 1 de cada 4 partos galegos (un 26%). Con todo, a estatística amosa que esta porcentaxe crece en paralelo coa idade da nai. De porcentaxes próximas ao 20%por debaixo dos 30 anos, pásase ao 24% e ao 27% entre os 30 e 39 anos, chegando ao 33% entre os 40 e 44 anos. Falamos con Casimiro Obispo, presidente da Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía (SGOX).
"A violencia obstétrica é unha mentira, non existe. Nos hospitais, as matronas pregúntanlles ás mulleres nada máis entrar que queren facer, como queren parir"
É seguro dar a luz na casa? Seríao con supervisión médica ou a única recomendación é acudir ao hospital?
O problema dos partos é que en calquera momento pode haber unha complicación. Mesmo nun parto no que, en principio vai todo ben. Ou despois dun parto, nas horas seguintes, que tamén son moi importantes. E se hai unha complicación, debe resolverse nun hospital. Unha muller pode parir nun taxi sen problema ningún se non hai ningún problema, pero debe facelo nun centro sanitario precisamente para previr e evitar calquera tipo de complicacións. Os datos avalan isto, ademais: a morbilidade descendeu moitísimo nos últimos anos nos partos asistidos en hospital, a diferenza dos que se realizan fóra. En concreto, Galicia ten un dos mellores datos de toda Europa. Hai un grupo holandés, que fai partos na casa, e que ten a mortalidade máis alta do continente.
Existe a denominada violencia obstétrica? Ou, cando menos, hai protocolos que se deben mellorar para mellorar a atención ás mulleres que paren?
A violencia obstétrica é unha mentira, non existe. A principal razón que aduce a xente para querer parir na casa é que quere “un parto natural”. Pois ben, nos hospitais, as matronas pregúntanlles ás mulleres nada máis entrar que queren facer, como queren parir, se queren que lle collan unha vía, se queren que as rasuren, se queren ou non epidural, se queren camiñar, se queren poñerse de pé... É a muller que vai parir a que decide o que vai facer e as matronas preocúpanse de que todos os partos sexan naturais. Só se se complican, avisan ao xinecólogo.
"Xa non se realizan episiotomías de forma profiláctica"
En calquera caso lévanse a cabo procedementos evitables? Falo, por exemplo, da episiotomía e doutras técnicas que en ocasións son criticadas por agresivas...
Todo iso as matronas pregúntanllo tamén á muller que está parindo. É ela a que decide se quere que lle practiquen unha episiotomía, tras unha iniciativa do profesional que, en función de como está indo o parto, valora que a episiotomía é necesaria. Xa non é como antes, que se facía de forma profiláctica, iso xa non se fai. Aínda que eu creo que co tempo volveremos facela de forma preventiva, pois os datos estannos indicando que temos máis problemas posteriores por non facela, con complicacións difíciles de resolver. Estamos no medio dunha discusión científica sobre o tema e aínda non chegamos a un consenso.
"As técnicas e os consensos van evolucionando, en función dos datos e das realidades que observamos nos partos"
Mudou entón nos últimos anos o consenso médico sobre esta cuestión?
Fíxate que hai uns anos as recomendacións indicaban que o mellor era que o parto fose de curta duración, e por iso empregabamos técnicas como a ventosa. Agora, en cambio, a recomendación é que o parto expulsivo sexa de longa duración. As técnicas e os consensos van evolucionando, en función dos datos e das realidades que observamos nos partos.
En medicina hai que ter a mente aberta e axustarse ás probas que haxa en cada momento. Dicíame o outro día un catedrático de Medicina Interna: “as persoas que saben moito dubidan de moitas cosas e cústalles moito tomar unha decisión. Por iso nos chama a atención que as persoas que non saben tanto dun tema o teñan sempre todo tan claro".
"Imos realizar un protocolo para avanzar no diagnóstico temperán da endometriose. E o SERGAS comprometeuse a aceptar as conclusións ás que cheguemos"
Como se pode mellorar o diagnóstivo temperán da endometriose?
Vouche avanzar unha novidade importante nesta cuestión. Despois de moitos meses de conversas, acabamos de constituír un grupo de traballo, no que participamos a Asociación Galega de Pediatría, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e a Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía, que imos realizar un protocolo para avanzar no diagnóstico temperán da endometriose. Ademais, conseguimos chegar a un acordo co SERGAS, no que o SERGAS se comprometeu a aceptar as conclusións ás que cheguemos. Imos ter a primeira xuntanza a primeira quincena de xaneiro.
Debería falarse máis publicamente e poñer o foco na investigación e tratamento de doenzas como as patoloxías do solo pélvico e outros problemas que poden aparecer despois do parto?
As patoloxías do solo pélvico son un tema complexo, que non temos ben resolto. Por un ou por outro motivo, incluídos os partos, o solo pélvico da muller sofre e dá moitos problemas, e é algo que aumenta co paso dos anos. Hai moitas publicacións sobre o tema, hai cambios de tratamento, imos evolucionando dunhas solucións a outras, pero a realidade é que aínda non o sabemos resolver. Ligado a isto prodúcense situacións de incontinencia urinaria, máis ou menos importantes, de dores nas relacións sexuais, afeccións ao útero..., unha gran variedade de consecuencias para as que aínda non temos unha solución completa.
"O atraso na maternidade engade novas dificultades, efectivamente. Pero hoxe as técnicas melloraron moito, en todo caso. Hai moitas solucións"
O atraso na idade da maternidade engade novas dificultades nos procesos de embarazo, parto e postparto? Mellorou a resposta médica para facer fronte a estes problemas engadidos?
O atraso na maternidade engade novas dificultades, efectivamente. Non sabemos cal é a mellor idade para ter fillos. Unha muller pode facelo aos 20, aos 40 e mesmo aos 50 anos, pero aos 20 anos vai ter menos problemas, iso está claro. A saúde xeral empeora cos anos, con cuestións de todo tipo: máis hipertensión, máis diabetes... E despois con cuestións específicas: hai uns anos os partos nos que aparecía un mioma, que é un tumor benigno no útero, eran bastante excepcionais, e hoxe é raro que non apareza, porque a súa incidencia aumenta coa idade. Ou, por exemplo, cos problemas engadidos de eclampsia. Hai, ademais, máis mortes perinatais e por iso inducimos os partos un chisco antes, ás 39 semanas, para evitar estas complicacións todo o que poidamos.
O mesmo pasa relacionado coa infertilidade. O límite parece estar nos 38 anos, segundo os datos medios que estamos manexando, o que quere dicir que a partir dos 38 anos se incrementan as dificultadas para que unha muller quede embarazada. Iso, no que se refire á calidade do ovocito, que afecta á fertilidade, e que non ten nada que ver co proceso posterior de embarazo e parto. Hoxe as técnicas melloraron moito, en todo caso. Hai moitas solucións.