Sucedeu esta semana en Vigo: un bebé morreu despois dun parto na casa que non contou con atención médica. O caso, que pon unha vez máis sobre a mesa a pertinencia ou non dos partos na casa, ten dúas compoñentes claves para o tráxico desenlace final. Por unha banda, o bebé estaba en posición podálica (de nádegas), unha circunstancia que, segundo recollen varios documentos, aconsella sen dúbidas rematar o parto nun hospital e preferiblemente cunha cesárea. Por outro, que a nai non contaba con asistencia profesional de ningún tipo. Aínda que varios medios recollen que a muller tentara solicitar nas semanas anteriores axuda especializada, non atopou a ninguén disposto a facelo. Segundo as estimacións das expertas consultadas, anualmente prodúcense en todo o Estado entre 1.000 e 1.400 partos na casa do total de 400.000 nacementos.
Membros da Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia desaconsellaron en varias ocasións o parto na casa polas eventualidades que poden suceder. Incluso as indicacións contidas na Guía de asistencia ao parto na casa que elaboran varias asociacións de matronas que ten o apoio, por exemplo, do Consell do Colexio de Enfermeiras e Enfermeiros de Catalunya e que cita diversos estudos e referencias científicas subliñan que a posición podálica desaconsella o parto na casa, polo que a maioría de profesionais rexeitaría atender un caso con estas características nun domicilio.
"O parto de nádegas en España está considerado de risco e debe atenderse nun hospital. As matronas só podemos atendelos cando nos atopamos cunha situación así de forma accidental", explica Lucía Alcaraz, matrona e membro da Federación de Asociacións de Matronas de España (FAMA), unha das organizacións que elaboran a Guía de asistencia ao parto na casa. No caso dos partos que si se atenden no domicilio, o equipo é de polo menos unha matrona acompañada doutra profesional, como unha enfermeira ou unha matrona en formación.
"Noutros países, cando unha muller decide contra o criterio médico un comité de profesionais reúnese con ela asegúrase de que estea informada par dar a máxima seguridade"
Alcaraz subliña que tanto a Lei de Autonomía do Paciente como varias sentenzas europeas avalan que cada muller debe poder elixir o lugar onde dar a luz. "A historia é como damos resposta a casos que implican riscos, como un parto de nádegas. Noutros países, cando unha muller decide contra o criterio médico hai protocolos que contemplan que un comité de profesionais se reúna con ela, se asegure de que está informada e a acompañe para dar precisamente a máxima seguridade", explica. Alcaraz pensa que hai que pór sobre a mesa como se atenden os partos de risco nos hospitais e se os protocolos non son en ocasións demasiado estritos: "Quizá sendo flexibles, tentando individualizar cada caso e dando unha atención adaptada ás necesidades de cada persoa consigamos dar resposta a moitas mulleres que agora non senten acompañadas".
"O 60% das complicacións suceden en mulleres que a priori estaban consideradas de baixo risco"
A Guía de Asistencia ao Parto na casa establece os criterios clínicos baixo os que se podería realizar un parto nun domicilio. Por exemplo, que non se trate dun embarazo múltiple, que o bebé estea en posición cefálica, que non haxa síntomas relevantes relacionados co embarazo ou determinados niveis de hemoglobina. Cita tamén os criterios que desaconsellan dar a luz no domicilio e os factores que supoñen un risco engadido, como que o bebé estea de nádegas.
O xinecólogo do centro Bmum Jackie Quella, que se pronunciou publicamente en varias ocasións contra os partos en casa, ten unha opinión clara. "Un parto de baixo risco pode suceder con total normalidade, claro; hai mulleres que pariron nun taxi. Pero o problema son os imprevistos. O 60% das complicacións suceden en mulleres que a priori estaban consideradas de baixo risco. As eventualidades que poden suceder nun parto non as podemos saber con anterioridade, un parto pode cambiar en cinco minutos", subliña.
Imposible predicir complicacións
A evidencia científica é prudente, principalmente porque non hai estudos o suficientemente amplos como para tirar afirmacións concluíntes. "Estudos observacionais cada vez mellor realizados indican que o parto planificado no hospital non é máis seguro que o parto planificado no domicilio axudado por unha matrona experimentada coa asistencia dun colaborador médico, pero pode provocar máis intervencións e máis complicacións", di unha revisión científica.
"A maioría dos embarazos entre mulleres sas é normal, pero non é posible predicir con certeza que non ocorrerán complicacións no parto"
Pero a comparación entre os partos hospitalarios e domiciliarios tamén menciona as posibles complicacións que poden darse: "A maioría dos embarazos entre as mulleres sas é normal e a maioría dos partos podería ter lugar sen intervención médica innecesaria. Con todo, non é posible predicir con certeza que non ocorrerán complicacións no transcurso dun parto. Por tanto, en moitos países considérase que a opción máis segura para todas as pacientes é ter o parto no hospital. Nalgúns países considérase que mentres á paciente lle fagan un seguimento durante o embarazo e unha matrona a axude durante o parto, a derivación entre o fogar e o hospital, de ser necesaria, non terá complicacións. Nestes países, o parto domiciliario é unha parte integrada da atención médica da nai".
Para Lucía Alcaraz, matrona de FAMA, os partos na casa en España teñen un nivel de seguridade alto pero terían "un plus" se existise coordinación co sistema sanitario e co transporte de urxencias, algo que si sucede noutros países. En calquera caso, Alcaraz subliña que se trata de ofrecer información para que as mulleres tomen decisións con todos os elementos posibles sobre a mesa. A tamén matrona Isabel Salgado, da Comisión de Comadronas do Consell de Colexio de Enfermeiras e Enfermeiros de Catalunya, explica que as matronas teñen tamén autonomía para decidir se aceptan ou non atender eses partos e que, en caso de facelo, hai un traballo exhaustivo previo para coñecer desde a historia clínica da paciente ao domicilio ou o plan de traslado en caso de emerxencia.
"En Holanda non fan isto porque sexan máis modernos, senón por necesidade"
O xinecólogo Jackie Quella insiste en que neste momento non existe infraestrutura para garantir a seguridade dunha paciente e o seu bebé que naza en casa. "En Holanda faise isto e existe unha estrutura e un apoio de transporte preparado. Moitas veces os hospitais alí non teñen espazo para asumir a demanda de partos que hai, así que non é que o fagan porque son máis modernos que nós, senón por necesidade". O médico lembra un dos casos que atendeu este ano na súa clínica: o dunha nai nova cun embarazo de baixo risco e un parto que transcorreu con normalidade, pero cuxas complicacións apareceron minutos despois do nacemento en forma de hemorraxia masiva por atonía uterina. "Pódeo contar porque estabamos nun centro con todas as garantías. Claro que o normal é que todo transcorra sen problemas pero os riscos poden chegar de súpeto".