“En demasiados casos, as exploracións xinecolóxicas convértense en violacións dos dereitos fundamentais das mulleres”

Dominio Público Praza Pública

Ser tratada como unha cousa. Como se non existise a dor. Nin o dereito a expresala e, moito menos, a rebelarse contra ela. Anulada. Infantilizada. Como manda o canon patriarcal. Niso consiste a violencia obstétrica. E iso denuncian os escritores Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán en ‘A outra voz’ (A.C. Caldeirón), o libro co que gañaron o IX Certame de Poesía Erótica de Malpica Illas Sisargas. Falamos con ambos deste poemario e aproveitamos para facer un percorrido con Verónica por toda a súa obra.

'A outra voz' é un libro sobre violencia obstétrica. ‘Judite’, de Marcos Abalde, fala diso mesmo. Por que optades por este tema? Pola súa invisibilidade?

Verónica: Efectivemente, optamos por este tema porque é silenciado, semidescoñecido e minimizado, como case todos os problemas que afectan ás mulleres en exclusiva. É outra variante máis da violencia machista.

Alberte: Neste caso partimos do particular para camiñar cara o xeral. Dende un caso concreto, realizamos a denuncia sobre un problema do que é vítima o conxunto da sociedade e do que esa mesma sociedade chega a ser cómplice, como no caso da violencia machista.

O libro fala de como unha exploración xinecolóxica pode ser sentida como unha agresión, unha violación. Cando o trato é inhumano. Cal é, para vós, a clave dese xeito de actuar? Se cadra unha cultura médica patriarcal, un sistema de atención ao paciente que se parece a unha cadea fordista, a obxectualización e infantilización da muller...

Verónica: Non sempre, pero en demasiados casos e abondaría con un, as exploracións xinecolóxicas convértense -e non só se senten, aí entrariamos na subxectividade da muller- en verdadeiras violacións, senón sexuais, -ás veces tamén-, si dos dereitos fundamentais das mulleres. As causas do maltrato son as que apuntas e a mala-educación patriarcal en sentido amplo e moitas outras que poida se nos escapen. Edúcasenos para ter medo aos/as médicos/as e ás consecuencias dos seus actos, nunca para cuestionar a súa praxe profesional. A maiores ás mulleres compélesenos directa e indirectamente a calar porque ao final “son cousas de mulleres” e esas non importan a ninguén. E nin tan sequera temos o noso propio Nü Shu, ese idioma das mulleres, como as mulleres chinas tiveron durante séculos, para poder expresarnos con liberdade.

Alberte: Na miña opinión, son todos os motivos que apuntas causas da violencia obstétrica. A tradición xudeocristiana na que a muller para realizarse na vida debía ser nai, convertendo a maternidade nun acto de sometemento, pasando por varias fases, nas que atopamos as inspección xinecolóxicas antes, durante e despois do parto, como un instrumento no que se humilla á muller e se conculcan dereitos que deberías ser fundamentais, tamén ligados á liberdade á hora de decidir o que facer co seu propio corpo.

As devanditas inspeccións, seguindo protocolos nos que, en moitos casos, a información para unha escolla libre se ve profundamente cuestionada. Lendo sobre a violencia obstétrica e institucional, e analizando un pouco a historia máis recente, non resulta en absoluto casual que sexa até o presente século que a violencia obstétrica se mencione no corpo dunha lei que a define e a considera un delito. Sendo poucos, até o momento, os países que contemplan na súa normativa actos punitivos para tal tipo de agresións.

Non resulta en absoluto casual que sexa até o presente século que a violencia obstétrica se mencione no corpo dunha lei que a define e a considera un delito

Non hai metáfora nin reviravolta. Fálase, sen máis, de violencia. É unha opción escollida para reflectir, precisamente, a crueza desa violencia?

Verónica: Non hai metáforas nin recursos poéticos cando un xinecólogo che introduce en menos de dous segundos un espéculo ata o útero, sen lubricante, sen pedir permiso, sen preguntarche o teu nome nin dicirche o seu, o extrae con manchas de sangue e aínda te increpa, que non te laies, que non che pode doer, como se o que sentimos as mulleres non nos pertencese. Se eles/as non teñen un mínimo tacto e coidado, nós non temos razón algunha para reaccionarmos con comprensión cara ao dano que nos fan. Como muller, o padecemento persoal é enorme e, en consecuencia, cómpre manifestalo de forma contundente. Con todo, dende Lusocuria modifiquei o meu xeito de escribir, sendo cada vez máis clara e directa na miña poesía, así A outra voz pertence a esta nova etapa.

Alberte: A violencia non se filtra, para quen a padece, por ningunha peneira poética. Edulcorar, dalgunha maneira o discurso, sería deturpar a mensaxe.

"Se eles/as non teñen un mínimo tacto e coidado, nós non temos razón algunha para reaccionarmos con comprensión cara ao dano que nos fan"

A muller do libro tivo un aborto. E sente non só dor física, senón a dor da perda e da desilusión. O seu corpo prepárase para parir cando xa non hai feto. Despois, o sexo é un xeito de recuperar como a pertenza do seu corpo. É iso o que tentades transmitir?

Verónica: A muller do libro ten que parir a un/ha fillo/a morto/a; iso é un aborto, hai feto evidentemente. A interrupción voluntaria do embarazo realízase doutro xeito. Na miña opinión non se deberían denominar igual, como se fosen o mesmo. Noutros idiomas, por exemplo en francés, diferéncianse, xa que son dous procesos diferentes: o aborto -que se produce de seu- e a interrupción voluntaria do embarazo -que resulta dunha decisión consciente e deliberada-.

Esta muller expulsa o que os facultativos chaman “os restos” e non un fillo/a morto/a. Neste uso da linguaxe, neste caso en concreto, tamén percibimos o maltrato institucional. Tentamos transmitir a dor da perda dun/ha fillo/a. Tamén como este feito afecta inevitablemente ás relacións de parella, moitas veces polo desexo de pasar páxina moi cedo, sen vivir o tempo de dó necesaria, pola falta de empatía ou polo tabú do tema a nivel social e familiar.

Alberte: Na miña opinión, incluso cando o aborto é unha decisión consciente e meditada, os vínculos que se establecen entre dous corpos en tan íntima unión deixan un sentimento de baleiro. Na elaboración deses vínculos existen dende motivos relacionados coa convención social, até a propia fisioloxía do corpo humano e os reguladores químicos que preparan ao individuo para os cambios que está a piques de experimentar.

Dende o meu punto de vista, tamén a proximidade a eses procesos, sen experimentalos directamente, crean un sentimento de baleiro absoluto, polos propios vínculos que se crean entre as persoas implicadas. Vínculos incluso químicos, aínda que non pretendo reducir as relacións unha simple reacción química.

En 'Ode á Madison Ivy', unha muller comeza a ver filmes pornográficos porque o seu amante os ve. Pero descobre o desexo: a través dunha actriz porno. E ten que descartar o propio sentimento de culpa: a moralidade. Por que? Non se pode ser feminista se che gusta iso, di, por exemplo.

Verónica: Critico o mundo do consumo de pornografía máis comercial, ao que pertence a Madison, onde se obxectualiza as mulleres e, como resulta evidente, esa tipoloxía de consumo non é feminista. A protagonista usurpa ese espazo, eminentemente masculino, para o desfrute da voz que fala, un dos xestos salvables dentro do libro para o feminismo. Non existe unha ideoloxía única na que incluír todo o feminismo, do mesmo xeito que non existe unha única muller que escriba poesía, nin unha idea única que inclúa o pensamento de todas as mulleres. Fago poesía que fala dun contexto, no que o pensamento libre está a ser absolutamente aniquilado. A poesía debería facer pequenos buracos para permitir que entrase algo de luz neste mundo.

A muller que desexa é, ademais, unha muller operada, seguramente segundo o canon de beleza heteropatriarcal. E polo que lemos os filmes nos que participa non pertencen ao xénero do porno pensado para mulleres, non heteropatriarcal, que tamén existe. É iso parte da contradición dela?

Verónica: O verdadeiro problema da pornografía de consumo, ademais das cuestións estéticas, é a dominación que provén dunha mentalidade patriarcal. O mercado da pornografía foxe da consideración que ten o cinema como arte e representa os desexos perversos de dominación dunha grande maioría da sociedade. A pornografía é unha metáfora perfecta do papel que a sociedade lle asigna á muller.

A submisión como máxima, a humillación, a posición subalterna que a incapacita para tomar decisións sobre a súa sexualidade, a negación para expresar dun xeito libre as súas necesidades sexuais e afectivas, para tomar a iniciativa, desexar libremente alén dos impulsos do outro, para todo. Nin os filmes pornográficos feitos por mulleres, como os que pode representar Érika Lust, toman a distancia suficiente do actual percorrido do mercado da pornografía. Non hai plan b para o porno, hai pequenos camiños secundarios que non gozan da visibilidade que deberían.

"Non hai plan b para o porno, hai pequenos camiños secundarios que non gozan da visibilidade que deberían"

Cara ao final pregúntase a voz poética se somos tan distintas a ela. Porque, quen non fodeu sen ganas ou finxiu un orgasmo? Podes afondar nesta idea?

Verónica: Vivimos na era dos orgasmos finxidos, da subxugación ao home, da heterosexualidade imposta, etc., diante ou detrás da cámara, nunca debería ter acontecido, mais lamentablemente non é así. Esa é a nosa condena e a nosa correa de transmisión e de educación sexual para as novas xeracións. É necesario normalizar o sexo dentro dun contexto de cotián, amosando relacionamentos igualitarios, sen preconceptos, inseridos en situacións recoñecibles.

Dalgunha maneira, a muller do poemario descobre a súa propia sexualidade a través da pantalla... É esa a historia que, ao final, nos conta o libro.

Verónica: A muller do poemario xoga cos/as lectores/as, ten máis que descuberta a súa sexualidade!. Destaca e visibiliza todos os nosos preconceptos: a heteronormalidade, o consumo de pornografía comercial por parte do xénero masculino, o desexo e o amor, a fidelidade imposta socialmente e non consumada, coa conseguinte dobre moral, a prostitución, as relacións a través da rede, os canons de beleza patriarcais... A pornografía, do mesmo xeito que un poema pode tamén servir como elemento de denuncia, podería ser moito máis e mesmo cubrir un aspecto docente.

O medo e a dor están moi presentes en 'A outra voz'. E xa o estaban en 'Refuxio'. O silencio asociado ao medo. O pasado abandonado no silencio. O maltrato de verse repudiada, rexeitada, violentada... É a dor das mulleres maltratadas? De que maneira?

Verónica: En todos os meus libros denuncio todas as tipoloxías de maltrato, dende o particular ao social, que existe e perdura entre outros moitos motivos polo silencio cómplice: o terrorismo machista, o maltrato intrafamiliar, o maltrato infantil, o maltrato institucional, a neglixencia, o abandono… a dor de todas tamén é a miña dor.

"En todos os meus libros denuncio todas as tipoloxías de maltrato, dende o particular ao social"

E en Cartapedra? Por que ten, en xeral, tanta presenza a dor nos teus libros? Oponse a dor ao desexo?

Verónica: A dor é un sentimento e o desexo unha emoción, son conceptos ben distintos, non sei se opostos, pero o que si sei é que nos meus libros non conviven no mesmo contexto, no mesmo plano. O desexo incita, promove o achegamento, convida á acción; a dor, en troques, afasta, arreda, é de natureza reactiva. Deste xeito, na miña escrita poden coexistir, pero nunca se tocan.

Creo que fora ‘Lusocuria' o libro polo que foras insultada. Por ser un poemario que ía máis alá do erótico. Nese sentido, se sempre exploraches o desexo desde o punto de vista da muller, parece que neses últimos libros se explora o porno. Por que? É como unha evolución lóxica, dicindo as cousas cada vez de xeito máis claro?

Verónica: As persoas que me criticaron negativamente viron unha clara involución na miña escrita, na miña poesía, non unha evolución. Non sei se me corresponde a min dicir se evoluciono ou non. Sentín a necesidade de ser máis explícita, de denunciar dun xeito máis claro, para que non exista posibilidade á confusión ou á reinterpretación, para non ser cómplice tamén ou procuralo cando menos.

Evidentemente os meus últimos libros foron vistos como un ataque aos presupostos asumidos. A sociedade, os homes e non só, tentarán afastar os meus libros do concepto tradicionalmente asumido de poesía, onde o amor ou o desamor se mostran como unha temática potente, a metáfora como gran recurso, e nunca se aceptarán libros que amosan tan alto, tan claro e directamente. A maiores calquera posicionamento que veña dunha muller vai ser catalogado de “feminismo radical”, concepto ao que a sociedade actual nos ten tan afeitas.

"Calquera posicionamento que veña dunha muller vai ser catalogado de “feminismo radical”, concepto ao que a sociedade actual nos ten tan afeitas"

'Había tantos homes lilas' faime pensar na sorpresa, o medo. 'Deshabitada e sen verdugo' é como un paso adiante. E a dor tamén do desexo, asociada ao fracaso. Por que esa evolución?

Verónica: En 'Había tantos homes lilas' comento o maltrato intrafamiliar onde a protagonista non ten moita opción a fuxir del. Como consecuencia deste, e polo efecto da revitimización, a voz que fala, cae no maltrato de parella a través do abandono emocional en 'Deshabitada e sen verdugo'.

'Desterrada do meu corpo' é como a dor da perda, da ausencia. E sae aquí xa, por certo, e xa saíra antes, a idea do parto. De que é aquí metáfora o parto?

Verónica: O parto é a unha metáfora, e non tanto, da dor máxima física e emocional padecidas por calquera muller.

"O parto é a unha metáfora, e non tanto, da dor máxima física e emocional padecidas por calquera muller"

En 'O ladrón de almas', despois de ser desterrada do corpo, é desterrada da alma. Pide que lle leve a alma. Por que? Que relación ten este poemario co anterior?

Verónica: Na verdade todos os meus poemarios están relacionados entre si, poderían lerse como unha soa historia, como un só libro, uns como consecuencia dos anteriores. É percurso pola dor, un xeito de combatela e de superara, como algo catártico.

En ‘Cara a un solpor de gatos’ volve a dor. O gato morto. O neno abortado. A perda, outra vez. Que relación pode ter con 'A outra voz'? Tamén está o desamor e, se cadra, o medo á dependencia emocional. Por que?

Verónica: Trátase o mesmo tema, a perda dun fillo, pero dende o punto de vista só da muller, a dor da perda en exclusivo, non se trata aínda o contexto como sucede en 'A outra voz'.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.