Sen Ingreso Mínimo por ter hipoteca ou non fotocopiar un DNI: a xustiza volve arroibar a Seguridade Social

Unha solicitude do ingreso mínimo vital CC-BY-NC-SA Praza Pública

O TSXG considera "excesivo" que a Seguridade Social denegase a axuda a unha muller por non presentar o DNI dun neno de 5 anos malia que non hai obriga de telo ata os 14 anos

A xustiza vén condenando a Seguridade Social por denegar o Ingreso Mínimo Vital (IMV) a familias galegas con interpretacións moi restritivas da normativa que regula esa prestación. Unha simple discrepancia entre o padrón municipal e a realidade do fogar pode deixar sen a axuda ou levar a varios anos de preito xudicial por contías de mera subsistencia. Agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer públicas dúas sentenzas que revelan outras dúas facetas da rigorosidade con que a Seguridade Social denega ou retira o IMV.

Unha das sentenzas, do 26 de setembro e feita pública nas últimas semanas, analiza o caso dunha muller vítima de violencia de xénero cun fillo de 5 anos ao seu cargo. Pediu o IMV e a Seguridade Social respondeulle indicando diversa documentación que lle faltaba, entre ela "DNI en vigor por ambas caras". A muller entregou o seu propio DNI, pero a Seguridade Social denegoulle a axuda por non entregar tamén copia do DNI do seu fillo.

A muller tivo que recorrer á xustiza e un xulgado do Social de Ourense deulle a razón sinalando expresamente que "descoñecía que debía achegar a maiores o DNI por ambas caras do seu fillo", de 5 anos, documento que presentou o día do xuízo. A Seguridade Social recorreu esa sentenza e agora o TSXG ratifícaa e salienta que non existe obriga de ter DNI ata os 14 anos de idade.

"O tema debatido redúcese a unha simple cuestión de proba da identidade dunha das persoas integrantes da unidade de convivencia", di o TSXG, que salienta que a Seguridade Social tiña xa o Libro de Familia e mesmo que no certificado de empadroamento figuraba o número do DNI do menor, polo que considera "excesivo" que non se tramitase o IMV por esa falta. A sentenza mesmo lanza unha crítica velada á Seguridade Social por recorrer a primeira sentenza na súa contra ao lembrar que a nai "presentou o DNI o día do xuízo".

Punto de información sobre o Ingreso Mínimo Vital © Concello de Santiago

A Seguridade Social computou como patrimonio excesivo dun home o préstamo que recibiu por hipotecar a súa única vivenda

Tres días despois desa sentenza, o 29 de setembro o TSXG emitía outra na que o prexudicado foi un home que hipotecou a súa única vivenda para obter un préstamo que á súa vez foi considerado pola Seguridade Social como un ingreso elevado que lle impedía ter dereito á axuda.

O home vivía e tiña como única propiedade unha vivenda que herdou. Hipotecouna para obter un préstamo bancario a devolver en 241 meses, uns 20 anos, e, cando pediu o Ingreso Mínimo Vital, quedábanlle por devolver 22.000 euros. A Seguridade Social computou esa contía como patrimonio do home, demasiado elevado para obter o IMV, e denegoullo.

Pero a sentenza do TSXG di que a vivenda habitual hipotecada "a efectos da prestación solicitada exclúese do cómputo patrimonial, como tamén ha de ser excluído do patrimonio a suma de 22.000 euros que ten a súa orixe nun préstamo hipotecario". "Tal importe non pode ser computado como se se tratase dun ingreso pois non constitúe ganancia, senón que se trata dunha débeda que ha de ser valorada aos efectos de obter o patrimonio neto e na que no caso que nos ocupa, consta probada a existencia dunha hipoteca e polo tanto deducida dita carga hipotecaria, o patrimonio neto non supera o límite patrimonial fixado na norma para o beneficiario a título individual da prestación solicitada", di o tribunal, que recoñece o dereito do home a recibir a axuda.

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.