Cinco anos de Ingreso Mínimo Vital: o TSXG emenda obstáculos a familias monoparentais

Unha solicitude de Ingreso Mínimo Vital CC-BY-NC-SA Praza Pública

A prestación chega a 87.000 persoas en Galicia, pero cando os fillos non viven cos dous pais ao tempo a Seguridade Social vén esixindo requisitos que a xustiza considera inxustificados

Hai cinco anos, a finais de maio de 2020, o Goberno de España creaba o Ingreso Mínimo Vital (IMV), que hoxe beneficia en Galicia a 87.000 persoas. Unha prestación que buscaba chegar onde non o facían anteriores rendas mínimas, como a Risga galega, e compatible con rendas xeradas por traballos esporádicos. Porén, desde o comezo rexistráronse eivas de funcionamento na súa tramitación que obrigaron a matizar a súa normativa e que seguen provocando sentenzas condenatorias da Seguridade Social por denegar prestacións de xeito inxustificado. 

Os xulgados galegos veñen corrixindo todo tipo de denegacións do ingreso mínimo vital, moitas delas por discrepancias entre a realidade do fogar e o rexistrado nos padróns, en moitas ocasións por erros ou datos obsoletos. Unha variante dese tipo de problemas son as denegacións da axuda a familias nas que os fillos conviven só co pai ou coa nai. Como a axuda se cobra en función dos integrantes de cada fogar, o que a Seguridade Social denomina unidade de convivencia, o Estado esfórzase en acreditar a estabilidade deses fogares durante cando menos medio ano para que non haxa duplicidades de persoas beneficiarias por un mesmo dereito, como por exemplo que un mesmo menor de idade, que dá dereito a un maior IMV, non compute en dúas unidades de convivencia distintas. Pero o rigor da Seguridade Social para comprobar esas cuestións vén sendo desmontado pola xustiza.

O Tribunal Superior vén de desbotar que unha nai teña que probar xudicialmente a garda e custodia dos fillos cos que vive porque non é un requisito da axuda

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza na que establece o dereito dunha muller que vive cos seus dous fillos a cobrar o IMV. A Seguridade Social denegárallo porque non acreditara a garda e custodia xudicial dos fillos. Fíxoo malia non cuestionar "en ningún momento" a realidade da unidade de convivencia da muller cos seus fillos.

Ante esa situación, o TSXG salienta que a normativa do IMV non esixe que a muller teña que acreditar esa garda e custodia. Mesmo lembra que o Código Civil establece que a patria potestade dos pais sobre os fillos, no caso de que os primeiros vivan separados, exércese "por aquel con quen o fillo conviva". Só en caso de desacordo dos proxenitores ou ante algunha causa que dificulte o exercicio da patria potestade é cando se pode atribuír esta xudicialmente a un deles.

Punto de información sobre o Ingreso Mínimo Vital © Concello de Santiago

Por outra banda, neste caso cando a muller recibiu a negativa da Seguridade Social por non acreditar a garda e custodia dos fillos cos que vive, presentou unha demanda xudicial para obter esa certificación. Aínda así, a Seguridade Social mantivo no proceso xudicial a súa negativa a recoñecer o IMV. Un movemento da muller para obter un certificado que non precisaría que é recoñecido polo TSXG ao salientar que acreditara no xuízo "que, se fose necesario presentar a correspondente demanda, fíxoo, tras a inicial resolución desestimatoria". 

A xustiza establece así que o requisito esixido pola Seguridade Social non era correcto, pero faino dous anos e medio despois de que a muller vise denegada a súa petición de IMV.

O Estado tamén vén denegando prestacións por ter custodia compartida ou por erros no padrón malia que as unidades de convivencia cumpren os requisitos para recibir a axuda

En xaneiro outra sentenza do mesmo TSXG puxo o foco nos problemas dos proxenitores divorciados con custodias compartidas, xa que a Seguridade Social estaba a denegar prestacións por considerar que a persoa solicitante non tiña con ela o suficiente tempo o menor de idade que lle daría dereito ao IMV. Foi o caso dun menor coa custodia compartida entre a nai e o pai fixada por sentenza xudicial en semanas alternas e co neno empadroado nun ou noutro domicilio en anos alternos. A Seguridade Social denegou ao pai o IMV porque nese momento o neno non estaba empadroado no seu domicilio. 

O TSXG tivo que lembrar á Seguridade Social que a custodia compartida en semanas alternas estaba así fixada por sentenza xudicial máis alá de que o menor figurase empadroado cada ano en só un dos dous domicilios implicados sen que se acreditase ningunha fraude no caso en cuestión.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Uns meses antes o TSXG xa corrixira outra denegación similar do IMV por parte da Seguridade Social. Naquel caso o home solicitante tamén tiña a custodia compartida de dous fillos a partes iguais coa súa ex-muller "alternando a convivencia con cada un dos proxenitores cada semana nos seus respectivos domicilios". Porén, como os fillos estaban empadroados no domicilio da nai, a Seguridade Social tampouco os tivo en conta como parte da unidade de convivencia do pai.

O home tivo que recorrer igualmente a un xulgado do Social, que lle deu a razón, pero o Estado teimou en recorrer e o TSXG acabou ratificando o dereito ao IMV interpretando novamente que o feito de que os fillos vivan co home un total de semanas ao ano equivalentes a medio ano dáballe o dereito a recibir a axuda.

En todos estes casos as sentenzas recoñecendo dereito ao IMV acaban chegando varios anos despois de que a Seguridade Social o denegase.

Parte das axudas que o Estado presenta como Ingreso Mínimo Vital son realmente outra axuda á infancia, mentres a Xunta mantén paralizada a súa reforma da lei de inclusión de Galicia para evitar problemas de compatibilidade coa Risga

Por outra banda, ao analizar as cifras e o efecto do Ingreso Mínimo Vital sobre as familias, hai que ter en conta, como vén de revelar Civio, que boa parte das persoas que a Seguridade Social cifra como beneficiarias da prestación non reciben esta en sentido estrito senón unha axuda menor á infancia, herdeira da antiga prestación por fillo ao cargo. Segundo Civio, dos 700.000 fogares que segundo a Seguridade Social están a recibir o IMV en todo o Estado, 250.000 só reciben o Complemento de Axuda para a Infancia (CAPI), polo que só 450.000 reciben o IMV en sentido estrito. 

Os cinco anos do IMV, coas súas eivas, poñen de relevo tamén os cinco anos de inacción da Xunta para facer compatible esa prestación coa previa Risga galega, o que require dunha reforma da lei galega de inclusión. O Goberno galego foi adiando esa reforma con distintos argumentos, o último que agora quere a transferencia a Galicia da xestión do Ingreso Mínimo Vital. Un traspaso que tampouco avanza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.