Escritos perdidos entre departamentos e rigor formalista: novas condenas á Xunta por denegar axudas de emprego

Sentenzas do TSXG que condenan a Xunta por denegar incorrectamente axudas ao emprendemento CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O TSXG segue corrixindo o Goberno galego por todo tipo de erros que deixan sen subvencións a autónomos ou pequenas empresas que tiñan dereito a elas

Un certificado dun colexio oficial que a Xunta non acepta porque non pon a palabra "certificado" ou unha autorización dun particular a un avogado para intervir no seu nome que se perde entre departamentos están por tras de varias das últimas condenas á Consellería de Emprego por denegar indebidamente axudas ao emprendemento. Ven de facelas públicas o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que leva anos poñendo "en cuestión" o fomento do emprego e o emprendemento do Goberno galego pola súa excesiva rigorosidade formalista.

O presidente Rueda e a anterior conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, nun acto sobre apoio ao emprendemento CC-BY-SA Xunta de Galicia

Nun dos casos un afectado que estaba desempregado e solicitou unha axuda para establecerse como autónomo presentou como xustificante un certificado do Colexio Oficial de Avogados conforme se dera de alta na mutualidade dese colectivo profesional. Porén, no documento o responsable do colexio oficial puxo a palabra "manifesto" en lugar de "certifico" para indicar a continuación a situación de alta na que se atopaba o solicitante. 

A Xunta considerou inválido o documento pero o TSXG anula esa decisión. Por unha banda, porque non estaba na man do solicitante obrigar ao colexio profesional a empregar unha palabra ou outra. E, por outra banda, porque con independencia de que o documento fose un "certificado" ou un "manifesto" para o tribunal "o relevante é estar ao seu contido", cuxa veracidade "ninguén discutiu". Por iso, o TSXG condena á Xunta a recoñecer a axuda de 2.000 euros para a promoción do emprego autónomo que solicitara o afectado.

Esta non é a única sentenza recente que condena a Xunta por exactamente o mesmo motivo de non aceptar un documento co encabezamento "manifesta" en lugar de "certifica" para así denegar unha axuda ao emprendemento.

Aínda que a orixe dos sucedido puidesen ser erros de funcionarios, esas decisións foron ratificadas e avaladas posteriormente por cargos políticos

Noutro caso un cidadán solicitou unha axuda ao emprendemento para a apertura dun establecemento de restauración adxuntando unha autorización que outorgara a un avogado para que intervir no seu nome no procedemento administrativo. A Xunta requiriulle documentación engadida pero non tivo en conta a autorización ao avogado, desbotou esa nova documentación e considerou que o solicitante desistira da súa petición.

A sentenza do TSXG comeza constatando que a documentación entrara no rexistro oficial pero a Xunta "cursouna a outra unidade, decisión que sería de responsabilidade exclusiva dos empregados públicos". O tribunal tamén di que se a Xunta non considerou válida a autorización que o home fixera ao seu avogado "sería tamén da súa responsabilidade volverlle a requirir ao interesado que a acreditara". Pero por riba de todo a sentenza considera que a autorización ao avogado era correcta.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Nos casos agora coñecidos, como en moitos anteriores, aínda que a orixe do sucedido puidesen ser erros de funcionarios, esas decisións foron ratificadas e avaladas posteriormente por cargos políticos tras recursos administrativos dos afectados, que se viron obrigados a acudir á xustiza, onde a Xunta teimou en defender os seus erros.

“Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións que os tribunais veñen dirixindo ao Goberno galego no eido do emprego autónomo "que tanto pregoa"

As sentenzas agora coñecidas son dúas máis das diversas que veñen condenando o Goberno galego por denegar ou restrinxir subvencións ligadas co emprego a persoas ou empresas que tiñan dereito a elas. “Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións coas que veñen cualificando as actuacións do Goberno galego uns tribunais que mesmo chegaron a poñer “en cuestión” o fomento do emprego autónomo “que tanto pregoa” a Xunta.

Feijóo nunha imaxe de arquivo anunciando axudas ao emprego autónomo e unha das varias sentenzas do TSXG censurando o proceder da Xunta na materia CC-BY-SA Praza Pública

Un rigor formalista co que o Goberno galego deixou por exemplo sen axuda a un autónomo porque fixo un ingreso nun banco e non unha transferencia, denegou unha axuda a outro autónomo co argumento de que tiña débedas con Facenda e ao tempo deulle outra subvención porque non as tiña, impediu que unha autónoma puidese elixir a máis favorable de entre dúas subvencións ás que tiña dereito ou chegou noutros casos a "imposibles" temporais como dar axudas cando xa non se podían gastar ou pedir que se xustificase a primeira nómina á vez que o contrato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.