Nova condena da Xunta por negar unha axuda ao emprego: pedir a primeira nómina á vez que o contrato é imposible, di o TSXG

Rueda e a conselleira de Emprego e Igualdade nun acto sobre emprego xuvenil CC-BY-SA Xunta de Galicia

Unha empresa solicitou unha subvención o día en que contratou unha traballadora e un mes despois enviou á Xunta a súa primeira nómina. A Consellería de Emprego considerou que era demasiado tarde pero a xustiza dille que antes “non sería posible”.

A Xunta vén recibindo todo tipo de condenas xudiciais por denegar diversas axudas ao emprego de xeito ilegal. Desta volta o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condénaa por denegar unha axuda para a contratación de mulleres menores de 30 anos porque a empresa solicitouna o mesmo día en que asinou o contrato pero envioulle a primeira nómina a modo de xustificante un mes despois. Para a Consellería de Emprego iso foi demasiado tarde, pero o tribunal evidencia que “non sería posible acompañar a nómina coa solicitude inicial de axuda”.

Segundo relata a sentenza, as axudas en cuestión foron convocadas no Diario Oficial de Galicia o 26 de xullo de 2021 e amparaban contratos que xa estivesen formalizados desde o 1 de outubro do ano anterior ou que se formalizasen ata o 30 de setembro dese mesmo ano, dous meses máis tarde. As axudas outorgáronse por concorrencia non competititiva, isto é, por orde solicitude ata que se esgotasen os cartos. E fixaban entre os seus requisitos que as empresas solicitantes debían presentar entre outra documentación “a nómina do mes de contratación”. 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

Neste contexto a empresa en cuestión solicitou unha axuda o 2 de agosto de 2021, o mesmo día en que asinou un contrato dun ano cunha muller de menos de 30 anos, circunstancias que lle darían dereito a unha subvención de 7.500 euros. Pero non recibiu resposta e meses despois a Xunta fixo público que os cartos para as axudas rematáranse o 10 de agosto, oito días despois da súa solicitude. 

A sentenza di que nas bases da convocatoria “en ningún caso se ponderaba ou matizaba en que data se presentaría a nómina que aínda non se chegase a emitir na data da solicitude”

A empresa recorreu pola vía administrativa reclamando a súa axuda porque a solicitara antes do esgotamento dos cartos, pero a Consellería de Emprego e Igualdade denegoulla argumentando que non fora así porque ao entregarlle a primeira nómina da empregada un mes máis tarde, o 6 de setembro, esa era a data que debía ter en conta como de presentación de toda a documentación necesaria e polo tanto de solicitude formal. A Xunta nin lle requirira a nómina senón que esta foi achegada pola empresa por iniciativa propia, o que o TSXG considera “lóxico” xa que as bases da permitían subvencionar contratos realizados ata o 30 de setembro, dous meses despois da convocatoria. “Polo que non sería posible acompañar a nómina coa solicitude inicial de axuda para os contratos que se formalizaran a partir do mes de agosto”, di o tribunal.

Sentenza do TSXG que condena a Xunta por denegar unha axuda ao emprego a unha empresa que entregou a primeira nómina un mes despois de asinar o contrato CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza tamén di que nas bases da convocatoria “en ningún caso se ponderaba ou matizaba en que data se presentaría a nómina que aínda non se chegase a emitir na data da solicitude”. Así que o tribunal condena á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e pagar á empresa os 7.500 euros da axuda a que tiña dereito e asumir as costas do proceso ata un máximo de 1.500 euros.

“Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións que os tribunais veñen dirixindo ao Goberno galego no eido das axudas ao emprego "que tanto pregoa"

A sentenza agora coñecida é unha máis das diversas que veñen condenando ao Goberno galego por denegar ou restrinxir subvencións en materia de emprego a persoas ou empresas que tiñan dereito a elas. “Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresiónscoas que veñen cualificando as actuacións do Goberno galegouns tribunais que mesmo chegaron a poñer “en cuestión” o fomento do emprego autónomo “que tanto pregoa”o Goberno galego.

Feijóo nunha imaxe de arquivo anunciando axudas ao emprego e unha das varias sentenzas do TSXG censurando o proceder da Xunta na materia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.