Concorrencia non competitiva: cando a axuda pública a leva quen máis corre

Distintivo do Bono Cultura da Xunta nunha libraría durante a primeira edición da iniciativa, lanzada co seu actual formato durante a pandemia CC-BY-SA Xunta

A Xunta fixou para o pasado 2 de novembro a apertura do prazo para solicitar o seu Bono Cultura, un programa vales de 50 euros para gastar en produtos e servizos culturais. Dado que a orde polo que foron convocadas non establecía unha hora determinada para o inicio da recepción de solicitudes, esta ficou fixada por defecto nas 00:00 desa xornada, na medianoite do martes ao mércores desta semana.

O Bono Cultura ficou esgotado apenas unha hora despois de abrir o prazo a medianoite 

Apenas unha hora despois, a sede electrónica do Goberno galego informaba de que xa non quedaba ningún dos 20.000 bonos ofrecidos. A iniciativa, dotada cun orzamento dun millón de euros -case a metade que na súa primeira edición con este formato, en 2021, cando contaba con 1,95 millóns- quedou esgotada en menos de sesenta minutos. As persoas que lograron os bonos foron as que máis rápidas estiveron cos seus ordenadores ou terminais móbiles nese inicio da madrugada.

O 'Bono Activa Comercio' da Xunta tamén se rexe por concorrencia no competitiva e na súa edición deste 2022 esgotouse en tres días CC-BY-SA Xunta

A razón para que a velocidade na tramitación fose o único criterio para adxudicar estas axudas é que foron convocadas mediante o sistema de concorrencia non competitiva. Trátase dunha modalidade cuberta pola lei de subvencións segundo a cal o reparto "atende á orde de solicitudes ata o esgotamento do credito", segundo reza a propia convocatoria, unha "excepcionalidade" que se aplica polo "interese especial en promover actuacións que fomenten o consumo", o cal leva o Goberno galego a non ver precisa a "comparación" entre as condicións -de renda ou doutro tipo- das persoas solicitantes.

A do Bono Cultura non é a única orde de axudas na que a Xunta só aplica a velocidade como criterio. Nos últimos anos abondan as convocatorias deste tipo dirixidas tanto á cidadanía a nivel individual como a empresas e concellos

A do Bono Cultura non é, nin de lonxe, a única orde de axudas que a Xunta -igual que outras administracións- reparte por este sistema, no que a velocidade no trámite é o único criterio de reparto. A base de datos de subvencións do Ministerio de Facenda, que se remonta a 2016, reflicte arredor dunha trintena de convocatorias da Xunta por este sistema en todo tipo de materias: dende axudas a clubs deportivos ata achegas a medios de comunicación, pasando por achegas a empresas para a prevención de enfermidades profesionais, impulso ao comercio ou paliar os custos do alugueiro durante a pandemia. Tamén outro tipo de bonos para incentivar o consumo, como o Bono Activa Comercio ou o bono turístico lanzado durante a pandemia.

Non só a cidadanía a nivel individual e as empresas son destinatarias de subvencións da Xunta por esta vía. Tamén os concellos. É o que sucede, por exemplo, con liñas de axudas derivadas do Fondo de Compensación Ambiental (imposto aos eólicos), subvencións para instalacións deportivas ou diversas obras. 

A Consellería de Medio Ambiente -na imaxe, un acto de divulgación de axudas a concellos deste departamento- adoita convocar subvencións a entidades locais pola vía da concorrencia non competitiva CC-BY-SA Xunta de Galicia

Como vén informando Praza.gal, isto provocou que, en diversos concellos, membros dos gobernos locais ou funcionariado municipal tivese que acudir ás casas consistoriais de madrugada para, por exemplo ter algunha oportunidade de acceder a fondos da Consellería de Medio Ambiente que se esgotan en poucos minutos. Ata o momento, a maior corrección que este departamento introduciu no controvertido sistema de reparto foi abrir o prazo a mediodía dun día laborable e non a medianoite. Foi nunha orde de axudas para corrixir impactos paisaxísticos dotada con 800.000 euros que ficaron esgotados en 52 minutos e 36 segundos, con independencia da calidade dos proxectos que optaban a eles.

Un sistema máis áxil, pero "cego" a criterios como a renda

Este sistema de reparto de subvencións ten vantaxes para a Administración. A principal, que "permite evitar unha tramitación complexa para comparar e ordenar centos ou milleiros de solicitudes", explica Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña. "Esta rapidez -abonda- permite executar orzamento dun xeito máis áxil" e facelo ademais cunha "aparente obxectividade", xa que a "simple preferencia temporal ata esgotar o crédito" elimina "aparentemente, toda sombra de discrecionalidade".

Publicación no DOG dando a coñecer que unha orde de axudas a concellos en concorrencia non competitiva ficou esgotada aos 52 minutos de abrir o prazo CC-BY-SA Praza Pública

O reparto é áxil, pero tamén "cego", detalla Amoedo, no sentido de que "abandona todo intento de valoración da maior ou menor adecuación da actividade que se pretende subvencionar aos intereses públicos". Ademais, nun contexto no que os procedementos se tramitan por vía electrónica, entra tamén en xogo mesmo a velocidade da conexión a internet da que dispoña cadaquén. É por motivos coma estes polos que a lei galega de subvencións (2007) e a tamén a estatal (2003) sinalan esta vía como excepcional, lembra o tamén presidente da Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal.

Este modelo de subvencións, que minimiza a burocracia, prioriza "gastar o crédito, con independencia da capacidade económica das destinatarias" nunha administración "infradotada". As alternativas pasan por que sexan "excepcionais"  e introducir nas bases criterios "obxectivos" que "poidan ser documentados con sinxeleza tras o esgotamento do crédito"

Pero o certo, sinala, é que a Xunta vén rexistrando un "incremento constante deste tipo de procedemento", especialmente "tras a pandemia", con motivacións como as sinaladas para o Bono Cultural que, do punto de vista do profesor, veñen "recoñecer que o único que preocupa é gastar o crédito, con independencia da maior ou menor capacidade económica das destinatarias".

Na opinión de Carlos Amoedo, a "proliferación" das subvencións que teñen a velocidade como único criterio débese tamén á "enorme complexidade" da lexislación na materia, que dá en converter cada orde "nun tormento burocrático" tanto para quen a convoca como para quen a recibe", circunstancia á que se engade a "infradotación de persoal" nunha administración "mal estruturada e peor adaptada" aos "retos" dos procesos electrónicos. As alternativas a este modelo, conclúe, deberan pasar por unha "fiscalización máis escrupulosa da excepcionalidade deste tipo de convocatorias" e pola aplicación de criterios "obxectivos" como a renda das persoas solicitantes que "poidan ser acreditados documentalmente con sinxeleza, con posterioridade ao esgotamento do crédito e antes da concesión definitiva da subvención".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.