Como xa sucedera en 2018, cando esgotara 4,3 millóns en 12 minutos, e de xeito similar co bono turístico hai dúas semanas, a entrega de subvencións por orde de presentación a partir da medianoite privilexia aos máis rápidos
O sábado 4 maio de 2018, entre a medianoite e as 0:12 horas, en só 12 minutos e 18 segundos, a Xunta outorgou 4,3 millóns de euros en axudas a concellos para obras de mellora de infraestruturas e equipamentos. O criterio de empregar a orde de entrada das solicitudes a partir das cero horas do día de apertura do prazo para ir outorgando as subvencións ata que se remate o importe reservado para elas vén de ser empregado novamente pola Xunta para ese mesmo tipo de axudas para infraestruturas municipais outorgadas pola Consellería de Medio Ambiente. Na convocatoria deste ano, segundo agora se indica no Diario Oficial de Galicia, os 2,3 millóns de euros que se repartían quedaron esgotados 9 minutos e 43 segundos despois da medianoite do martes 9 de marzo tras anunciarse a convocatoria o luns 8.
O procedemento elixido pola Xunta para outorgar axudas por concorrencia non competitiva en función da orde de presentación das solicitudes ata que se esgoten os cartos é similar ao que hai dúas semanas levou a que milleiros de persoas colapsasen a sede electrónica da Xunta para pedir o bono turístico co que o Goberno galego vai subvencionar vacacións en Galicia. Tanto no caso das axudas municipais como do bono turístico as respectivas convocatorias estableceron que o prazo de solicitude comezaría ao día seguinte. Isto é, ás cero horas da noite, o que privilexiou ás persoas ou concellos con persoal máis hábil no uso de equipos informáticos e da sede electrónica da Xunta, única vía de solicitude. E á cidadanía ou persoal municipal con menos problemas de conciliación a esas horas da noite. [A Xunta dificulta a conciliación cun trámite das súas axudas á conciliación e logo di que foi un erro].
En 2018 as axudas foron parar a 15 concellos do PP e 4 doutros partidos, entre acusacións da oposición de que a Xunta avisara aos populares para que estivesen preparados
Cando nas axudas de 2018 se soubo que se esgotaran en 12 minutos despois de ser convocadas un venres coa apertura do prazo na medianoite do sábado, a oposición coincidiu en sospeitar que a Xunta avisara previamente a concellos do PP para que estivesen preparados. Co tempo sóubose que os concellos finalmente beneficiados foron 15 do PP e 4 doutros partidos. Praza.gal formulou daquela unha petición de transparencia e conseguiu averiguar que outros 215 concellos quedaron fora das axudas por pedilas máis tarde das cero horas e doce minutos daquel sábado en que se abriu o prazo. Só durante aquela madrugada outros 67 concellos presentaron as súas solicitudes e non o conseguiron por ser máis lentos que os 19 que o fixeron nos primeiros 12 minutos.
Tras aquela fugaz convocatoria de subvencións de 2018 por 4,3 millóns para infraestruturas municipais na que non se establecía ningún límite de poboación dos concellos beneficiarios, en 2019, ano con eleccións municipais, a Xunta mudou as axudas e restrinxiunas a 2,4 millóns para concellos de menos de 50.000 habitantes, nun momento no que as cidades de máis poboación non están en mans do PP. Porén, tres semanas antes das eleccións municipais daquel ano a Xunta decidiu ampliar o importe noutros 273.000 euros.
En 2020 non houbo convocatoria e neste 2021 a Xunta restrinxiuna aínda máis, a concellos de menos de 20.000 habitantes, e cun total de 2,3 millóns de euros. O 8 de marzo anunciouna no DOG e aos 9 minutos e 43 segundos do día 9 xa estaban esgotados os cartos. Este mércores, ao tempo que publicou no DOG o esgotamento do orzamento neses nove minutos, a Consellería de Medio Ambiente tamén avanzou que foron 39 os concellos beneficiados.