Tras saturarse este martes a web de Turismo de Galicia ao anunciarse a subvención, este mércores vén de pasar o mesmo co principal medio de comunicación coa administración en plena pandemia
A publicación por parte da Xunta este martes no Diario Oficial de Galicia da convocatoria coa que quere subvencionar vacacións de parte da cidadanía galega sen apenas requisitos máis que cubrir un formulario na súa sede electrónica está a xerar importantes problemas informáticos á administración galega.
A convocatoria foi publicada no DOG este martes indicando que o prazo de solicitudes abriríase este mércores, o que provocou primeiro que este martes colapsase a web de Turismo de Galicia na que se ofrece máis información sobre o procedemento e este mércores a sede electrónica de toda a Xunta, na que poder presentar esa ou calquera outra solicitude ou escrito ante a administración galega.
O prazo abriuse a pasada medianoite e en só 10 horas presentáronse 10.200 solicitudes, un volume que obrigou a establecer primeiro un sistema de sala de espera dixitial e despois a "duplicar" a capacidade habitual da sede electrónica
Fontes da Xunta admiten que o colapso da sede electrónica é xeral e admiten que está relacionado coas elevadas visitas recibidas polo bono turístico. Segundo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), xa a partir da medianoite, momento no que se abriu o prazo de solicitude, “detectouse un fluxo moito máis elevado do normal” e nese momento “activouse o sistema de sala de espera” no que o visitante á páxina ten que agardar para poder acceder ao servizo, como se fose unha sala de espera física. Posteriormente, di Amtega, “duplicouse a capacidade da sede electrónica”.
“Nin o sistema estivo caído nin deixou de funcionar”, matiza Amtega, que si recoñece as demoras e ofrece algunhas cifras para contextualizar o volume de visitas: ás 10.15 horas desta mañá había 10.500 “presentacións” na sede electrónica das que 10.200 eran do bono turístico. “Tramitáronse unhas 1.500 á hora” e cun ritmo de “75 visitas por minuto” á paxina web.
Esta incidencia non foi incluída aínda no apartado destinado a informar de interrupcións do servizo, no que a Xunta rexistra “os días e horas nos que algún servizo de administración electrónica estivo interrompido e descargar os certificados correspondentes” para poder xustificar a imposibilidade de realizar algún trámite que tivese data de caducidade.
Horas despois, o vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, amosou a súa "satisfacción" polo "éxito da iniciativa". Sinala Rueda que "os galegos apuraron as súas solicitudes nada máis abrir o prazo, á medianoite, e 12 horas despois xa estaban expendidas" todas as tarxetas dispoñibles.