A Xunta subvencionará vacacións sen mirar os ingresos das persoas beneficiarias, ás que presenta como “solidarias” co sector turístico

A Xunta amplía a toda a cidadanía o bono turístico co que o pasado ano quixo "premiar" ao persoal sanitario CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego só require solicitude por vía electrónica e empadroamento en Galicia para entregar por orde de petición tarxetas precargadas de ata 500 euros dos que o 60% son fondos públicos e o resto pono o solicitante

A Xunta vén de publicar este martes no Diario Oficial de Galicia as bases das subvencións que quere entregar a calquera persoa empadroada en Galicia, sen ter en conta o seu nivel de ingresos, para que gaste ata o 15 de decembro en varios centos de establecementos turísticos do país (hoteis, restaurantes ou axencias de viaxes) adheridos á medida a través de tarxetas precargadas. A administración porá o 60% do importe e o 40% será achegado pola persoa beneficiaria, un cofinanciamento da medida que o Goberno galego presenta como unha busca dun “efecto multiplicador resultado do esforzo da administración e da solidariedade das persoas solicitantes co sector turístico galego”.

A liña de subvencións que agora abre a Xunta a toda a cidadanía é unha evolución do bono turístico co que en 2020 quixo “premiar o labor dos profesionais sanitarios” na loita contra a COVID-19. Se o bono do pasado ano era de 250 euros sufragados pola Xunta a cambio de que os establecementos turísticos fixesen rebaixas nos seus produtos e servizos, este ano hai tres bonos #QuedamosenGalicia21 de 250, 375 e 500 euros nos que a Xunta pon o 60% e o restante 40% corre por conta da persoa solicitante que resulte beneficiaria, sen que as empresas turísticas teñan que cofinancialo.

Parte do formulario a cubrir só por vía electrónica polas persoas solicitantes da subvención CC-BY-SA Xunta de Galicia

O prazo de solicitudes ábrese este mércores 14 de abril e as peticións analizaranse en orde de chegada, ata o esgotamento dos dous millóns de euros que a Xunta ten reservados, que poderían tamén ser ampliados se así o decide o Goberno galego. As solicitudes, un formulario ao que non hai que anexar ningún xustificante ou documento a maiores, só poderán presentarse a través da sede electrónica da Xunta, por considerar o Goberno galego que as persoas destinatarias da subvención “por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos” teñen “acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios”. 

O solicitante terá tres días desde que a Xunta lle comunique a subvención para ingresar o seu 40% de copagamento e en dez días Abanca remitiralle a tarxeta precargada co total do importe para gastar ata o 15 de decembro en determinados establecementos adheridos

O único requisito que se lles esixe aos solicitantes é que sexan maiores de 18 anos e teñan empadroamento en calquera dos municipios de Galicia, cuestións que se autoriza que sexan comprobadas pola propia administración, sen ter que demostralas o solicitante. O propio formulario de solicitude considérase unha declaración responsable de que a persoa solicitante non ten prohibido recibir subvencións e está ao día ante a facenda galega.

Unha vez feita a petición, o procedemento de concesión é de outorgamento de subvencións en concorrencia non competitiva, isto é, “atendendo á orde de presentación de solicitudes ata o esgotamento do crédito previsto”. A Xunta comunicará ao solicitante tamén por vía electrónica a concesión da subvención e a partir dese momento terá “3 días naturais” para realizar nunha conta bancaria que se notifique o ingreso da súa parte, 100, 150 ou 200 euros. “De non realizar ese ingreso no prazo descrito, entenderase por desistida a súa solicitude”, sinala o DOG.

Persoal mobilizado contra a precariedade no Sergas -na imaxe, persoal médico eventual protestando ante San Caetano- rexeitou a iniciativa do bono turístico do pasado ano, dirixido a "premiar" o persoal sanitario CC-BY-SA Foto: Facultativos Eventuais en Loita | Montaxe: Praza Pública

Unha vez que a persoa beneficiaria realiza ese ingreso, a Xunta comunicarallo a Abanca, que lle remitirá “nun prazo máximo de 10 días” ao seu domicilio unha tarxeta precargada co importe total, 250, 375 ou 500 euros. O beneficiario poderá xa empregar esa tarxeta para pagar nos establecementos turísticos que previamente se inscribisen no programa da Xunta, actualmente 689 en toda Galicia, segundo a súa web. Terá ata o 15 de decembro para gastar o importe precargado, perdendo a contía que nesa data quedase sen gastar.

Xunto con esta medida, a Xunta tamén anunciou o próximo lanzamento doutra subvención a través doutra tarxeta precargada para compras no comercio galego na que tampouco terá en conta os ingresos das persoas solicitantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.