O convenio co que a Xunta entregou parte da xestión das axudas á patronal turística sitúa o fomento da actividade nese sector como segunda idea
“Non foi criterio de Sanidade senón doutra consellería o de favorecer o sector turístico”. Así se desmarcou o 23 de xuño o daquela conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, do bono turístico de 250 euros para persoal sanitario anunciado uns días antes, a un mes das eleccións galegas, polo propio Feijóo e que de inmediato recibiu críticas de todo tipo de colectivos sanitarios, que o cualificaron como unha “propina”. Porén, o convenio que a Consellería de Cultura e Turismo asinou posteriormente coa patronal turística para que esta coxestione a iniciativa sinala como primeiro obxectivo do mesmo “premiar o labor dos profesionais sanitarios” seguido de “fomentar a actividade no sector turístico”.
Tras as críticas recibidas, cando a Xunta abriu o 27 de xullo o prazo de solicitude para que o persoal sanitario solicitase o bono puxo o foco no Diario Oficial de Galicia en que a iniciativa pretendía “estimular a demanda turística interna en Galicia”, e o feito de estar dirixida a eses empregados públicos se presentaba só como un requisito. Pero o convenio que uns días antes, o 15 de xullo, asinaron o daquela conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente do autodenominado Clúster do Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, para coxestionar o bono pon o foco no premio ao persoal sanitario.
O convenio presenta o bono turístico para o persoal sanitario como "unha medida de respiro social gozando de actividades turísticas en Galicia”
Tanto o convenio como a súa memoria xustificativa, asinada pola xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Elena Barca, un día despois da sinatura do propio acordo, sinalan como obxectivo do mesmo “premiar o labor dos profesionais sanitarios en primeira instancia e de servizos que permitiron o mantemento da actividade fundamental para o funcionamento da nosa sociedade. Para iso articularase unha medida de respiro social gozando de actividades turísticas en Galicia”. É só a continuación cando se sinala como outro obxectivo “fomentar a actividade no sector turístico”.
Ademais dos 80.000 euros para o bono turístico, nos últimos meses a Xunta tamén asinou outros dous convenios co clúster turístico, un de 65.000 euros ao ano para subvencionar o seu funcionamento e outro de 150.000 para asesorar empresas
O convenio coa patronal turística, en vigor ata finais de ano, consigna 80.000 euros para que esta coxestione a iniciativa creando unha oficina técnica para a captación de establecementos turísticos que participen nela e asesorándoos no seu funcionamento. Desa contía, 10.000 euros van destinados para a propia “coordinación e xestión do convenio” por parte do clúster, en cuxas mans a Xunta vén privatizando desde hai anos a política turística galega. Nos últimos meses a Xunta tamén asinou outros dous convenios co clúster, un de 65.000 euros ao ano ata 2022 para subvencionar o seu funcionamento ordinario e outro de 150.000 para asesorar ás empresas turísticas fronte ao coronavirus.
O bono turístico, cuxo prazo de solicitude se abriu hai agora tres meses, o 27 de xullo, pode solicitarse ata o 30 de novembro e ten fondos consignados para outorgar un total de 20.000 subvencións de 250 euros cada unha. Segundo os datos que vai actualizando a propia Axencia de Turismo de Galicia, o elevado ritmo de solicitudes das dúas primeiras semanas, con preto de 9.000 peticións, foi decaendo progresivamente nas semanas seguintes e agora, a falta dun mes para o peche, aínda quedan máis de 2.000 axudas por repartir.