Os colexios de enfermaría tamén rexeitan o "frívolo e partidista" cheque de Feijóo para gastaren na hostalería

Mobilización de enfermeiras dun hospital galego, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA CIG

O bono de ata 250 euros anunciado a pasada semana por Alberto Núñez Feijóo para que persoal sanitario e de servizos sociais que traballou fronte ao coronavirus faga gasto en locais turísticos e hostaleiros segue colleitando críticas entre o sector. O anuncio, lanzado a unha semana do inicio da campaña das eleccións galegas do 12 de xullo, propiciou críticas da actual oposición e de profesionais a título individual, pero tamén tamén o rexeitamento formal de boa parte das organizacións máis representativas do sector, dende os colexios médicos ata os de enfermaría.

"Rexeitamos esta iniciativa populista e electoralista", din os catro colexios de Enfermaría, que subliñan que a crise da covid-19 "fixo patentes" as "deficiencias" que as profesionais do Sergas viñan sinalando

Pouco despois de que o Consello Galego de Colexios Médicos -que agrupa as catro entidades colexiais galegas- reclamase "dignidade, non frivolidade" para expresar o seu "máis rotundo rexeitamento" a este tipo de compensacións para o persoal sanitario que afrontou a crise da covid-19, os colexios galegos de Enfermaría veñen de pronunciarse nun sentido moi semellante. Os catro colexios oficiais tamén rexeitan o bono de Feijóo por "frívolo" e "partidista".

"Rexeitamos esta iniciativa populista e electoralista. Somos profesionais da saúde que defendemos o sistema sanitario público e universal", explican nun comunicado conxunto tras unha crise sanitaria que fixo "patentes" as "deficiencias" no Sergas, que "non serán esquecidas por recibir este premio". "Somos conscientes das necesarias medidas que reactiven o comercio e o turismo, pero esta medida partidista non é a forma de facelo".

O persoal de enfermaría asumiu gran parte do dispositivo do Sergas fronte ao coronavirus -na imaxe, recollida de mostrar para test da covid-19 en Ourense- CC-BY-SA Sergas

Ben ao contrario, cren, se algo está a deixar claro o coronavirus é que no sistema sanitario público hai "problemas urxentes que hai que afrontar mediante un incremento do investimento", atendendo "a mellorar a precariedade laboral" ou a rebaixar o "alto grao de eventualidade". Todas elas, subliñan, son "reivindicacións históricas que non se poden agachar por tras dun bono".

"A precariedade, a eventualidade e as reivindicacións do persoal sanitario non se poden ocultar por tras dun bono; moitas enfermeiras buscan traballo fóra e iso non vai deixar de suceder por que a Xunta nos convide a ir de vacacións"

"Galicia é unha das comunidades con menos enfermeiras por habitante", subliñan os colexios profesionais, e "o mellor premio ás enfermeiras, pero tamén ao conxunto da cidadanía", sería "reducir o número de eventuais, dignificar salarios, reforzar o persoal en Atención Primaria e centros sociosanitarios, facer acopio de equipos de protección e outros materiais" ou que o persoal non se reduza. "A precariedade laboral, a alta eventualidade e as reivindicacións do persoal sanitario non se poden ocultar por tras dun bono, moitas enfermeiras e matronas buscan traballo noutras comunidades autónomas ou no estranxeiro e iso non vai deixar de suceder porque a Xunta nos convide a ir de vacacións", conclúen.

"É un insulto ao persoal"

Na liña dos colexios médicos e de enfermaría e de plataformas como as Enfermeiras Eventuais en Loita, que afirman alegrarse de que outros colectivos "se sumen" ao rexeitamento das "migallas" coas que elas confrontan dende o inicio da súa reivindicación, pronúnciase tamén a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP). Para este colectivo de profesionais do Sergas, o bono de Feijóo é directamente "un insulto".

Manifestación de SOS Sanidade Pública, o pasado febreiro en Santiago CC-BY-NC-SA CIG

"Considerámolo unha paga miserable", di a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

"Novamente, o PP pretende trasladar ao persoal do Sergas a súa casposa estratexia electoral de comprar a vontade dos colectivos sociais á conta do erario", se ben nesta ocasión a intención deriva "nun insulto" por pretender "convidar a tomar unhas cañas ou a unha habitación de hotel" para compensar "os esforzos para tratar a poboación durante a pandemia". "Considerámolo unha paga miserable para un colectivo que tivo que traballar en moitas ocasións sen o equipamento necesario para garantir a súa seguridade ou sufrir atrasos na realización das probas para a detección do virus".

"Esta propina -consideran- de claro signo electoral realízaa un señor que anunciou publicamente, en plena pandemia, a súa intención de recortar o soldo ao persoal do sistema sanitario público", acusan. Por iso, conclúen, rexeitan a medida e esixen "que se revertan os recortes sanitarios, que remate a precariedade laboral e se fagan oposicións para todas as prazas vacantes no Sergas".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.