A chegada da nova normalidade trae de volta, tamén, a normalidade do sistema sanitario público galego dos últimos anos: protestas e conflito permanente. Se antes do estoupido da pandemia unha multitude clamaba a prol da sanidade pública, aguilloada daquela pola loita polo paridoiro en Verín, a redución do impacto do coronavirus fai regresar as reivindicacións dun persoal cuxa situación de precariedade e falta de medios quedou aínda máis ao descuberto.
A chegada da 'nova normalidade' trae de volta a normalidade da sanidade pública nos últimos anos: protestas e conflito permanente
Os múltiples conflitos sanitarios (a folga dos PAC, a supresión da sala de partos no hospital de Monterrei, as mobilizacións e paros na Atención Primaria, os colapsos nas Urxencias, a ausencia e tardanza de ambulancias no rural ou as eivas na atención pediátrica) botáronselle á rúa a Feijóo dous meses antes das previstas eleccións de abril. Agora, coa forza minguada polas medidas de distanciamento e seguridade pola pandemia, regresan tamén antes dos comicios do vindeiro 12 de xullo.
Así, o vindeiro 25 de xuño, a plataforma SOS Sanidade Pública convoca concentración en varias vilas e cidades galegas --coa principal deles na praza do Toural de Compostela-- "porque a sanidade pública é precisa, agora máis ca nunca". "Os recortes e as privatizacións matan", di o colectivo nun comunicado no que lembran que o persoal sanitario "non necesita aplausos", senón "medios, protección e trato e condicións laborais dignas".
SOS Sanidade Pública convoca mobilizacións o 25 de xuño: rexeita o peche de camas no verán e pide a xestión pública das residencias
"Feijóo mente. Despois da peor crise sanitaria por mor da covid, dicimos que non nos salvou Feijóo, salvounos o illamento de Galicia, o confinamento e o traballo dos e das profesionais sanitarias", insiste SOS Sanidade Pública, que di "non" ao peche de camas durante o verán e que reclama "residencias públicas, de xestión pública e con asistencia sanitaria pública e sen discriminacións". "En moitas houbo medo, horror e morte", engade a plataforma, que recorda que "a crise non está superada" e que é "necesario" recuperar a actividade sanitaria ordinaria "abandonada durante estes meses".
Porque a "reactivación asistencial" é outra das demandas urxentes entre os profesionais, moitos deles contrarios á segunda vaga do estudo de seroprevalencia que leva a cabo a Xunta desde a pasada semana, ao que acusan de dificultar esa recuperación asistencial nos centros de saúde.
"O diñeiro público debe destinarse a fortalecer a sanidade pública, non a enriquecer investidores privados", engade SOS Sanidade Pública, que se une ás protestas que xa levan días producíndose. A pasada fin de semana, persoal sanitario concentrouse diante da sede da Xunta, nas instalacións de San Caetano en Santiago, demandando o incremento dos orzamentos para o sistema público, a mellora das condicións laborais, maior autonomía para os profesionais á hora de planificar a atención, así como unha solución para as listas de espera, o incremento de efectivos e a fin de vez da precariedade laboral.
Médicos eventuais únense ás reivindicacións da enfermería e reclaman máis orzamento, mellores condicións laborais e a fin das listas de espera
Facultativos Galegos Eventuais en Loita (Fegal) lideran estas protestas que desde hai xa máis dun ano levan a cabo no ámbito da enfermería o colectivo homónimo. Enfermeiras Eventuais en Loita leva meses denunciando as diferentes derivadas da súa precaria situación laboral, dende a acumulación de centos de contratos á imposibilidade de seren nais por mor da inestabilidade laboral pasando polas traballadoras que se ven abocadas á emigración. As enfermeiras confrontaron con datos os primeiros intentos da Xunta para amortecer as súas reivindicacións e a súa indignación estoupou tamén durante a pandemia.
O Sergas decidiu non prorrogar contratos de enfermeiras en canto caía enfermas infectadas polo coronavirus. Semanas despois sóubose que Sanidade decidira tamén rescindir de súpeto contratos xa prorrogados a outro grupo de enfermeiras en plantas Covid. En ambos casos, a Consellería recuou logo de facérense públicas as denuncias. Pouco máis tarde, o colectivo, xunto a outros moitos profesionais, asociacións e sindicatos, advertiu de que Sanidade aproveitaba unha excepción polo virus para situar persoal en formación en postos de eventuais con experiencia e saltando a orde das listas de contratación.
Por mor desta polémica, persoal sanitario concentrouse varios días nas últimas semanas na entrada de varios complexos hospitalarios galegos advertindo da "contratación fraudulenta" do Sergas, a quen acusan de "renovar os contratos asinados ao inicio da pandemia sen ter en conta as listas" e, segundo as protestas, por "interese electoralista".
Tamén o sindicato O'Mega se une ás demandas co envío dunha carta a Feijóo e ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, reclamando "compensación económica" e en descansos aos profesionais polo traballo durante a pandemia, así como "estabilidade laboral" e "restitución dos dereitos perdidos".
As mobilizacións seguirán. Este mércores 17 e o vindeiro venres 19 hai convocadas concentracións ao mediodía ante a rotonda do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) contra a precariedade. Na área de Vigo, son varias as convocadas pola xunta de persoal para a próxima semana "pola recuperación da sanidade pública" nesa zona sanitaria. O luns 22 ás 12 no Álvaro Cunqueiro e ás 20 no PAC da rúa Pizarro, e o día 23 fronte ao Meixoeiro ás 12. Nelas, profesionais reclaman "unha Atención Primaria digna e con tempo para atender os pacientes", unha "Atención Hospitalaria con capacidade para atender o 100% da cidadanía sen insoportables listas de espera" e unha "contratación digna que permita ofrecer unha atención de calidade".
A xunta de persoal da área sanitaria de Vigo convoca varias concentracións na vindeira semana "pola recuperación da sanidade pública"
As demandas son moi semellantes sempre ante unha política sanitaria da Xunta da que boa parte dos profesionais reclaman melloras a nivel global, pero tamén en ámbitos determinados. Así, nas últimas semanas, foi persoal da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de adultos do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) quen se concentrou para esixir unha "unidade adecuada sen perder camas".
Unhas 300 persoas participaron na última mobilización, o luns pasado, advertindo de que a proposta trasladada pola dirección do hospital suporía perder tres camas, ata 12, en lugar de gañar capacidade.
Precisamente, son moitas as protestas que sinalan a xestión da xerente do CHUS, Eloína Núñez, sobre todo despois dunhas polémicas declaracións coas que irritou o persoal dos hosptials ao ligar a expansión do coronavirus coas salas de café, pero non coa falta de material dos inicios da pandemia nin con ordes como as que ela mesma asinou e na que non se priorizaba o uso de máscaras protectoras.
Ademais, e no medio da crise económica e social provocada polo coronavirus, unha mobilización que parte ás 20 horas do Hospital da Costa, en Burela, o vindeiro luns unirá varias reivindicacións ao abeiro da ameaza de despedimento colectivo na planta de Aluminio de Alcoa en San Cibrao. CIG, CCOO e UGT convocan unha manifestación que pide "futuro para A Mariña: industria, infraestruturas, sanidade".