A política de contratación do Sergas segue a traer polémica. Desta vez, persoal sanitario, sindicatos e colexios e asociacións profesionais únense para denunciar a que consideran unha artimaña da Consellería de Sanidade, á que acusan de utilizar as medidas excepcionais no ámbito dos recursos humanos aprobadas polo Ministerio e as autonomías pola pandemia para saltar as listas e o pacto de contratación, prorrogar contratos de residentes --aínda en formación para especializarse-- e cubrir con estes ausencias de médicos, enfermeiras ou matronas sen xustificación.
Persoal, sindicatos, colexios e asociacións profesionais piden explicacións á Xunta pola renovación de contratos de residentes saltando as listas de contratación
Non é unha denuncia illada. Son varios os escritos que nas últimas semanas enviaron colectivos ou grupos de profesionais á Consellería e ao propio presidente da Xunta pedindo explicacións por unha política de contratación que consideran inxustificable e "sen transparencia", así como unha "interpretación falaz" das medidas excepcionais impulsadas polo Goberno central. O último, unha carta remitida este venres por máis de 300 enfermeiras e auxiliares de enfermería que amosan a súa "disconformidade coa xestión dos recursos humanos do Sergas durante o estado de alarma por mor da Covid-19".
"Descoñecemos que criterios seguiron para a renovación de contratos Covid, xa que numeroso persoal eventual mellor posicionado en listas de contratación temporal viuse prexudicado por esta actuación, tendo acceso unicamente a contratos moi escasos e precarios ou, na maioría dos casos, a unha situación de desemprego ante a falta de transparencia na xestión dos devanditos contratos", di o escrito.
O problema xorde a raíz da aprobación no BOE o 15 de marzo dunha orde (logo modificada) que adopta medidas extraordinarias en materia de recursos humanos e medios no sistema sanitario polo coronavirus. En virtude das posibilidades que a medida outorga ás autonomías, a Xunta aprobou posteriormente o procedemento polo cal permite a "encomenda aos profesionais sanitarios de último ano de formación de determinadas especialidades do exercicio provisional das funcións de facultativo adxunto especialista, médico de familia de atención primaria, pediatra de atención primaria ou enfermeiro especialista durante a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid-19".
O Sergas aproveitou as medidas excepcionais pola covid para poder encomendar a residentes de último ano labores de especialista
Dous días despois, unha nova norma no DOG ampliaba esta posibilidade de encomenda a residentes ás "restantes especialidades" co fin de "contribuír á correcta prestación asistencial dos pacientes afectados pola Covid-19" e cunha duración "en función das necesidades asistenciais".
En virtude desa medida, e segundo denuncian profesionais, colexios e sindicatos, o Sergas decidiu prorrogar os contratos do persoal MIR (Médico Interno Residente) e EIR (Enfermeira Interna Residente) ata por un ano "para cubrir ausencias de profesionais" en diferentes ámbitos sanitarios "sen razón que xustifique esta encomenda funcional" ao haber, segundo varios colectivos profesionais, persoal dispoñible, tanto agardando nas listas como traballando en situación temporal.
Xa que logo, segundo as queixas de sindicatos e profesionais, non se estaría usando a prórroga "no sentido que recollen as ordes do Ministerio de Sanidade, para dispor de persoal de reforzo, senón para cubrir ocos", tal e como denuncia CIG-Saúde. "Tampouco valoraron mellora ningunha nestas vinculacións xa existentes", quéixanse, por exemplo, varias matronas que dirixiron tamén un duro escrito ás xerencias da áreas sanitarias.
Segundo varias das denuncias, o Sergas leva a cabo estas prórrogas "sen ter en conta a quen xa está nas listas de temporais e pasando por riba de todo o persoal desas listaxes", obviando o pacto de contratación do Sergas e "aplicando criterios subxectivos e sen respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade".
Profesionais acusan o Sergas de usar estas encomendas excepcionais para cubrir ausencias e obviar as listas de contratacións de eventuais
A propia Consellería de Sanidade, no documento remitido ao Ministerio para solicitar o paso á fase 1, advertía da contratación por un ano deste persoal MIR e EIR que remata a súa vinculación co Sergas o 28 de maio. O xerente da área sanitaria de Vigo, nun escrito ao que tivo acceso Praza.gal, comunica ao persoal residente que o seu contrato en prórroga podería durar ata abril de 2021.
Segundo denuncian tamén profesionais de pediatría, as enfermeiras residentes que en maio rematarían a súa formación están sendo contratadas como especialistas desde principios de abril en virtude da crise sanitaria. Deste xeito, especialistas con anos de experiencia perden "a posibilidade de acceder aos contratos, pasando o verán traballando en unidades alleas ou sen traballar". "Profesionais que acaban de formarse gozan da estabilidade que nós nunca tivemos", advirten.
Xa o pasado 7 de abril, os catro colexios de enfermería provincias de Galicia mantiveron unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, no que lle amosaron a súa preocupación polo caso, reiterada nunha carta enviada o 20 do mesmo mes. Solicitaron información sobre o tipo de contrato de prórroga aos residentes, advertindo de que "deben cumprir a normativa do pacto de contratación e utilizarse de existir un déficit de profesionais especialistas".
"Non podemos permitir que, habendo profesionais especialistas nas listas de contratación en paro, se contrate de forma xeral residentes sen ser necesario"
"Non podemos permitir que, habendo profesionais especialistas nas distintas listas de contratación en paro, se contrate de forma xeral residentes se non é estritamente necesario", din os presidentes das catro entidades, aclarando que non están en contra da medida pero "só de realizarse adecuadamente e dando prioridade as enfermeiras especialistas inscritas nas distintas listaxes, respectando así a súa orde de puntuación".
Na carta, á que tivo acceso Praza.gal, lembran que a contratación de enfermeiras especialistas "non é unha solución para xustificar a cobertura de persoal solicitado". "Detectamos que se están a mobilizar residentes de primeiro ano pola súa experiencia en unidades especiais para realizar labores de enfermeira xeneralista". "Se é necesaria a súa contratación, debe respectarse a orde de prelación da lista de contratación e remunerar axeitadamente como enfermeira, non como residente, xa que a finalidade da publicación no BOE non é substituír enfermeiras xeneralistas a non ser que sexa imprescindible", din.
Noutro escrito, matronas eventuais de toda Galicia pediron tamén por carta explicacións ás xerencias das áreas sanitarias e á Dirección de Recursos Humanos do Sergas. Nela, advirten de que as prórrogas a residentes encoméndalles funcións propias de persoal estatutario "malia existir nese momento aspirantes dispoñibles a vinculacións temporais", o que suporía "defraudar o mecanismo regulamentario de provisión de persoal temporal" e as "lexítimas expectativas profesionais e económicas" do persoal das listas.
Matronas de varias áreas denuncian que as encomendas aos residentes serviron para "asumir substitucións ou cubrir permisos de traballadores sanitarios"
Ademais, entenden que "non consta a razón xurídica pola que se puido proceder á prórroga deses contratos de residencia" xa que, segundo denuncian, a especialidade de enfermeira en Obstetricia e Xinecoloxía "non está incluída no ámbito de actuación da orde ministerial". Así, reclaman saber cales foron as "razóns asistenciais relacionadas coa prestación sanitaria derivada da Covid-19 pola que se procedeu a acordar esas encomendas" ás residentes e piden que sexan indemnizadas aquelas profesionais que se viron privadas das súas funcións.
As matronas organizadas poñen exemplos de varios casos nos que as encomendas ás residentes supuxeron "asumir as substitucións de persoal ou a cobertura de permisos de traballadores sanitarios", algo que non debera ser posible "sempre e cando exista persoal estatutario eventual dispoñible para cubrir estes permisos ou ausencias".
A resposta da Dirección de Recursos Humanos do Sergas, segundo advertiron delegados sindicais, foi que seguían "os preceptos marcados polas ordes estatais". Preguntada a Consellería polo tema, este diario agarda aínda por algunha aclaración.
Segundo CIG-Saúde, o que está a ocorrer supón "que o Sergas non publique as listas de selección temporal e polo tanto que non se oferten os contratos de médicas e médicos de hospital os traballadores e traballadoras inscritos nestas listas e que levan anos sufrindo unha total precariedade laboral".
"Permítelles ter un remanente de eventuais"
Nun dos escritos remitidos á Consellería, profesionais afectados din ser "conscientes" da gravidade da pandemia e entender que se puxesen a disposición das autonomías mecanismos "que asegurasen a dispoñibilidade de persoal". Con todo, din que "non é comprensible o uso incoherente e irracional do devandito mecanismo" porque "carece de todo sentido mobilizar residentes, aínda en período formativo, existindo matronas dispoñibles nas listas de contratación". "Queremos crer que o Sergas está interpretando erroneamente as ordes ministeriais e non intentando menoscabar os dereitos laborais daqueles aos que nestes momentos lles toca coidar dos demais".
Persoal do Sergas pregúntase se a intención do Sergas non será "asegurarse a permanencia dun grupo de profesionais dos que non podería dispor con seguridade ao carecer de experiencia e puntos nas listas de contratación ou ser doutra comunidade". "Con estas prórrogas intentan evitar que marchen", din profesionais, que entenden que manter a vinculación dos residentes "posibilita a existencia dun remanente de eventuais dos que pode tirar man no caso de que haxa un segundo pico do coronavirus ou para cubrir vacacións". "Saben que, moi probablemente, e ao estar nas listaxes, non van marchar", finaliza. No fondo, coinciden varios, os problemas dun sistema de contratación que mantén as eivas denunciadas desde hai anos.