"Sublevámonos". Aquel 12 de maio de 2019, persoal eventual do Sergas presentábase ás probas do concurso oposición para tan só 372 prazas de quenda libre. Máis de 7.000 --a inmensa maioría mulleres-- apareceron vestidas de negro e tinguiron de loito o amplo recinto feiral de Silleda nunha imaxe impactante, pola realidade que facía agromar e polo inesperado éxito dunha protesta sobre a precariedade na enfermería en Galicia que só acababa de prender a mecha.
A masiva e impactante mobilización da enfermería eventual en Silleda "marcou un antes e un despois" na loita contra a precariedade: "Unímonos por fin"
"Este día marca un antes e un despois". "Foi un éxito rotundo e demos un golpe enriba da mesa". "Unímonos por fin". Varios testemuños advertían da importancia dunha mobilización que rompía os marcos existentes da man de Eventuais en Loita, colectivo que este 12 de maio, Día Internacional da Enfermería, lembra o aniversario cun vídeo que resume estes últimos doce meses.
Aquela xornada, din, "só era o principio" dunha loita contra as "pésimas condicións laborais", a acumulación eterna de contratos por días ou semanas, a falta de dereitos laborais, a "explotación"... Unha efeméride que se cumpre en plena pandemia por coronavirus, unha crise sanitaria que "agrava" a súa situación, tal e como advertiron: "Non máis remendos, estamos fartas".
"Tomamos as rendas da nosa vida profesional. Reivindicamos os nosos dereitos máis aló da queixa de salón, de taberna ou das redes sociais", din agora nun comunicado sobre o que consideran o inicio dunha mobilización constante que serviu, "sobre todo, para que a sociedade descubrise a realidade dun colectivo sempre menosprezado". Desde aquela, Eventuais en Loita denuncia "todas e cada unha das prácticas fraudulentas e abusivas" ás que din estar "sometidas a diario".
Eventuais en Loita considera aquela mobilización clave "para que a sociedade descubrise a realidade do colectivo"; a pandemia, din, só "agravou" a situación
As últimas, lembran, mesmo durante a epidemia. Eventuais en Loita paralizou as súas concentracións mensuais pero non puideron deixar de "denunciar as múltiples situacións irregulares". Os efectos da precariedade volveron amosarse na peor das situacións. O Sergas decidiu non prorrogar contratos de enfermeiras en canto caía enfermas infectadas polo coronavirus. Semanas despois sóubose que Sanidade decidira tamén rescindir de súpeto contratos xa prorrogados a outro grupo de enfermeiras en plantas Covid. En ambos casos, a Consellería recuou logo de facérense públicas as denuncias.
Alén diso, lembran, a loita contra a pandemia foi "aproveitada polo Sergas para empeorar aínda máis o seu sistema de contratación precaria", renovando xente con contrato "saltando a orde das listaxes de contratación e sen informar axeitadamente as traballadoras que, dous días antes, seguían sen saber onde e como ou se traballarían durante o vindeiro mes".
Estes casos puxeron aínda máis en evidencia unha dura realidade que durante meses a enfermería eventual denunciou, poñendo datos e testemuños á súa situación. "11 anos, 557 contratos e 5 e medio cotizados", resumía unha das moitas profesionais que prestou a súa voz para resumir o día a día de tantas. Malia todo, a Xunta teimou en dar datos que apuntaban a unha estabilidade de ata o 90% do persoal mentres Eventuais en Loita tiraba de cifras oficiais ou de enquisas para situar en máis dun terzo a cantidade de traballadoras en situación de eventualidade ou no 44% a porcentaxe das que levan máis de dez anos nas listas de contratación.
O Sergas recuou tras non renovar as profesionais que caían enfermas polo coronavirus ou rescindir os contratos xa prorrogados de persoal das plantas Covid
"Estamos aínda abraiados pola repercusión das nosas reivindicacións e compañeiras da Comunidad de Madrid xa se puxeron en contacto con nós porque queren saber da nosa forma de protesta e da nosa capacidade de unión", di Hugo Bermúdez, un dos voceiros do colectivo, que lembra que no último ano "en ningún momento" Eventuais en Loita pediu cartos, senón "estabilidade". "Moitísimo menos na situación actual, o que queremos son mellores condicións", engade.
A forza da protesta e as orixinais formas empregadas foi tal que as súas reivindicacións ocuparon espazos en varias canles de televisión estatais, o que levou a outro amargo conflito coa Xunta, a quen Eventuais en Loita acusou de "expoñer datos persoais" dunha traballadora que denunciara a precaria situación da enfermería en Galicia. O veto aos carteis críticos por parte do Sergas foi tamén sinalado como "censura" por un colectivo que mobiliza en toda Galicia máis de 6.000 persoas, que levou a súa protesta ata o Parlamento Europeo, que denuncia a emigración á que está "condenada" a súa profesión no país ou que se uniu a outros profesionais sanitarias en multitudinarias marchas pola sanidade pública.
"Non somos heroínas"
Agora, protagonistas como son tamén dos aplausos diarios nos balcóns, lembran que moi ao seu "pesar", a sociedade segue etiquetándoas como "heroínas". "Agradecemos todos os cumprimentos, pero non facemos máis nada que o que temos que facer", din para insistir nas súas demandas de "dignidade". "Que deixen de usar a enfermería eventual como persoal de usar e tirar", piden ás administracións ás que reclaman máis e mellores recursos na sanidade pública.
"Non nos miredes desde as xanelas; baixade ás portas dos hospitais e collede connosco as pancartas", que pide unidade na loita pola sanidade pública
Por iso, cren que "é a hora de que todas e todos os compañeiros de todas as categorías se unan e loiten da man para non volver perder". E fan, tamén, unha petición á sociedade, "aos doentes e ás usuarias da sanidade pública". "Non nos miredes desde as xanelas, nin nos preguntedes con incredulidade desde os muros das redes sociais. Baixade ás portas dos hospitais e collede connosco as pancartas, unídevos, sexamos fortes", reclaman.
"Non podemos ser heroínas un día e ao seguinte ser lixo do que se pode prescindir. Non esperedes que só dez loiten polos dereitos de 10.000; oitade connosco, poñede o voso grao de area, sexamos o cambio para conseguir que a sanidade, de verdade, sexa un dereito universal e un ben común", rematan.