A loita da enfermería eventual do Sergas chega a Europa. Unha representación do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita denunciou ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a situación de precariedade laboral do sector e a sucesión de contratos curtos "en fraude de lei" por parte da Xunta e que consideran que irían contra a normativa europea.
Eventuais en Loita denuncia ante a Comisión de Peticións a precariedade laboral do sector e a sucesión de contratos curtos "en fraude de lei" por parte da Xunta
Da man da portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, varias enfermeiras deste colectivo reuníronse coa vicepresidente da Comisión de Peticións, Tatjaza Zdanoka, a quen explicaron a situación de precariedade, eventualidade e de imposibilidade de conciliación familiar que lles provoca esta relación contractual que milleiros de profesionais manteñen co Sergas.
“De ser admitida a petición, o colectivo tería que volver a Bruxelas para comparecer na Comisión”, explicou Miranda tras o encontro coa eurodeputada Zdanoka, que cualificou de “moi produtivo”. No caso de que a denuncia saia adiante, como aconteceu en moitos outros casos impulsados pola europarlamentaria galega, o Parlamento Europeo dirixirase ao Sergas para solicitar máis información sobre este tipo de contratacións e para determinar se podería estar incumprindo a lexislación comunitaria.
“O noso obxectivo é que se lle tire das orellas á Administración galega e ao Goberno galego por incumprir a normativa europea en materia de contratación”, subliñou Miranda, quen lembrou que existe xa xurisprudencia do Tribunal de Xustiza Europeo sobre casos semellantes, polo que considerou que a UE “ten que dicir algo sobre este tipo de contratos”.
“A situación das enfermeiras eventuais en loita vai ser o 'caso das preferentes' da sanidade pública”, advirte Ana Miranda
“A situación das enfermeiras eventuais en loita vai ser o caso das preferentes da sanidade pública”, sinalou Ana Miranda a respecto da situación laboral deste colectivo, quen explicou a súa problemática cotiá nas varias reunións celebradas en Bruxelas.
“Todo o día pendente do móbil para recibir os avisos durante nove ou dez anos, imposibilidade de planificar nada, múltiples problemas para planificar a vida profesional e persoal, falta de dereitos laborais, concatenación de contratos chegando a traballar practicamente todos os días do mes, sometidas a unha precariedade imposible”, sinalou Catuxa Lagarón, quen exerceu de portavoz do colectivo na capital comunitaria.
Tamén explicaron que o Consello Internacional de Enfermería e a Organización Internacional do Traballo teñen denunciado que España é o Estado con maior porcentaxe de traballadoras e traballadores pobres e que o sector da enfermería está á cabeza da temporalidade. Ademais a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala que España está nos últimos postos dos ránking en canto a enfermeiras por habitante, con 5,3 profesionais de enfermería por cada 1.000 habitantes, mentres que a media europea se sitúa no 8,8.
“Saímos esperanzadas das reunións porque vimos moito interese na situación e no que traiamos para contar, que é moito", di colectivo, que neste xoves reuniuse tamén coa Federación Europea de Asociacións de Enfermeiras e que marcha con "boas sensacións" de Bruxelas.
Por outra banda, Enfermeiras Eventuais en Loita, dentro da súa campaña 12 meses, 12 loitas, volveu mobilizar centos de traballadores ao mediodía ante hospitais galegos nunha xornada dedicada "ao doente". "É o eixo dos nosos coidados e a peza fundamental do noso facer", explica o colectivo, que aclara que o fin último das súas mobilizacións é "ter ese intre para estar co enfermo". "Ti sabes que nós imos estar aí, porque a prioridade é coidar de ti, porque ti es a nosa loita", din dirixíndose aos pacientes.