Nunha nova protesta, a enfermería galega volveu erguer a voz contra a súa precariedade e contra a xestión do Sergas. Desta vez, na súa campaña #12Meses12Loitas, o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita concentrouse ante os hospitais e centros de saúde denunciando a "fuga de persoal" que desde hai unha década se produce no país cara a outras comunidades e Estados "pola falta de contratación, inestabilidade e precarias condicións" que ofrece Galicia.
Eventuais en Loita amosa o seu "rexeitamento" ás "medidas de censura" impostas polo Sergas, en referencia ao veto aos carteis críticos
Con esa denuncia como eixo, Eventuais en Loita engadiu outra. O persoal mobilizado luciu cintas adhesiva na boca porque "o Sergas nunca deixa de sorprendernos". "Desta volta agásallanos coa coa vulneración dun dos nosos bens máis prezados, a liberdade de expresión", en referencia á circular coa que a Xunta impón un veto aos carteis críticos desde hai dúas semanas.
"O señor Feijóo anunciou que se prohibe a colocación de anuncios, carteis e publicidade que poden resultar inxuriosos ou ofensivos para determinadas persoas, colectivos ou institucións", lembra Eventuais en Loita no manifesto lido este martes na protesta. E advirte do seu "rexeitamento" cara a unhas "medidas de censura" que, consideran, "vulneran" o seu "dereito como profesionais e como cidadáns a mostrar a disconformidade coa xestión da Administración Pública".
Ademais, a enfermería eventual destaca a constante emigración do seu colectivo desde Galicia malia ser "un dos máis numerosos do Estado" e ter o Sergas "cada vez máis dificultades para cubrir o persoal".
A enfermería eventual denuncia as "precarias condicións laborais" que obrigan a emigrar a lugares "onde si valoran a formación, o interese e a implicación"
"Por mor das condicións laborais e da inestabilidade, sen traza de mellora, que nos ofrecen, moitas das nosas compañeiras víronse na necesidade de probar sorte noutras comunidades ou noutros países onde si valoran a formación, o interese, a implicación... Onde respectan os dereitos dos traballadores, onde se preocupan de formar academicamente porque saben que un profesional ben estudado é un investimento de futuro", explicaron no comunicado lido este martes. Ademais, e durante os últimos días, difundiron varios vídeos de testemuños de profesionais emigradas que explican os seus motivos para a marcha e as diferenzas de trato nos seus lugares de traballo.
"Que non nos enganen máis. Temos unha das mellores sanidades do mundo e os profesionais mellores formados, pero é o sistema o que non funciona", di Alicia, emigrada en Noruega desde hai seis anos. Acumula seis anos de traballo, seis anos cotizados, asinou só dous contratos e ten cinco semanas de vacacións ao ano. O que pode parecer normal ou lóxico, é unha quimera en Galicia. "Traballei nove anos no Sergas, teño cinco anos cotizados, innumerables contratos --entre 150 e 200-- e cero vacacións desfrutadas. Decidín cambiar de vida e buscar solucións e marchei", relata.
"Que non nos enganen máis. Temos unha das mellores sanidades do mundo e os profesionais mellores formados, pero é o sistema o que non funciona"
No mesmo sentido exprésanse Mely e Alexander desde o Reino Unido, Carla tamén desde Noruega ou Noemí e José Ramón desde Cantabria nos testemuños que difunde o colectivo. Porque a emigración cara a outras autonomías tamén é masiva neste sector.
"Sen estar tampouco nunhas condicións inmellorables, noutras comunidades hai máis estabilidade porque salvan dalgunha maneira a taxa de reposición ou idean contratos máis estables; sabemos que a eventualidade ten que existir, pero hai maneiras e maneiras e non se pode estar cada día nun sitio ou un mesmo día en diferentes postos", explica Hugo Bermúdez, un dos portavoces de Eventuais en Loita, que explica que o obxectivo desta nova campaña é "poñer caras diversas á precariedade, ás razóns dela e da emigración porque o Sergas segue a queixarse de que non hai enfermeiras mentres estas marchan de Galicia buscando as condicións que non teñen na súa terra", explica.
"Volvería a Galicia se me desen as mesmas condicións", conta Noemí, que leva máis de tres anos en Cantabria, onde lle ofreceron "estabilidade en canto ás quendas e á economía". "O do Sergas era un estrés que non estaba disposta a soportar", explica noutro vídeo. "No Reino Unido tiven un contrato estable, traballei sempre no mesmo servizo, tiven sete semanas de vacacións ao ano e a posibilidade de formarme inmensamente en cursos e na universidade e todo pagado polo hospital público; sentíame moi valorada", contrapón tamén Mely á situación vivida en Galicia.
"O do Sergas era un estrés que non estaba disposta a soportar", di unha enfermeira obrigada. "Déronme a posibilidade de formarme inmensamente", conta outra
Todo os testemuños coinciden en agradecer a Eventuais en Loita, colectivo que chega mobilizar máis de 6.000 profesionais da enfermería en Galicia, por dar visibilidade a unha problemática tan sabida como invisible e por "seguir loitando malia todo". Desde o colectivo, Bermúdez advirte de que manterán "a presión na rúa", máis aínda de cara ás eleccións autonómicas. "Os nosos destinos márcaos a Xunta", lembra, antes de enviar por correo a todos os grupos políticos as súas demandas. Antes dos comicios volverán ás protestas ante hospitais e centros de saúde. Será o 12 de marzo e xa avisan: "Será potente".