Os conflitos sanitarios vólvenselle botar á rúa á Xunta ás portas das eleccións

Detalle dunha das pancartas nunha manifestación a prol da sanidade pública CC-BY-NC GZ Foto

Un ano despois e o problema sanitario en Galicia non acouga. Naquel 10 de febreiro de 2019, milleiros de persoas ateigaron as rúas de Santiago e a praza da Quintana nun clamor pola sanidade pública mentres Feijóo secundaba a manifestación de PP, Ciudadanos e Vox na madrileña praza de Colón. No vindeiro domingo 9, outra gran marcha prevese en Compostela ante unha situación, doce meses despois, que pouco mudou. As queixas que daquela chegaban pola precarización do persoal, a deterioración asistencial na Atención Primaria, a carencia de profesionais e medios, o colapso nas Urxencias ou a escaseza de pediatras por todo o país non só continúan, senón que se viron reforzadas por cadanseus conflitos

Un ano despois da masiva manifestación pola sanidade pública, os conflitos e as demandas sanitarias non só non se reduciron senón que aumentaron

As protestas e denuncias da enfermería eventual sobre a súa eterna precariedade no Sergas, as eivas na atención pediátrica que se espallan por todas as comarcas galegas, o peche --e posterior reapertura-- do paridoiro de Verín, os colapsos nas Urxencias con denuncias pola morte de pacientes agardando a ser atendidos, as mobilizacións pola deterioración da asistencia no rural ou a tardanza na chegada de ambulancias por falta de recursos... Conflitos que, tal e como denuncian profesionais, sindicatos, entidades sociais e oposición, non fan máis que ratificar os problemas derivados da política sanitaria da Xunta. A maiores, a polémica circular coa que o Sergas veta as mensaxes críticas en centros de saúde e hospitais. E todo ás portas dunhas eleccións autonómicas. 

Ante esta situación, SOS Sanidade Pública convoca á marcha desde a Alameda de Santiago ás 12 do mediodía, nunha mobilización á que chama toda a oposición, ademais de sindicatos e entidades sociais. "Contra a deterioración da Atención Primaria e o desmantelamento e peche de servizos nos hospitais públicos, contra as listas de espera inaceptables e a precariedade do persoal, contra a privatización da sanidade pública galega", resume a plataforma.

Cabeceira da manifestación pola sanidade pública en febreiro de 2019 CC-BY-SA Praza Pública

A entidade, ao igual que profesionais e forzas sindicais, coinciden na diagnose: as restricións orzamentarias, os recortes e a célebre "austeridade" dos anos de crise estoupan agora. O orzamento sanitario da Xunta alcanzou o ano pasado, unha década despois, os niveis de 2009, último ano do bipartito e ano do inicio da recesión. Polo camiño, chegou a perder ata máis de 600 millóns anuais desde aquela, como en 2015, data desde a que a achega económica foi medrando aos poucos. 

SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación este domingo á que chama toda a oposición: "Chegou o momento de concentrar esforzos"

"Chegou o momento de concentrar esforzos de toda a cidadanía, colectivos sociais e profesionais, por riba das lóxicas e lexítimas diferenzas", di SOS Sanidade Pública, que agarda unha "resposta masiva" que "free e faga retroceder a política de desmantelamento e privatización do sistema sanitario público galego aplicados pola Xunta". Tanto a plataforma como colectivos como a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) insisten na necesidade dunha "grande alianza social e sanitaria" como a "uníca esperanza" para o sistema. 

Segundo SOS Sanidade Pública, a política sanitaria do Goberno de Feijóo "está levando a sanidade pública a un punto de difícil retorno se non a paramos entre todos e todas". Denuncia o "desmantelamento" dos hospitais, con especial relevancia nos comarcais, a vulneración de dereitos das persoas con problemas de saúde mental, a falta de recursos a nivel asistencial, recortes no desenvolvemento do plan de atención integral á saúde da muller, a ocultación e manipulación das listas de espera, a precarización e explotación do persoal, a privatización ou o abandono da Atención Primaria. 

O "inmobilismo" do Sergas na Atención Primaria

Neste último aspecto, tanto a Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS) como o resto de profesionais e colectivos que loitan por un cambio de modelo na Atención Primaria continúan á espera dunha Xunta que acumula xa tres plans pero que aínda non deu solución ningunha ás principais eivas. "Máis de 40 pacientes atendín hoxe na miña xornada laboral", conta un dos médicos de cabeceira implicados nas protestas. 

Malia que a creación do Consello Técnico e as diferentes comisións (cunhas 200 persoas traballando co Sergas) supuxeran a desconvocatoria dunha folga --e tamén a división dos colectivos en defensa e a desaparición da Coordinadora de Atención Primaria--, os resultados non chegan. Fontes desas conversas advirten do "inmobilismo" da Xunta e do "fastío" dos profesionais que non ven avance nin proposta seria ningunha, o que tamén provoca a convicción da necesidade da mobilización continua. 

As conclusións do Sergas ás negociacións abertas nese Consello Técnico non satisfan aos profesionais, que non ven concreción nin solución ningunha nun ámbito, o de Primaria, que todos ven fundamental para a mellora do sistema sanitario. 

Mantéñense varias demandas "irrenunciables" entre as que está tamén o incremento progresivo do orzamento ata que se dedique o 25% para Atención Primaria. 

As restricións orzamentarias, os recortes e a célebre "austeridade" dos anos de crise estoupan agora con moreas de conflitos na sanidade pública

O conselleiro Vázquez Almuiña di que do total do orzamento sanitario deste 2020, o 32%, uns 1.300 millóns, serán para a Atención Primaria. Son, concretamente, 1.294,75 millóns de euros, un aumento do 3,7% con respecto ao dedicado no orzamento de 2019, pero aínda un 10% máis baixo que o dos niveis previos á crise, en 2009, último presuposto do goberno bipartito. 

O Sergas presume de dedicar máis do 30% do orzamento á Atención Primaria, o que suporía cumprir con creces a demanda histórica de superar o 25%. Desde a AGDSP reducen esa porcentaxe a “unicamente o 13,2%” e “contrariamente ao 32,2% que afirma o conselleiro”. Os motivos? Segundo advirten, a Consellería inclúe no cómputo global do dedicado á Atención Primaria o gasto farmacéutico extrahospitalario, “imputándolle á Primaria un diñeiro do que non se lucra”, como explica Manuel Martín, voceiro da asociación.

 Entre o resto de peticións para a Atención Primaria están tamén a recuperación das estruturas de xestión deste nivel asistencial, a derivación e a consulta telemática con outros servizos, así como a "igualdade de acceso" a probas diagnósticas. Tamén que sexan convocadas en oferta pública de emprego todas as vacantes actuais e previstas no servizo e que se teña en conta a calidade asistencial para redimensionar as cotas e os persoais. Ademais, apoian as peticións dos PAC e reclaman un cambio no contrato eventual de continuidade que lle dea estabilidade e non "fomente a precariedade" entre os profesionais. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.