O conflito sanitario que estoupou en Verín, coa supresión durante dous meses da sala de partos e das urxencias pediátricas e unha importante mobilización social, obriga a recuar varias veces á Xunta. O Sergas reabriu esta semana o paridoiro tras contratar unha pediatra, despois de múltiples versións para xustificar o peche e da indignación dun persoal do que se puxo en dúbida a súa "pericia". Agora, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, anuncia que o Goberno traballa en "novos incentivos profesionais" para cubrir "prazas de difícil cobertura", tanto na puntuación no baremo de méritos como no aspecto económico. Busca así a Administración evitar casos como o do hospital comarcal de Monterrei, paradigma dos problemas sanitarios no interior e rural galego, e faino cunha medida que os profesionais reclamaron desde un principio.
O Sergas anuncia a intención de "aumentar a puntuación" para os profesionais que exerzan en hospitais comarcais e de aplicarlles tamén incentivos "económicos"
Mentres a Xunta xustificaba aquel peche pola baixa natalidade da zona, a "falta de pericia" dos profesionais ou mesmo criterios sanitarios dos que nada se soubo, matronas e xinecólogos de Verín advertían da falta de pediatras como principal causa dunha "decisión política". Instaban o Sergas a instaurar un plan de incentivos para os profesionais que traballasen en hospitais comarcais ou en especialidades de difícil cobertura, unha proposta recollida tamén pola oposición.
Meu dito, meu feito... Polo menos no que a anuncios se refire. Almuíña, durante a súa intervención no pleno a petición propia para explicar a situación dos hospitais comarcais, destacou que en mesa sectorial incorporouse unha "puntuación no baremo de méritos para aqueles profesionais que exercen ou exerceron nos comarcais" que será tido en conta xa na vindeira OPE. E anunciou que o Sergas está a traballar en "medidas aínda por negociar, como a posibilidade de aumentar a puntuación no caso de especialidades médicas de especial dificultade de cobertura e outros incentivos na carreira profesional".
Sanidade anuncia incentivos para o persoal que traballe no rural e interior de Galicia, tal e como lle reclamaron os profesionais de Verín
Faino co obxectivo, aclarou, de que "os profesionais poidan decidir ir aos comarcais" e adiantou que non só afectará os seus traballadores, senón a aqueles que exerzan nas cidades e que tamén pasen consulta neses centros. Malia que destacou que "son máis importantes" os incentivos en forma de puntuación, anunciou que o Sergas intentará que estes sexan tamén "económicos". Xusto o que moitos profesionais reclamaban ante a negativa de persoal a desprazarse desde centros urbanos sen compensación ningunha.
Almuíña fixo este anuncio nunha polémica sesión plenaria, onde debullou os avances e melloras nos hospitais comarcais nos últimos anos --centrándose en obras-- e advertiu do "compromiso" da Xunta con estes centros ante as críticas da oposición, á que case non respondeu pregunta ningunha. Si que lle lanzou duras críticas, acusándoa que "ir contra a seguridade dos pacientes" no seu obxectivo de "chegar ao poder", en referencia ao conflito aberto en Verín. "Nós acudimos máis aos hospitais pero temos menos fotos neles; nós traballamos para dar servizos e algúns de vostedes buscan desgaste", engadiu.
A oposición denunciou a "censura" do Sergas aos carteis críticos coa súa nova circular e Almuíña acusouna de "ir contra a seguridade dos pacientes"
Desde a oposición, todos os grupos denunciaron a "censura" imposta polo Sergas, en relación á polémica circular que veta a colocación de carteis críticos en hospitais e centros de saúde. "Recortan a liberdade de expresión dos funcionarios e funcionarias públicas, solicitámoslle que recitifique", díxolle Eva Solla, deputada do Grupo Común da Esquerda. Montse Prado, do BNG, advertiulle de que era "inútil" un "pin sanitario" e intentar "amordazar" o persoal, mentres que Luís Villares, de En Marea, criticou a "censura inadmisible, símbolo da decrepitude da década do PP". "Quitan carteis pero mandan mails todos os días anunciando actuacións do Sergas", ironizou Julio Torrado, do PSdeG.
Este mesmo deputado socialista preguntou tamén ao conselleiro a causa dun consentimento informado "reforzado" en Verín que vén de rexeitar o Consello Galego de Colexios Médicos. "Dealles agora explicacións aos médicos, que din que é inadmisible, que causa inseguridade xurídica e que crea un problema de alarma", dixo, no mesmo ton que Eva Solla, que cualificou a medida de "ocorrencia" e un "atque ás mulleres e aos profesionais", ou de Villares, que a definiu como "broma pesada".
Almuíña volve acusar o bipartito polo conflito en Verín
Toda a oposición sinalou a marcha atrás do Goberno de Feijóo en Verín. "Non é que non queiran pechar hospitais comarcais, é que os veciños non lles deixan", dixo Prado, que cre que a mobilización cidadá e a súa vitoria "queda incorporada xa á historia de Galicia como unha mostra máis da dignidade colectiva". "Moven de un lado a outro os problemas, como os pediatras, a ver se os dan resolto", engadiu Torrado, mentres que Villares cualificou de "estrepitosa" a derrota da Xunta en Verín.
Na contra, Almuíña volveu tirar do bipartito, ao que acusou de "pechar" e "acabar co servizo de pediatría" no hospital de Verín en 2006, un suposto servizo que presume de ter recuperado desde a Xunta. Fontes profesionais do hospital comarcal insisten en recordar que nunca houbo servizo pediátrico no centro, senón pediatras que cubrían as gardas. A propia nova xerente da instalación, Guillermina Agulla, recoñece tamén que a incorporación dun especialista esta semana non supón aínda a recuperación do servizo, para o que faría falta, polo menos, "captar" outro profesional.