Máis de dous meses despois de que se iniciase o peche, a cidadanía que mantiña a protesta no hospital de Verín recolleu as súas cousas, retirou os carteis reivindicativos e abandonou o centro entre celebracións. O paridoiro e as urxencias pediátricas reabríanse tras 63 días ao incorporar unha pediatra o Sergas, que suprimira ambos servizos aludindo a criterios técnicos e de seguridade e achegando diferentes e variadas versións cada pouco.
O Sergas cobre só unha das dúas prazas de pediatría e prevé contar cun servizo de pediatría"no futuro", malia que Sanidade presumiu de telo recuperado xa
"A situación recuperouse e as nais e os neonatos teñen todas as garantías e toda a seguridade que se require", dixo Guillermina Agulla, nova xerente do hospital, que confía en que o Sergas consiga "captar un pediatra máis" para que o centro "conte realmente cun servizo de pediatría", que aínda non é tal, malia que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, gabárase de que "por primeira vez desde 2006" Verín ía contar con ese "servizo" aínda por completar.
Polo momento, o Sergas incorpora unha pediatra procedente de Cee, outra zona con protestas polos problemas de escaseza de especialistas, e substitúe a doutora na Costa da Morte por outro profesional que usuarios identifican como "puericultor e non pediatra".
En Verín, malia que a intención era cubrir dúas prazas, será polo momento unha a que se ocupe, mentres que outro pediatra dun centro de saúde axudará a cubrir as gardas. A dirección trata agora de convencer outro profesional que colabore nese reforzo, precisamente o mesmo que abandonou o hospital en 2006. "Está visto que conseguir pediatras non é fácil", din fontes médicas que advirten de que é o voluntarismo e a relación persoal que algúns manteñen coa zona o que posibilita a reapertura da atención aos partos.
Unha pediatra foi contratada para o hospital de Verín, que reforzará as gardas con outro especialista dun centro de saúde e que trata de convencer outro profesional
Sexa como for, desde este luns, "calquera nai que non teña ningunha complicación importante poderá vir parir ao hospital de Verín sen medo a ter que viaxar ata Ourense ou a que sexa separada do seu pequeno", explica Aurora Sola, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei e unha das máis activas no peche. Ademais, e tras a recuperación das urxencias pediátricas, calquera neno ata os 14 anos poderá ser atendido na mesma localidade a partir das tres da tarde sen necesidade de desprazarse á capital provincial.
"Que quede ben claro que, por moito que digan, nada disto se tería conseguido sen a mobilización social"
Consumada a reapertura, Sola di sentir "unha enforme satisfacción por unha vitoria conseguida pola cidadanía". "A xente non só non se desanimou, senón que se mantivo firme ata o final nunha loita clave polos dereitos sanitarios da comarca", di a voceira da plataforma, que transmite que é moita a xente que lles dá as grazas "tamén porque foi unha loita polo rural, por seguir vivindo nel e mantendo os servizos". "Que quede ben claro que, por moito que digan, nada disto se tería conseguido sen a mobilización social", insiste.
"Colocáronnos un estigma, fixéronnos moito dano"
Pola súa banda, o xefe de Xinecoloxía do hospital de Verín, Javier Castrillo, amósase tamén "satisfeito pola xente, pola loita e pola presión mantida". "Finalmente obtiveron un resultado moi bo, sobre todo para eles", engade quen tamén se declara "contento" no aspecto persoal e profesional pero que non esquece todo o pasado.
"Prexudicaron moito a nosa imaxe; fixéronnos moito dato e tivemos que defender o noso prestixio profesional porque nolo desgastaron", di o xefe de Xinecoloxía
"Aquelas acusacións de falta de pericia, aquela alución aos criterios de calidade que logo brillaron pola súa ausencia, a pretensión dun consentimento reforzado... Algunhas cousas con intención e outras sen ela, pero prexudicaron moito a nosa imaxe", explica Castrillo en referencia a declaracións de cargos do Sergas e da propia Xunta.
Así, o xinecólogo advirte de que, ben seguro, a maioría de pacientes serán conscientes deu que "a calidade e atención que damos en Verín é de calidade, pero tamén haberá quen os cuestion ou dubide" logo de todo o escoitado e lido. Castrillo non ten dúbida de que lles colocaron "un estigma". "Fixéronnos moito dato e foi duro; tivemos que defender o noso prestixio profesional porque nolo desgastaron", insiste.