O pasado 18 de xaneiro, a Xunta confirmou a marcha atrás e anunciou que recuperaba a atención aos partos e as urxencias pediátricas no hospital de Verín logo de dous meses de mobilización cidadá. Núñez Feijóo, no entanto, engadiu un pero a esa reapertura ao anunciar máis requisitos a nais e persoal sanitario á hora de afrontar un nacemento, unha medida que estaba pensada desde había semanas. Advertiu dun consentimento informado "reforzado" que logo o Sergas recoñeceu que sería aplicado "especificamente" no centro hospitalario de Monterrei. O rexeitamento e o malestar dos profesionais ante a medida fíxose evidente e este luns foi o Consello Galego de Colexios Médicos (CGCM) quen cualificou de "inadmisible" a intención do Goberno galego.
Os colexios médicos consideran que o consentimento informado "non pode ser, en caso ningún, unha delegación de responsabilidades do Segas cara aos pacientes"
Nun comunicado, o CGCM --que representa todo o persoal médico colexiado de Galicia-- considera a fórmula anuncadia para autorizar o proceso de parto en Verín como "inadmisible desde o punto de vista ético e asistencial".
A institución lembra que o consentimento informado é unha ferramenta "xa consolidada" no sistema sanitario para que os pacientes "decidan autonomamente se se someten ou non a unha intervención cirúrxica, a un tratamiento médico ou a unha proba diagnóstica". "Non pode ser, en caso ningún, unha delegación de responsabilidades da Administración Sanitaria, provisora do servizo, cara aos pacientes", advirte.
Para os médicos, "esta inédita variante de consentimento informado reforzado que se nos anuncia retorce o obxectivo para o que foi creado o consentimento informado, trasladando ás nais que vaian parir en Verín a decisión de facelo alí --e polo tanto das consecuencias que diso poidan derivarse--, nunhas condicións que foron cuestionadas por informes técnicos profesionais".
O CGCM advirte de que se o Sergas "asume a reapertura do paridoiro" no hospital de Verín "debe facelo desde o convencemento de ofrecer ás nais e neonatos as mesmas condicións de seguridade e calidade asistencial que no resto de paridoiros de Galicia".
"Se non está seguro diso, non debe escudarse nos 'reforzos' delegados nas familias e os médicos", remata a entidade, que lembra á Xunta que "súa e só súa é a responsabilidade da reapertura". "Sen reservas anticipadas nin consentimentos informados 'reforzados", conclúe.
"Esta inédita variante de consentimento informado reforzado retorce o obxectivo para o que foi creado"
Xa o pasado venres, o xefe de Xinecoloxía do hospital comarcal, Javier Castrillo, aseguraba que a Xunta "non pode impoñer un consentimento diferente ao doutros hospitais galegos". "Somos un hospital de primeiro nivel", dixo, tras subliñar que o paridoiro reabría "con todos os medios" e que non se podería aceptar outra cousa.