O Sergas recoñece que o "consentimento informado reforzado" que anunciou Feijóo para pemitir os partos no hospital de Verín así que reabra o paridoiro será unha medida específica para este centro. A pasada fin de semana, a Xunta confirmou a marcha atrás e anunciou que recuperaba a atención aos partos e as urxencias pediátricas logo de dous meses de mobilización cidadá. O presidente, no entanto, engadiu un pero a esa reapertura ao anunciar máis requisitos a nais e persoal sanitario á hora de afrontar un nacemento, unha medida que estaba pensada desde había semanas.
Fernández-Campa recoñece que o consentimento será reforzado "especificamente" no caso de Verín e que "non debería xerar debate ningún"
Agora, Antonio Fernández-Campa, xerente do Sergas, asume que esas condicións extras limitaranse ao hospital de Verín, a pesar de que a súa aplicación podería bater non só coa opinión dos profesionais do centro, que xa amosaron as súas dúbidas ao respecto, senón tamén con posibles demandas. Fíxoo na comisión de Sanidade levada a cabo no Parlamento, na que advertiu de que ese consentimento informado reforzado "non debería xerar debate ningún".
Así, insistiu en que ese consentimento informado débese "reforzar neste caso especificamente" para lograr "que a información a nais e pais sexa boa" antes dun proceso clínico e porque moitas veces esta información "é verbal". "Entendemos que neste caso é necesario reforzar que se fai a información ben", insistiu.
Torrado (PSdeG) considera "inaudito" que se engadan requisitos aos partos en Verín e cre que o consentimento reforzado "debería telo Feijóo para falar"
Fernández-Campa respondeu así ás preguntas do deputado do PSdeG Julio Torrado, que considera "inaudito" ese reforzo do consentimento porque "está poñendo en dúbida o sistema sanitario". "Están dicindo que non son quen de garantir a seguridade cando non é así; se cren que fai falta un consentimento reforzado é porque pensan que o servizo non debería estar", explicou o parlamentario, que considera que o devandito consentimento reforzado "debería telo Feijóo para falar".
"Se alguén ten que reforzar algo é porque o existente é máis débil ou inseguro. Hai algunha inseguridade máis? Non", engadiu Torrado, que considera que o obxectivo da Xunta é "poñer dúbidas" sobre o hospital de Verín.
Ademais, o deputado socialista lamenta que a Xunta non recoñeza que se viu "obrigada" a "rectificar" unha "decisión política" de pechar o paridoiro ante a mobilización cidadá. "Non calcularon ben a contestación cidadá", insistiu, tras acusar o Goberno galego de ter a intención final de suprimir tamén a atención aos partos nos hospitais comarcais de "Valdeorras, Monforte, Burela, Cee, Ribeira e O Salnés".