Non hai diferenzas no balance. Cidadanía mobilizada e profesionais do hospital de Verín coinciden na súa “satisfacción” logo de que a Xunta confirmase a súa marcha atrás e a reapertura do paridoiro, pero nin se fían ata que se materialice nin están conformes coa resposta do Goberno galego. Reclaman desculpas e piden dimisións logo dun conflito por pechar e aínda por cicatrizar.
O DOG publica este luns a convocatoria das dúas prazas de pediatría anunciadas pola Xunta para Verín
Neste mesmo luns, o Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle a convocatoria das dúas prazas de pediatría anunciadas pola Xunta para Verín o pasado sábado. En poucos días, o hospital comarcal recuperaría as urxencias pediátricas e a atención plena aos partos. Feijóo, nun acto no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), comprometeuse ademais a que o paridoiro sería reaberto en canto se puidese volver “cubrir o acto médico do parto” ao contar con dous especialistas pediátricos.
“Estamos moi contentas por terse tido en conta a presión cidadá e a mobilización, por ter recuperado o servizo, pero estamos á expectativa aínda”, din fontes das matronas, nunha análise na que coinciden coa veciñanza mobilizada.
“A noticia é moi satisfactoria, pero hai que acollela con prudencia ata que non a vexamos, ata que sexa real e deixemos o servizo aberto”, di Aurora Sola, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei. Advirte, ademais, que o peche do que se cumpren 50 días non rematará ata que os servizos suprimidos queden recuperados de vez.
Cidadanía e profesionais do hospital piden á Xunta que pida "desculpas" por ter acusado os persoal de "falta de pericia" con "argumentos falaces"
Sola entende que foi “a presión cidadá e o tesón da veciñanza” o que conseguiu “que o PP recuase nunha decisión que nunca debeu ter tomado”. Unha decisión, insiste, que considera “política”, ao igual que o colectivo das matronas ou os xinecólogos do centro. “O Sergas aludiu a informes técnicos e opinións de sociedades científicas que nunca nos achegaron malia pedilos, pero en cambio basearon neses argumentos falsos unhas afirmacións que acusaban os profesionais de falta de pericia, de non ter man e mesmo de poñer en risco a seguridade de nais e bebés... E agora que? Borrón e conta nova? Non pode ser”, din.
“Se cadra o primeiro que debería facer o Sergas é pedir desculpas, dicir que non foron acertadas as súas decisións e que non tiñan dereito a poñer en dúbida o traballo dos profesionais”, insisten fontes do persoal que advirten tamén de que 44 compañeiros do CHUO asinaron unha carta baseada “en argumentos falaces”.
Javier Castrillo, xefe de Xinecoloxía do hospital comarcal, considera a marcha atrás da Xunta unha noticia “positiva, tanto para os usuarios do centro como para os profesionais”, pero non dubida en denunciar que compañeiros de profesión “avalasen unha decisións en criterios técnicos que non existen”. “Non hai estudo científico ningún que diga o que argumentaron e por iso nunca presentaron tales informes”, insiste, ao igual que Rogelio Viñán, outro dos xinecólogos das instalacións verinenses, que denuncia tamén a “difamación” que sufriron e que lembra que o paridoiro “sempre estivo aberto”. “O que se pecharon foron as urxencias pediátricas, o que é aínda moito máis grave”, explica.
Persoal do hospital comarcal e a plataforma en defensa da sanidade pública piden a dimisión de Félix Rubial, xerente da área sanitaria
Lamentando tamén que o Consello Galego de Colexios Médicos non saíse na súa defensa, senón máis ben ao contrario, varias fontes de profesionais do hospital de Verín non dubidan en reclamar a “dimisión” do xerente da área sanitaria de Ourense, O Barco e Valdeorras, Félix Rubial, ou mesmo a do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. “En calquera outro país, o conflito que crearon tería provocado a súa marcha”, explican as mesmas fontes. “Só o custo político que lles provocaba a decisión os fixo recuar”, engaden.
Neste luns, o propio Feijóo ratificou a marcha atrás, obviou de novo referirse a antigos argumentos en contra agora silenciados e dixo que “nunca se quixo tomar esa decisión”. Agora, anuncia a volta da atención aos partos pero engade que estes deberán contar co “consentimento informado e reforzado” das familias á hora de dar a luz en Verín, outra reviravolta de difícil implantación desde un punto de vista legal e médico.
Feijóo anuncia un "consentimento informado e reforzado" que deberán asinar as familias para dar a luz no hospital de Verín
Sexa como for, desde a plataforma pola sanidade pública coinciden tamén nesas peticións de dimisión respecto de Rubial e lembran que “ninguén pediu perdón por todo o que se dixo”. “Deben pedir desculpas aos profesionais por pór en dúbida o seu labor e advertir dunha suposta falta de pericia e de seguridade no hospital que non é certo; parir no hospital de Verín é máis que seguro”, di Aurora Sola, voceira do colectivo.
Ademais, Sola advirte de que a cidadanía “seguirá loitando por todos os servizos que se foron perdendo nos últimos anos no hospital de Verín” para que o centro ofreza os medios e a calidade necesaria “para atender unha poboación de 30.000 persoas na comarca”. “Esta mostra de dignidade en Monterrei debería espallarse a outras zonas onde se están a perder servizos importantes”, engade quen chama á manifestación que o vindeiro 9 de febreiro en Santiago organiza SOS Sanidade Pública “contra o deterioro da Atención Primaria e o desmantelamento e peche de servizos nos hospitais públicos”.