A pasada fin de semana, a Xunta confirmaba a marcha atrás no peche da atención aos partos e das urxencias pediátricas no hospital Verín cando estaban a piques de cumprirse dous meses desde que anunciara a supresión de ambos servizos. Logo dunha forte mobilización cidadá, Sanidade volvía convocar dúas prazas de pediatría --agora negociadas de antemán coas persoas candidatas-- para recuperar o paridoiro xa no vindeiro mes de febreiro. A vitoria da mobilización social parece clara cunha decisión que, no entanto, agocha requisitos adicionais ás habituais no conxunto do Sergas para o persoal e as usuarias do centro verinense á hora de afrontar un nacemento.
Feijóo advirte dun "consentimento informado e reforzado" que terán que asinar as familias para levar a cabo os partos no hospital de Verín
Adiantouno Alberto Núñez Feijóo no acto do pasado luns no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) ao advertir de que os partos levaríanse a cabo sempre que se conte co "consentimento informado e reforzado" das familias. "Son as que nos van autorizar para facer os partos en Verín", dixo o presidente da Xunta, que asegurou que o hospital comarcal pode atender "un parto ordinario e sen complicacións mantendo a práctica clínica que ten neste momento".
A clave está no engadido do adxectivo "reforzado". O consentimento informado é habitual neste tipo de actuacións clínicas e noutras (máis de 600 foron asinados na área sanitaria ourensá nun ano), pero non que esa autorización poida engadir algún requisito excepcional e específico, como se pretende no caso de Verín. Porque iso é o que se busca, segundo fontes da Xunta consultadas por este diario: endurecer as condicións para poder dar a luz no hospital comarcal. Todo despois de que un dos argumentos iniciais para xustificar o peche fose a "falta de pericia" dos profesionais polo baixo número de nacementos.
A Xunta busca engadir requisitos adicionais e específicos aos partos en Verín; Almuiña fala dun "novo protocolo adecuado" e que "cumpra as expectativas"
Non é de agora. A idea roldaba a cabeza dos máximos responsables do Sergas e da propia Xunta desde hai semanas, así que se desatou o conflito polo peche do paridoiro, que atendeu tres partos malia a supresión do servizo, un deles dunha concelleira do PP que se negou a ser trasladada a Ourense, tal e como indicaba o protocolo da Administración tras a polémica decisión.
O propio conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, falou este martes na Radio Galega da próxima "recuperación da actividade" no paridoiro, pero aludiu varias veces á necesidade dun "novo protocolo de actuacións" que debía ser "adecuado" e que "cumpra as expectativas". Preguntado o Sergas por se ese consentimento "reforzado" implica condicións extras para persoal ou nais en Verín, a contestación non o aclara. Pero desde hai semanas, a Xunta prepara unhas novidosas premisas que poderían bater non só co rexeitamento dos profesionais no hospital comarcal, senón coa propia legalidade.
Fontes do persoal en Verín agardan que non se confirmen as intencións, pero advirten de que o Sergas xa impuxo hai tempo no hospital un protocolo de actuación para os partos que "anula profesionalmente os traballadores". "Eran unhas indicacións que só poderían ser válidas nun centro de saúde ou nun Punto de Atención Continuada (PAC)", contan. As condicións impostas para poder atender un parto eran tales que supoñían, segundo denuncian, "unha espada enriba" deles e un intento por "anular o hospital".
Persoal do hospital de Verín advirte dun protocolo de actuación cos partos imposto polo Sergas que xa "anula profesionalmente os traballadores"
"De cumprir cos criterios impostos, non poderíamos asumir case ningún nacemento; de chegaren as nais con algunha complicación perfectamente asumible no noso hospital, as indicacións era envialas a Ourense, arriscándonos a que a situación empeorase de camiño e na ambulancia. Estabamos atrapados", conta un profesional.
As mesmas fontes cren que a intención da Xunta é "anular o hospital de Verín". "É máis do mesmo, teiman en complicar as cousas, poñendo nun compromiso ás nais, advertíndolles de posibles riscos que non existen", insisten, ademais de advertir dun obxectivo final: "Ir pechando servizos para centralizar e favorecer a privada".
"É máis do mesmo, teiman en complicar as cousas, poñendo nun compromiso ás nais"
Outras fontes non aventuran tanto, pero si censuran a "obsesión" do Sergas co hospital de Verín. "Non é normal o que ocorre se isto non é unha manobra para intentar suprimir servizos malia as protestas de persoal e cidadanía", insisten. No fondo, o temor de que a reapertura "política" do paridoiro veña acompañada de requisitos que atranquen a súa actividade e fagan dubidar as nais, reducindo o número de partos e aumentando as derivacións a Ourense que, á espera da incorporación dos novos pediatras, son agora as indicacións. "Insisten en poñernos dificultades", resumen.