O peche da atención aos partos e das urxencias pediátricas no Hospital Comarcal de Verín chega á Xustiza. O pasado mércores, o sindicato de enfermería Satse presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Ourense polo peche do paridoiro e este xoves foi a CIG quen anunciou que presentara o pasado mércores xa un recurso contencioso administrativo contra a orde do pasado 29 de novembro do xerente da área sanitaria.
A CIG presenta recurso contra a orde de peche do paridoiro e reclama medidas cautelares que poderían suspender temporalmente a decisión
Ademais, a CIG solicitoulle ao xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense a adopción dunha medida cautelar de suspensión da orde que está a ser tramitada nesta altura, establecéndose un prazo de cinco días para que o Sergas presente alegacións e responda así á solicitude da central.
Será daquela cando o xulgado resolverá sobre se acepta ou non a suspensión da orde mentres se substancia o recurso contencioso administrativo interposto, unha posiblidade que, de aceptarse, suspendería temporalmente a orde de peche e permitiría manter aberto a atención aos partos, "polo menos até que o xulgado se pronuncie sobre o recurso", como lembra a CIG.
De non aceptarse a medida cautelar, a orde seguiría vixente á espera de que os tribunais se pronuncien sobre a legalidade ou non do seu peche.
A CIG decidiu impugnar a orde de peche o paridoiro ao entender que "a EOXI fai unha interpretación esguellada e parcial dunhas recomendacións --non normativas-- que aconsellan a 'non apertura' de novas maternidades en zonas con posibilidades de menos de 600 nacementos ao ano". "Esquecen que tamén propoñen a revisión e avaliación das opcións, non o pechamento, das maternidades xa abertas con partos inferiores a 600 ao ano”, destaca.
A área de influencia do hospital de Verín non chegou en ningún momento nin a un terzo deses 600 partos, tal e como se tira dos datos de nacementos desde a creación do centro. A CIG tamén considera que é "nidia a incongruencia" da motivación da xerencia ao utilizar unha recomendación (600 partos/ano) para xustificar o pechamento do paridoiro en Verín e manter abertos os dos seis hospitais comarcais de Galicia restantes, "que tampouco alcanzan esta cifra".
A central nacionalista advirte que a decisión de pechar o paridoiro débese a un "conflito laboral corporativo" do colectivo de pediatras de Ourense
Para a central nacionalista, ademais, o suposto perigo de perda de destreza dos profesionais sanitarios para atender partos, ao que apela a EOXI, "podería conxurarse --de producirse-- sen eliminar o servizo, proporcionando formación aos profesionais ou creando equipos itinerantes (tal e como se viña facendo cos pediatras)".
A CIG advirte de que a decisión de pechar o paridoiro en realidade está relacionada cun "conflito laboral corporativo", en concreto do colectivo de pediatras de Ourense. “A xerencia da EOXI, logo da xubilación do único pediatra de Verín, atopouse coa presión de ter 1.200 pacientes de pediatría en lista de agarda, e para solucionar o problema creado por un lobby corporativo decidiu suprimir un servizo público a toda unha comarca, non cunha base normativa, senón cun verniz pseudotécnico que non se cumprimenta en ningún hospital comarcal de Galiza”.