O problema da falta de pediatras enquístase en Galicia. A cada pouco, a indignación pola falta de especialista para os máis pequenos estoupa, como fixo xa no norte de Galicia ou ultimamente en Verín tras o peche do paridoiro pola supresión das urxencias pediátricas. Agora a protesta agroma na Costa da Morte.
A pediatra do saturado servizo de Cee e Corcubión incorpórase en febreiro a Verín, o que permitirá reabrir o paridoiro: "Desvestir un santo para vestir outro"
"Desvestir un santo para vestir outro", resumen familias afectadas da zona tras coñecer que unha das pediatras que asumirá unha das prazas ofertadas no hospital de Verín, o que permitirá a reapertura do paridoiro o luns 3 de febreiro, é precisamente a especialista que atendía a "saturada" área de Cee e Corcubión.
Segundo relatan familias afectadas a Praza.gal, a elevada cantidade de nenos que unha única pediatra atende nunha área duns 10.000 habitantes provoca que os profesionais acaben marchando na busca de mellores condicións. Así fixo a especialista que atendía no centro de saúde de Cee, que asumirá unha das prazas de Verín desde o luns. "Asumen o dobre de nenos do recomendado e acaban preferindo calquera destino porque non dan feito", explica un pai.
Desde o Sergas, segundo explican as familias, asegúranlles que a pediatra que agora marcha a Verín será substituída por outra, pero na zona temen que non sexa así ou que acaben por mandar un médico non especialista como xa ocorreu, denuncian, noutras ocasións. "Durante un tempo atendeunos un puericultor e non un pediatra", lembran.
Veciñanza manifestouse en Fisterra contra "os recortes en pediatría", que afectan varias localidades da Costa da Morte
A situación en Cee non é única. Neste mesmo venres, veciñanza manifestouse en Fisterra contra "os recortes en pediatría". Nesa localidade carecen de pediatra desde o pasado 19 de xaneiro e até o 19 de febreiro. O especialista colleu vacacións e non foi substituído, unha circunstancia que é denunciada en numerosas comarcas de Galicia, tamén en barrios das grandes cidades.
"Queremos un pediatra, a loita non remata", berraban os afectados. Na Costa da Morte, as denuncias das familias repítense cada pouco. Segundo contan, os concellos de Dumbría e Muxía comparten un pediatra, que atende dous días nunha localidade e tres noutro; en Zas, sen pediatra, os pais teñen que trasladar os nenos a Vimianzo.
Desde 2004, máis de 75 concellos galegos perderon o seu único pediatra e moitas outras localidades diminuíron o seu persoal. Na Costa da Morte, a gravidade da situación exemplificouse co caso dunha nai que tivo que desprazarse 140 quilómetros durante tres horas para atopar un pediatra para o seu bebé no Nadal de 2018. A situación no norte de Galicia é moi semellante e o último conflito en Verín amosa que a crise abrangue todo o país.
Os problemas pola falta de pediatras espállanse por toda Galicia, desde A Mariña e o Ortegal ata Valdeorras, pasando pola Costa da Morte ou as cidades
A Xunta insiste nun problema estrutural que afecta todo o Estado e acusa o Goberno central. En Galicia, a oposición pide establecer un plan especial de contratación de pediatras, negociar co Executivo estatal o aumento de prazas en pediatría e deter os recortes nos centros sanitarios. "O Sergas intenta arranxar os problemas con parches, acudindo alí onde hai mobilización e se fai ruído, pero só desprazan os problemas", explica un pai da Costa da Morte, onde asenta agora o eterno conflito sanitario para a Xunta.