O centro de Santiago volveu ateigarse contra a política sanitaria de Feijóo. Milleiros de persoas encheron as rúas -e a praza da Quintana no final- contra os "recortes", a "privatización" e a "deterioración" da sanidade pública, golpeada por conflitos e protestas en todos os seus ámbitos, sobre todo nos últimos meses.
"Co lío que hai aquí, e Feijóo está en Madrid", berraron os manifestantes nunha marcha que coincidía coa que a dereita e a ultradereita celebraron na capital do Estado
Tras a pancarta que advertía de que a sanidade pública está "en perigo", xente chegada de todos os puntos de Galicia, profesionais sanitarios, traballadores do sector e quince colectivos e plataformas secundaron unha marcha apoiada por toda a oposición e os sindicatos. "Defendámola", pedían.
"Co lío que hai aquí, e Feijóo está en Madrid". Esa foi a consigna máis repetida dunha mobilización que coincidía en horario coa que en Madrid celebraban PP e Ciudadanos, xunto a Vox e outros grupos de extrema dereita.
Outras consignas como "non á privatización" ou "Feijóo atende, a sanidade non se vende" foron das máis utilizadas nunha marcha que acabou coa lectura dun manifesto no que se fixo un repaso polas eivas do sistema sanitario público. Ademais, reclamáronse medidas urxentes abrindo un "diálogo" entre administración e implicados, un incremento orzamentario, cubrir todas as vacantes, rematar coa precarización e, sobre todo, elaborar "un novo plan de mellora da Atención Primaria en Galicia".
Foi outra manifestación contra a “deterioración” da atención sanitaria E foi convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, só un ano despois da concorrida protesta contra a reforma sanitaria de Feijóo. Concentrou todas as reivindicacións que nos últimos meses se desenvolven no país, con alertas por carencias no Sergas, dende os ambulatorios ata os hospitais.
A mobilización concentrou todas as reivindicacións sanitarias que se desenvolven en Galicia desde hai meses
Volveu demostrarse que a vaga mobilizadora contra a reforma sanitaria e os recortes sanitarios non só non decaeu, senón que vai a máis e abrangue cada vez máis lugres e sectores. O movemento foi aguilloado por un punto de inflexión dramático, o falecemento dun paciente sen ser atendido no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada no mes de agosto. O persoal dos PAC, precisamente, levaba xa daquela meses a protestar contra a falta de medios e persoal no seu traballo.
O persoal destes Puntos de Atecion Continuada coincide con outros colectivos e sindicatos sanitarios nunha diagnose que se repite: a consecuencias das restricións orzamentarias dos anos da crise, a célebre "austeridade", están a "estoupar" agora xunto a outros problemas estruturais que van da precariedade laboral á carencia de profesionais.
No manifesto final, lido por Quico Cadaval e Isabel Risco, SOS Sanidade Pública resumiu as reivindicacións dun dos “mellores sistemas sanitarios do mundo” que está a ser “derrubado aos poucos para deixar espazo ao sector privado”. Segundo denuncia o colectivo, a política da Xunta baséase en “recortar, desmantelar e privatizar” e lembraron que co Goberno de Feijóo, e desde 2008, “reduciuse nun 20% o gasto sanitario e suprimíronse máis de 1.000 prazas de persoal ou 500 camas hospitalarias”.
"Un dos mellores sistemas sanitarios do mundo está a ser derrubado aos poucos para deixar espazo ao sector privado"
O diagnóstico foi claro ao advertir do “mantemento e ocultación das listas de espera”, da “masificación das consultas de atención primaria” con consultas de ata “60 pacientes ao día”, “a deterioración dos PAC por falta de recursos e persoal con resultados dramáticos que todo o mundo coñece”, o “colapso dos servizos de urxencias”, a “rebelión dos servizos de ambulancias, con traballadores sometidos a condicións indignas” ou a “dimisión dos xefes de servizo de Vigo”. “Seguen dimitidos, diga o que diga o Sergas”, explicaron.
Así, o manifesto alertou da “privatización a pasos axigantados” e puxo de exemplo o “resultado desastroso do Álvaro Cunqueiro de Vigo para favorecer o concerto ingular co hospital privado POVISA”.
Tamén foi a Lei de Saúde outro dos obxectivos dunha marcha tras a que se criticou unha modificación lexislativa que pretende “consolidar a marxinación e o sometemento da Atención Primaria aos hospitais” ou “recentralizar o sistema acabando coa autonomía das áreas e hospitais comarcais” tras eliminarse catro áreas sanitarias. “Están a recortarse e desmantelando os hospitais comarcais, afastando á poboación rural da atención de saúde hospitalaria”, di SOS Sanidade Pública, que cre que a Xunta busca “consolidar a precariedade laboral e abrir espazo á laboralización do persoal mediante chiringuitos de xestión privada” e “poñer a investigación, o desenvolvemento, a innovación e a formación do sistema sanitario público galego en mans de laboratorios, empresas tecnolóxicas, bancos e multinacionais”.
SOS Sanidade Pública alerta do "mantemento ou ocultación das listas de espera", da "masificación", "o colapso" ou os "desastrosos resultados da privatización"
Por todo isto, cren que a sanidade pública enfróntase ao dilema de “recuperar os recursos recortados ao longo destes anos e que a está sumindo nunha crise que a pon en risco” ou “entrar nun proceso de deterioración, antesala da súa destrución”.
Xa que logo, a plataforma, que xunta todas as loitas sanitarias en Galicia, propón varias medidas inmediatas. A primeira delas, “abrir unha mesa de diálogo” entre aministración e responsables políticos, sindicais e sociais e non “grupos de traballo con afíns”. Ademais, “recoñecer” que o futuro do sistema sanitario en Galicia debe partir dun “consenso entre diferentes forzas políticas para aplicar durante anos e ir mellorando o perdido por culpa da política do PP”.
Ademais, piden un “aumento do orzamento na Atención Primaria, ata alcanzar o 25%”, a “eliminación da tasa de reposición”, “oposicións inmediatas para cubrir todas as vacantes” e “negociación directa” co persoal dos PAC e dos servizos de Urxencias na busca dunha solución ás súas eivas.
O colectivo insta a “cambiar as condicións laborais” do persoal precario e “recuperar os profesionais que están fóra do sistema sanitario galego”, ademais de instaurar unha xerencia de Atención Primaria “en pé de igualdade coa da Especializada”. O obxectivo tamén, que haxa “un tempo de consutla suficiente”, “autonomía dos centros de saúde” ou a “redefinición de cupos cun máximo non superior ás 1.200 persoas”. En resumo, din, acabar coa “privatización” e pasar á “elaboración dun novo plan de mellora da Atención Primaria en Galicia”. “Por consenso e canto antes”, remataron.
Reproches a Feijóo por estar "nunha marcha falanxista"
Así, o portavoz de SOS Sanidade Pública,, Manuel Martín, denunciou que "toda a cidadanía e traballadores sanitarios están absolutamente en rebelión". Segundo di, é "inadmisible" que un bo sistema sanitairo como o que había se estea "desmantelando" polo afán de Feijóo "en dar oportunidade ás multinacionais privadas".
Desde a oposición, o voceiro de En Marea, Luís Villares, destacou que "mentres Feijóo se pasea nunha marcha falanxista polo odio e a confrontación, unha marea humana maniféstase a prol da vida e da saúde". O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reprochou tramén que o presidente da Xuntga se puxese "a disposición de Casado e os seus pactos de ultradereita" no canto de "escoitar o clamaro da rúa en Galicia". Pola súa banda, Ana Pontón, portavoz do BNG, destacou que é "importante saber con quen estás e que defendes". "Feijóo preferiu estar con trifachito en contra de Galiza", dixo.