A reforma sanitaria blinda por lei pactos do Sergas co sector privado como o que a Xunta oculta ao Parlamento

Detalle dunha das pancartas na manifestación a prol da sanidade pública CC-BY-NC GZ Foto

A multitudinaria manifestación que o pasado domingo rexeitou nas rúas de Santiago a reforma sanitaria que ultima a Xunta resultou especialmente incómoda no seo do Goberno galego e do partido que o sustenta. O argumentario dos populares contra a mobilización impulsada pola plataforma SOS Sanidade pública co apoio dos principais sindicatos e de toda a oposición parlamentaria baséase en que a protesta está baseada en "mentiras" e procura "manipular" a poboación a partir de datos "falsos". Executivo e PPdeG negan que existisen recortes orzamentarios na sanidade pública, aínda que en realidade roldaron os 1.000 millóns de euros, e rexeitan que a reforma abra novas portas do Sergas ao sector sanitario privado. No entanto, a letra da lei di outra cousa.

Entre os cambios que o novo texto introduce na lei de saúde de 2008 -impulsada polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG, pero xa modificada polo gabinete do PP en ata cinco ocasións- figura unha ampla reforma do capítulo terceiro, o que ata agora regulaba a "investigación biomédica no sistema público de saúde de Galicia" e que de agora en diante se referirá á "investigación e a innovación".

O texto insire cobertura legal específica para asinar "contratos ou convenios" con "entidades públicas ou privadas" para "o desenvolvemento conxunto" de "produtos ou tecnoloxías sanitarias"

Na súa nova redacción o Goberno acrecenta o antigo artigo 131, que daba ás "autoridades públicas competentes en investigación e sanidade" a competencia de "establecer o réxime de colaboración co Sistema Público de Saúde". Insírese agora cobertura legal explícita para acordos con empresas privadas como o que permitiu a unha multinacional estadounidense "testar" os seus produtos e servizos en hospitais públicos galegos. Neste pacto, como revelou Praza.gal, incluíanse anexos coas súas condicións concretas que a Consellería de Sanidade se negou a revelar a doentes que os pediron e tamén á oposición parlamentaria.

A Consellería de Sanidade, o Sergas e as entidades que dependenden deles, di o texto da reforma, "poderán subscribir contratos ou convenios con outras entidades públicas e/ou privadas" para "a realización de proxectos específicos de investigación ou innovación" que "permitan o desenvolvemento conxunto de novas solucións, servizos ligados ao coñecemento, produtos ou tecnoloxías sanitarias". Isto é exactamente o que sucedeu nos convenios entre o Sergas e a americana Medtronic, no que a sanidade pública puxo cartos e persoal e a empresa, tecnoloxía, executivos e produtos para desenvolver proxectos de "calidade" na atención sanitaria que despois a compañía prevé ofertar ao "mercado".

Fragmento do "anexo" dun dos convenios entre Sanidade e Medtronic que a Consellería se negou a revelar

Menos información sobre contratos

Esta cobertura legal aos acordos con compañías como Medtronic chega acompañada de nova terminoloxía e preceptos económicos na lei sanitaria, tales como a intención de que "o sector sanitario se converta nun dos motores de desenvolvemento económico" ou incremente a súa "achega ao produto interior bruto". Se sae adiante tal e como está redactada as novas medida entrarán en vigor nun contexto no que órganos de participación cidadá na sanidade pública como o Consello Galego de Saúde terán menos información directa sobre os contratos do Sergas.

O Consello Galego de Saúde e os Consellos de Saúde de Área perden o dereito concreto de "coñecer" e seren "informados" sobre "contratos de servizos sanitarios, concertos e programas de subvencións"

Entre as modificacións que trae consigo o novo texto figura unha reforma deste órgano, no que xunto á Administración sentan os concellos, sindicatos sanitarios, colexios profesionais, universidades, sociedades científicas ou colectivos de pacientes, entre outros. Así, desaparece da lei o artigo que dá aos membros deste e doutros órganos de participación dereito ao "acceso e consulta, en calquera momento e nun tempo razoable, de datos ou documentos" da Consellería.

Especificamente, o Consello Galego de Saúde perde a potestade específica de "coñecer e ser informado dos contratos de servizos sanitarios, dos concertos e dos programas de subvencións, así como da avaliación do informe do seguimento relativo a eles". Isto mesmo sucede cos Consellos de Saúde de área, aos que no entanto se lles concede ter "coñecemento dos investimentos e melloras" que o Sergas teña previstos. No caso dos Consellos de Sáude de Distrito, de nova creación, si se prevé, no entanto, que coñezan "os mapas de derivacións" a outras institucións sanitarias "segundo patoloxías".

Nova estrutura e novas "autoridades"

Todos estes preceptos acompañan na reforma a unha das súas vertentes máis mediáticas, a da mudanza das áreas sanitarias. No texto de 2008 sinalábase de xeito xenérico que o Sistema Público de Saúde está estruturado "en áreas e zonas sanitarias" definidas no Mapa Sanitario de Galicia a partir da lei xeral de sanidade de 1986 e "determinadas" por decreto do Consello da Xunta. O Goberno galego foi introducindo cambios ata que na actualidade o modelo se asenta en 7 estruturas de xestión integrada que administran 11 áreas sanitarias.

Os xefes territoriais da Consellería de Sanidade pasan a ser tamén "autoridade"

A nova lei reduce as áreas de 11 a 7 e nomea cales son: A Coruña-Cee, Santiago-Barbanza, Ferrol, Lugo-A Mariña-Monforte, Ourense-Verín-O Barco, Pontevedra-O Salnés e Vigo. Desaparecen, daquela, as áreas da Mariña, de Monforte, do Salnés e do Barco, que pasan a ser un dos 14 "distritos sanitarios". O resto serán A Coruña, Cee, Santiago, Barbanza, Ferrol, Lugo, Ourense, Verín, Pontevedra e Vigo.

Entre as novidades da nova normativa que o PP prevé sacar adiante malia ao criterio contrario do resto da oposición -e tras rexeitar numerosas alegacións do sector- figura tamén a extensión da "condición de autoridade sanitaria". Cando entre en vigor a nova norma seguirán tendo esta consideración o Consello da Xunta, o conselleiro ou conselleira de Sanidade, os directivos da Consellería e mais os alcaldes e alcaldesas e o persoal de inspección sanitaria. Ademais, gañarán este rango os xefes territoriais da Consellería.

Interior dun centro sanitario galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.