A Xunta defende no Parlamento ocultar parte do pacto do Sergas cunha multinacional americana

Fragmento do "anexo" ao convenio entre Sanidade e Medtronic que a Consellería se negou a entregar á Asociación de Pacientes CC-BY-SA Praza Pública

O Servizo Galego de Saúde ten en vigor dende 2016 cando menos cinco acordos con Medtronic, unha multinacional estadounidense especializada en "tecnoloxía, servizos e solucións médicas". A parte pública destes convenios amosa que con eles a Xunta permite á compañía privada actual en hospitais públicos, pero obvia os detalles concretos do pacto, debullados en anexos que a Xunta decidiu non facer públicos. Como informou Praza.gal, esa segunda parte evidencia que a empresa pode "testar" os seus produtos en instalacións do Sergas e ademais deixa claro que a Administración pon persoal e cartos en pactos que oficialmente non implicaban achega económica ningunha. Despois de se negar a facilitarlle esa información a Asociación de Pacientes do Hospital de Santiago, un dos afectados, o Goberno galego vén de defender formalmente a ocultación tamén no Parlamento.

Tras transcender a negativa á Asociación de Pacientes -que trasladou a súa reclamación á Comisión de Transparencia, dependente da Valedora do Pobo- e os detalles do acordo oculto, aos que tivo acceso este diario, a oposición parlamentaria anunciou que pediría explicacións a Xunta ao respecto. Unha das deputadas que o fixo foi a voceira de En Marea en materia sanitaria Eva Solla, a través dunha pregunta rexistrada a mediados de decembro á que Sanidade vén de ofrecer unha resposta parcial para defender a ocultación apelando as limitacións establecidas na vixente lei de transparencia e bo goberno aínda que non na norma galega, aprobada en 2016 como renovación da vixente dende dez anos antes, senón na estatal.

O documento que a Xunta se negou a entregar aos pacientes permite á empresa actuar en hospitais do Sergas e implica un gasto público indeterminado

Nesa resposta o Goberno abonda no razoamento que xa ofrecera aos pacientes: non pode revelar o anexo para non prexudicar o "segredo comercial" e a "propiedade industrial" de Medtronic, aínda que cunha argumentación distinta. "A Asociación de Pacientes e Usuario do CHUS solicitou copia do acordo específico" do Sergas con Medtronic para o CHUS" e "foille remitida", lembra a Consellería, quen admite que o colectivo "tamén pediu os anexos aos acordos específicos" para os hospitais de Santiago, A Coruña e Lugo e "esa solicitude foi denegada", aínda que "en ningún caso para antepoñer o dereito comercial da empresa ao dereito xeral de acceso á información pública", tal e como "acusa" En Marea, lamentan.

O Goberno galego responde a En Marea que non revelou o contido íntegro do acordo para atender a limitacións da lei estatal de transparencia non incluídas na norma galega

Coa súa negativa, asegura o Goberno, non se está máis que a aplicar o "estrito cumprimento" do artigo 14" da lei estatal de transparencia, no que se sinala que o dereito de aecceso poderá ser limitado cando acceder á información supoña un prexuízo para unha serie de aspectos, entre os que están o segredo profesional e a propiedade intelectual e industrial". Na lei galega, no entanto, o segredo comercial e industrial só é un límite para a divulgación de información sobre subvencións, non sobre convenios. Sanidade aplica así de xeito extenso outro artigo da normativa autonómica, o 25, no que se apela á normativa básica -a estatal- para limitar o acceso á información pública, aínda que tamén se indica que "naqueles casos en que a aplicación dalgunha limitación non afecte á totalidade da información e sempre que sexa posible, concederase o acceso parcial" ao documento solicitado.

Publicado integramente pola Generalitat

Páxinas e fragmentos dos convenios asinados por Medtronic coa Generalitat (esquerda) e coa Xunta (dereita) / Praza Pública

O Goberno catalán asinou un acordo moi semellante con Medtronic e divulgou o anexo que a Xunta oculta

Como revelou Praza.gal, as cautelas do Goberno galego coa protección do "segredo comercial" e a "propiedade industrial" de Medtronic contrastan coa publicación íntegra dun acordo practicamente idéntico asinado coa mesma empresa coa Generalitat de Catalunya no ano 2015, en tempos da presidencia de Artur Mas. O pacto da compañía estadounidense coas autoridades sanitarias catalás tiña como obxectivo desenvolver no hospital de Bellvitge un programa moi semellante ao que a Xunta lle permite realizar no Clínico compostelán e, unha vez asinado, foi incluído como referencia no Diari Oficial de la Generalitat e publicado co seu anexo no portal de transparencia do Institut Català de la Salut, onde aínda pode ser consultado.

Tanto no caso catalán como no galego a Administración abriu a Medtronic as portas da sanidade pública e a empresa desenvolveu unha política comercial moi semellante nos dous territorios. Tanto en Bellvitge como en Santiago a empresa "cedeu" o uso de equipamentos médicos para emprego exclusivo no marco do propio acordo e, a cambio, a sanidade pública asume os custos correntes, o mantemento da maquinaria "cedida" e a asignación do persoal necesario, entre outros aspectos. No entanto, o acordo coa Generalitat si inclúe unha estimación de custos que o asinado co Sergas non recolle.

O conselleiro de Sanidade, nunha intervención pública ante Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.